InicioPolíticaCaballero acusa á Deputación de frear o convenio de Vigo e Sánchez...

Caballero acusa á Deputación de frear o convenio de Vigo e Sánchez asegura que os cinco millóns están garantidos

O alcalde sostén que a institución provincial non quere formalizar o acordo de investimentos para 2027, mentres a vicepresidenta da Deputación nega esa versión e recrimina ao Concello que manteña sen executar 7,5 millóns de fondos provinciais

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, volveron enfrontar este mércores as súas versións sobre os investimentos da institución provincial na cidade. O rexedor acusou a Deputación de non querer asinar o convenio de cinco millóns de euros para 2027, mentres Sánchez respondeu que esa cantidade está “garantida” e que non será desviada a ningún outro concello.

Caballero retomou así as súas críticas á Deputación, á que cualificou novamente de “pufera”, e asegurou en declaracións remitidas aos medios que o organismo provincial non pretende formalizar o convenio correspondente ao próximo exercicio.

Segundo o alcalde, o goberno local está xa nunha fase avanzada de elaboración dos orzamentos municipais de 2027 e, se o acordo non se pecha, os cinco millóns de euros non poderán figurar nas contas da cidade.

“Agora a cousa aínda empeora porque agora non queren asinar o convenio dos 5 millóns e neste momento temos moi avanzado o orzamento da cidade e imos pechalo”, afirmou Caballero, quen responsabilizou directamente a Luisa Sánchez da situación.

O rexedor sostivo ademais que a Deputación debería elevar a súa achega ata os 6,5 millóns de euros para actualizar a contía conforme á inflación. Ao mesmo tempo, reiterou que o organismo provincial recibe do Goberno central arredor de 85 millóns de euros vinculados, segundo a súa interpretación, á achega económica de Vigo, cifra que situou en 90 millóns para o próximo ano.

Caballero cualificou de “míseros” e “cutres” os cinco millóns previstos no convenio e insistiu en que, se non se formaliza o acordo, o Concello continuará adiante coa elaboración do seu orzamento sen incorporar esa partida.

“O orzamento segue para adiante, irá sen ese convenio”, sinalou, antes de acusar a dirixente popular de querer destinar eses recursos a outros municipios da provincia.

O alcalde tamén levou a disputa ao terreo electoral ao prognosticar que Sánchez “non vai sacar nin un voto”.

A resposta da vicepresidenta provincial chegou tamén este mércores. Luisa Sánchez desmentiu “de plano” as afirmacións do alcalde e asegurou que os cinco millóns de euros previstos para Vigo en 2027 están reservados para a cidade.

“Descoñezo os motivos polos que Abel Caballero realiza estas manifestacións, porque o Concello de Vigo nin sequera propuxo un só investimento á Deputación para o vindeiro ano”, indicou.

Sánchez subliñou que a cantidade prevista é equivalente á que se destinaba a Vigo durante a presidencia da socialista Carmela Silva. Tamén recuperou unha crítica sobre a xestión da anterior etapa, ao afirmar que Silva “tardaba ata 28 meses en pagarlle facturas ao Concello”.

A vicepresidenta provincial atribuíu as declaracións de Caballero á proximidade do ciclo electoral e reprochoulle que fale reiteradamente das eleccións en lugar de centrarse, segundo sostivo, na xestión dos problemas da cidade.

En resposta ás expresións utilizadas polo alcalde sobre a contía do convenio, Sánchez defendeu que cinco millóns de euros permitirían financiar actuacións en vivenda, asfaltado, políticas sociais, transporte urbano ou promoción aeroportuaria de Peinador, entre outras posibilidades.

SÁNCHEZ CIFRA EN 7,5 MILLÓNS OS FONDOS PENDENTES DE EXECUTAR

A dirixente provincial introduciu ademais outro elemento no intercambio de acusacións: segundo os datos facilitados pola Deputación, o Concello de Vigo ten actualmente 7,5 millóns de euros de investimento provincial pendentes de executar.

Desa cantidade, cinco millóns corresponderían aos convenios previstos para este ano e outros 2,5 millóns ao proxecto do parque da Finca Matías, incluído nun acordo anterior.

Sánchez explicou que este último convenio terá que ser prorrogado debido a que os traballos non comezaron dentro do prazo establecido.

“Quéixase dos 5 millóns do ano 2027, que parece rexeitar agora, cando ten 7,5 millóns sen usar do ano 2026”, manifestou.

Tamén criticou que o Concello reclame convenios cunha duración de tres anos, como os que se formalizaban durante a etapa de Carmela Silva á fronte da Deputación, cando, segundo a vicepresidenta, aínda non se completaron compromisos correspondentes ao actual exercicio.

“Se alguén o entende, que nolo explique. Mal alcalde é o que non quere fondos externos para a súa cidade”, afirmou Sánchez.

A vicepresidenta lamentou finalmente que Caballero abra unha “nova liorta” coa institución provincial e cifrou en 47 millóns de euros os investimentos comprometidos pola Deputación con Vigo durante a actual etapa de goberno provincial.

ÚLTIMAS

A irmá de Humberto Baena pide a Caballero unha homenaxe oficial en Vigo

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados pola ditadura...

A Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte das bases das festas do Cristo: outro ano sen atraccións

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra estimou parcialmente un recurso interposto pola...

Prisión para un home que ameazou cunha arma a unha muller e aos seus fillos na área de Vigo

A Garda Civil detivo na área de Vigo un home de 43 anos por...

Tres feridos leves nun accidente na Gran Vía de Vigo que terminou cun coche envorcado

Tres persoas sufriron feridas leves na noite deste domingo despois dun accidente entre dous...