O BNG de Vigo reclamou este luns unha maior coordinación entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia para afrontar a situación de seca e garantir o abastecemento de auga potable á cidade e á súa contorna. A formación nacionalista tamén anunciou que solicitará documentación municipal para coñecer con maior detalle o estado da rede e as medidas adoptadas ata agora.
O portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez Igrexas, pediu ás administracións que deixen de lado a confrontación política arredor da xestión da auga. Segundo defendeu, resulta necesario que Concello e Xunta compartan información e coordinen actuacións ante a redución das reservas e o atraso das precipitacións.
O grupo nacionalista considera que a situación require “cooperación e transparencia” e criticou que PP e PSOE utilicen o problema do abastecemento “como arma arreboladiza na súa permanente pelexa partidista”.
Entre as actuacións anunciadas polo BNG figura a solicitude formal de acceso a todos os informes técnicos dispoñibles sobre as fugas nas conducións municipais. Pérez Igrexas sostén que coñecer este dato é necesario para avaliar a eficiencia da rede e determinar que actuacións poden contribuír a reducir as perdas de auga.
O portavoz sinalou que é “imprescindible” que o Concello facilite información “verificable” sobre o funcionamento do sistema de abastecemento, especialmente nun escenario no que as administracións estudan posibles medidas de aforro.
Os nacionalistas tamén pedirán as actas das reunións do Comité de Seguimento da Seca, un órgano que, segundo anunciara o alcalde, Abel Caballero, quedou constituído o pasado 7 de xullo.
O obxectivo, segundo explicou o grupo municipal, é comprobar que decisións se adoptaron desde a creación deste comité e en que fase se atopa a aplicación das medidas acordadas.
Outra das cuestións sobre as que o BNG reclamará información é se o Concello mantivo contactos cos grandes consumidores de auga para estudar unha redución do uso intensivo deste recurso na industria e noutras actividades económicas.
A formación lembra que unha iniciativa deste tipo xa fora posta en marcha en agosto de 2022, así como noutras situacións de escaseza. Segundo os datos expostos polo grupo nacionalista, naquela ocasión a presa de Eiras, principal fonte de abastecemento para Vigo e parte da súa área, presentaba un nivel de ocupación arredor de vinte puntos superior ao actual.
Por este motivo, o BNG considera necesario coñecer se se están aplicando de novo medidas preventivas para conter o consumo antes de que se produza un maior descenso das reservas.
“O que precisan os vigueses e as viguesas é rigor, responsabilidade e medidas preventivas, ante o atraso cíclico das chuvias, non máis trincheiras nin propaganda electoralista”, afirmou Pérez Igrexas.
O portavoz insistiu en reclamar tanto á Xunta como ao Concello de Vigo que abandonen as disputas públicas arredor da seca e centren os seus esforzos na coordinación das medidas de abastecemento, aforro e eficiencia. Ao seu xuízo, as dúas administracións deben deixar atrás as “polémicas” e priorizar a “xestión” para afrontar unha eventual prolongación da falta de precipitacións.
