O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afeou este martes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que reclamase –nun acto con empresarios– a conexión de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e O Porto, e non mencionase o AVE directo a Madrid pola variante de Cerdedo, “a obra máis importante” para a cidade. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor acusou a Rueda, ao PP de Vigo e ao BNG de oporse a esa conexión, para que os viaxeiros teñan que “ir por Santiago”, “dando unha volta de 100 quilómetros”.
Por outra banda, engadiu que “a segunda obra máis importante” é a nova autovía ao Porriño en túnel, e que os populares propoñen “seguir pola A-55 con esas curvas terribles” ou “ir a Tui, e subir ao Porriño para ir a Madrid”. “Tómannos o pelo”, denunciou. Caballero lembrou a Rueda que “quen está a cumprir é o Goberno de España”, porque “vai arranxar o gran problema” do paso a nivel do Porriño e haberá tren de alta velocidade “cando Portugal o faga”, porque “España vai moi adiantada con respecto a Portugal”.
Con respecto á autovía, reiterou que é a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que se opón a esa obra, “a que manda no PP”. “Rueda dobrégase a isto e o Partido Popular de Vigo queda calado. Rueda non quere que teñamos autovía e sabedes por que non quere? Porque o fai o Goberno de Pedro Sánchez e está a ser alcalde Abel Caballero”, sentenciou.
