O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este sábado a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condena a Autoestradas da Atlántico S.A. (Audasa) a devolver as peaxes cobradas durante as obras de ampliación da ponte de Rande entre os anos 2015 e 2018.
Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor cualificou a resolución como “unha máis que se suma a todas aquelas accións da AP-9 danando á poboación da cidade de Vigo e de toda Galicia”. A decisión xudicial refírese ao período no que se executaron traballos na infraestrutura e no que, segundo o fallo, se mantiveron os cobros a pesar das afeccións derivadas das obras.
Caballero aproveitou a súa intervención para reiterar a súa demanda de supresión das peaxes na AP-9 no seu percorrido completo, desde Tui ata Ferrol. Ao seu xuízo, a veciñanza está a asumir un custo que non lle corresponde: “A cidadanía está a pagar indebidamente”, afirmou, engadindo que “cada vez os tribunais vano recoñecendo”.
O alcalde insistiu en que a vía vertebra Galicia de sur a norte e que o seu réxime concesional supón unha carga económica para milleiros de usuarios e usuarias que a empregan a diario.
CRÍTICAS Á PRÓRROGA DA CONCESIÓN
Na mesma intervención, Caballero solicitou “censura” para o expresidente do Goberno central José María Aznar, quen aprobou a prórroga da concesión da autoestrada ata o ano 2048. “Cando Aznar prorrogou a concesión, fíxolle a este país un dano irreversible”, manifestou.
A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña abre agora un novo escenario xudicial arredor da xestión e das condicións de explotación da principal vía de alta capacidade de Galicia, nun contexto no que continúan as demandas políticas e sociais sobre o seu modelo concesional e o futuro das peaxes.
