InicioPolíticaO BNG reclama revisar a rede de saneamento de Vigo tras unha...

O BNG reclama revisar a rede de saneamento de Vigo tras unha vertedura fecal no Náutico

Os nacionalistas denuncian que este tipo de episodios se repiten despois das choivas e reclaman ao Concello unha análise dos puntos da rede que desembocan directamente na Ría

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG de Vigo reclamou este venres unha revisión “exhaustiva” da rede municipal de saneamento despois de que nas últimas horas se producise unha vertedura con residuos fecais desde o colector situado no dique do Náutico, nunha zona céntrica da cidade e con saída directa ao mar.

O portavoz municipal da formación nacionalista, Xabier Pérez Iglesias, criticou que este tipo de incidentes continúen producíndose, especialmente coincidindo con episodios de precipitacións. Segundo advertiu, non se trata dun feito illado, senón dunha problemática que, ao seu xuízo, se vén detectando desde hai anos en diferentes puntos do litoral vigués.

Para Pérez Iglesias resulta “inxustificable” que as choivas poidan acabar provocando a expulsión de augas residuais cara á Ría. “Non podemos seguir tratando a Ría como un gran sumidoiro”, manifestou o portavoz do BNG.

A formación reclama ao goberno municipal encabezado por Abel Caballero que analice o funcionamento do conxunto da rede de saneamento e que centre especialmente os controis nos colectores e conducións que teñen saída cara ao mar, co obxectivo de detectar posibles deficiencias e evitar novos episodios de contaminación.

Pérez Iglesias cualificou estas situacións de “intolerables” e vinculou a súa crítica tamén co custo que soportan os usuarios do servizo. Segundo sinalou, os vigueses “pagan no recibo da auga uno dos saneamentos máis caros de toda Galicia”, polo que considera necesario garantir que a infraestrutura funcione correctamente e evite descargas contaminantes na contorna marítima.

O portavoz nacionalista advertiu ademais das posibles consecuencias ambientais de manter este tipo de episodios e alertou do risco de que a baía viguesa acabe funcionando como unha “xigantesca cloaca” se non se adoptan medidas.

O BNG relaciona esta reclamación cos episodios recentes de verteduras consideradas tóxicas detectadas en praias da cidade. Pérez Iglesias sostén que situacións semellantes poderían volver producirse se o Concello non intervén “con decisión e firmeza” para revisar a rede e corrixir os puntos nos que poidan existir problemas de capacidade, funcionamento ou evacuación das augas residuais.

ÚLTIMAS

Abel Caballero xa pon data ao Nadal de Vigo: 12 millóns de luces, 500 rúas iluminadas e novidades para o gran acendido do 14...

Vigo xa ten data para un dos momentos máis agardados do seu calendario festivo:...

O BNG de Vigo pide a Caballero que esixa á Xunta a suspensión dos PIA do Ofimático e Santa Cristina

O BNG de Vigo pediu ao alcalde, Abel Caballero, que esixa á Xunta de...

Caballero denuncia que a Xunta pida agora máis documentación para utilizar auga rexenerada

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que a Xunta pida agora máis documentación...

Multas de 200 euros nas zonas de baixas emisións de Vigo? O PP esixe a Caballero que aclare se cumprirá a súa promesa

A implantación das zonas de baixas emisións en Vigo volve abrir un debate sobre...