InicioPolíticaVigo planta cara á Xunta polo grao de Medicina: o pleno reproba...

Vigo planta cara á Xunta polo grao de Medicina: o pleno reproba a descentralización e reabre a batalla universitaria

O PSOE acusa o acordo entre Xunta e universidades de ser "papel mollado" para manter os “privilexios” de Santiago, mentres PP e BNG acusan a Caballero de “inxerencia” e “rabecha política” na loita por unha facultade propia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do grupo socialista para reprobar á Xunta polo acordo alcanzado coas tres universidades galegas para a descentralización do grao de Medicina, un acordo que o goberno municipal cualificou como “papel mollado” e sobre o que volveu a expresar o seu rexeitamento. Así, o concelleiro Carlos López Font foi o encargado de defender esta moción, que só contou co apoio do grupo socialista (PP e BNG votaron en contra), e proclamou que o acordo alcanzado só pretende manter os “privilexios” da Universidade de Santiago.

“Non o aceptamos, é papel mollado, unha estafa e un novo engano á cidade, como foi o acordo de 2015”, proclamou o edil socialista, que apuntou ao presidente Rueda como muñidor deste pacto, co “único obxectivo” de que permaneza unha única facultade de Medicina en Galicia, a de Santiago. López Font subliñou que a demanda dunha facultade propia para Vigo é unha “petición histórica” e un “clamor” na cidade, e que o goberno local, con Abel Caballero á fronte, seguiraa reclamando. Segundo insistiu, o acordo alcanzado hai uns días supón que a UVigo renuncia a ese grao, pero o goberno da cidade seguirá pedíndoo porque “é o que lle convén á cidadanía”.

“INXERENCIA” NA AUTONOMÍA DAS UNIVERSIDADES

Pola súa banda, o grupo municipal do PP censurou que Abel Caballero e o seu goberno defenderon no pleno unha “moción política”, ao servizo dos intereses do rexedor, fronte a un acordo “froito do consenso”, que é “bo para Galicia” e para as universidades. O portavoz ‘popular’, Miguel Martín, recalcou que “só á UVigo” compételle tomar a decisión sobre este acordo, “sen inxerencias”, e atribuíu a polémica a unha “nova rabecha” de Caballero.

Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, valorou que o acordo alcanzado avanza nunha “efectiva descentralización” e contempla requisitos e prazos “verificables”. Ademais, lonxe de supor unha renuncia, “abre a porta” a que Vigo poida ter a súa propia facultade de Medicina no futuro. Por iso, censurou o “desprezo” á autonomía universitaria por parte de Caballero, que “non ten reparo en desautorizar ao reitor e ao seu Consello de Goberno”, e concluíu que a posición do alcalde é “unha rabecha infantil” motivada pola súa “frustración persoal” por non poder engadir ao seu currículo o cargo de reitor da UVigo. “Están fóra da realidade”, sentenciou.

REPROBACIÓN ERRADA A ÓSCAR PUENTE

Por outra banda, no pleno ordinario deste luns tamén se debateu unha moción presentada polo PP (rexeitada cos votos en contra do PSOE e a abstención do BNG), na que pedía a reprobación do ministro Óscar Puente por “deixar a Vigo fóra do mapa” das conexións ferroviarias de AVE, ignorando a conexión directa a Ourense e Madrid por Cerdedo e atrasando a conexión polo saída sur co Porto. Luisa Sánchez criticou que o ministro socialista está “empeñado en illar a Vigo por terra, mar e aire”, e afeou ao alcalde que xustifique a posición do Goberno central, en lugar de reclamar os proxectos.

“Vigo precisa algo máis que fotos, precisa un alcalde que defende a cidade, e que deixe de exercer de xefe de propaganda de Moncloa”, subliñou a concelleira e presidenta local do PP. En resposta, o socialista López Font lembrou que Óscar Puente xa aclarou a posición do Ministerio e reafirmou o seu compromiso co AVE por Cerdedo nunha conversación co alcalde. “Se Pedro Sánchez é o mellor presidente da historia para Vigo, como lle ía a fallar á cidade?”, proclamou. O portavoz nacionalista, pola súa banda, censurou o “cinismo político” do PP por reclamar infraestruturas que non impulsou cando gobernaba, unha posición que perpetuaron despois os gobernos socialistas, engadiu.

“EXPROPIACIÓN POLA PORTA DE ATRÁS”

Outra das mocións tratadas no pleno foi a do PSOE relativa á lei de acompañamento aos orzamentos galegos de 2026, unha lei que introduce unha disposición adicional á norma 6/2023 de Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Dita disposición, denunciou o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, persegue unha “expropiación pola porta de atrás” do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín, cuxa propiedade está agora mesmo en disputa entre Xunta e Concello (cun proxecto autonómico para construír un centro de asociacionismo paralizado tras revogar o Concello a licenza). Aneiros denunciou que esta lei de acompañamento, nese punto, “debería chamarse lei de incautación de bens doutras administracións” e advertiu de que é “manifestamente ilegal e inconstitucional”.

O concelleiro socialista defendeu que ese edificio é propiedade municipal e reclamou á Xunta que suprima esa disposición adicional e que se “absteña de vulnerar a legalidade” con “actuacións case delituosas”. O PP defendeu que a norma é “legal” e subliñou que as “graves acusacións” do goberno local non teñen outra meta que, de novo, impedir un investimento (neste caso de 20 millóns de euros) da Xunta na cidade de Vigo. “Trátase de regularizar o patrimonio e de evitar preitos e bloqueos como o que facendo o Concello”, explicou Miguel Martín, que lembrou que ese inmoble foi transferido polo Estado a Galicia e que está inscrito no inventario de bens autonómicos.

Finalmente, o BNG tamén afeou á Xunta que utilice a lei de acompañamento para “abrir a porta” á incautación de bens municipais, pero censurou que tanto o goberno galego como o local persisten na súa “confrontación permanente” e en actuar con “falta de lealdade”. Respecto diso, pediu que o futuro dese edificio se decida por consenso, que a Xunta non o “incaute” e que o goberno vigués deixe de utilizar o bloqueo nesta cuestión “como arma política”.

ÚLTIMAS

SOS Sanidade Pública planea lanzarse ás rúas de Vigo contra o “macrocentro” pediátrico

SOS Sanidade Pública planea unha manifestación en Vigo contra a concentración do servizo de...

Vigo énchese polo Nadal: ocupación hotelera do 90 % e Caballero presume de “revolución económica”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou o "cheo total" do Nadal na cidade,...

Acordo parcial no CTAG: O Centro Tecnolóxico da Automoción asina un ERE de 96 despedimentos e un ERTE de 80 días

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) asinou este venres un acordo con...