InicioPolíticaCaballero reivindica o seu legado de 18 anos fronte a unha Xunta...

Caballero reivindica o seu legado de 18 anos fronte a unha Xunta “á contra” e que “debe” á cidade máis de 3.000 millóns

Valora a "proxección" e "liderado" da cidade, e a súa "relación directa" co Goberno de España.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou este luns os logros e o legado do seu goberno nos últimos 18 anos, fronte a unha Xunta “á contra”, que inviste “practicamente cero” na cidade e que ten unha “débeda histórica” cos vigueses de “máis de 3.000 euros”. Nun acto con máis dun centenar de invitados (entre os que estaba o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o delegado de Zona Franca, David Regades; o subdelegado do Goberno, Abel Losada; alcaldes socialistas da comarca; e representantes de entidades veciñais, sociais e empresarios), o alcalde puxo en valor a “revolución” e os cambios operados na cidade desde que, en 2007, asumiu o bastón de mando.

Así, repasou todas as actuacións levadas a cabo polo goberno local, en áreas como as reformas e humanizacións de rúas (máis de 1.200); as escaleiras, ramplas mecánicas e ascensores do proxecto Vigo Vertical; os 277 parques infantís; a recuperación do río Lagares; as máis de 250.000 cartóns PassVigo; as bolsas de inglés e comedor; as novas dotacións deportivas; a nova potabilizadora; as obras de mellora en colexios; a dinamización do comercio; as escolas infantís; ou a recuperación do patrimonio histórico da cidade.

No seu balance, fixo especial mención á celebración do Nadal, que “tira do turismo todo o ano” e que converteu a Vigo en “a cidade máis turística de Galicia”, chegando a alcanzar “6,3 millóns de visitas nun día”. Así mesmo, destacou a reforma do estadio Abanca Balaídos, do que volveu a reiterar que é “un euroestadio”, “o máis moderno e mellor do mundo”.

Por outra banda, valorou a aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permitirá a construción de máis de 51.000 vivendas, 14.000 delas con algún tipo de protección; ademais de duplicar os espazos verdes, ampliar equipamentos, e mellorar as conexións viarias. Todo iso, cun investimento municipal prevista de 190 millóns de euros, fronte a “cero” euros da Xunta.

CRÍTICAS Á XUNTA

Abel Caballero aproveitou a súa exposición para volver criticar á Xunta de Galicia por varias razóns. Así, afeou ao goberno galego que “impide” ao Concello construír un segundo aparcadoiro gratuíto na contorna do Hospital Álvaro Cunqueiro, ou un pavillón en Matamá. Igualmente, volveu a denunciar que a Xunta presentou unha candidatura “espúrea” para frear a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, ou que non asume as súas competencias nas reformas nos colexios, ou na atención á educación infantil.

O rexedor olívico tamén criticou que o goberno autonómico achega “practicamente cero” de fondos europeos á cidade, e volveu a reclamar a “débeda histórica” da Xunta con Vigo, unha débeda que, desde 2009, e en función da poboación, elévase a “3.025 millóns de euros”. Caballero tamén repetiu as súas denuncias contra Xunta, PP e contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, pola exclusión de Vigo da listaxe de sedes para o Mundial 2030. Na súa exposición, o alcalde reivindicou tamén a acción de “defensa” de Vigo por parte do goberno local, en materias como as conexións de alta velocidade ferroviaria, a sanidade pública, a nova autovía A-52, o aeroporto ou a caixa de aforros.

ÚLTIMAS

A Universidade de Vigo aproba o orzamento máis alto da súa historia con 251,1 millóns para 2026

O Consello Social da Universidade de Vigo (UVigo) ratificou este luns o orzamento da...

Vigo licita o servizo de transporte urbano para os próximos nove anos por case 196 millóns

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este luns a licitación do transporte...

A Policía Nacional desarticula en Vigo unha banda que asaltaba a empresarios chineses en toda España

A Policía Nacional desarticulou en Vigo un grupo criminal colombiano especializado en asaltar a...

A Xunta urxe a Vigo a sinalizar o Camiño para evitar que os 90.000 pelegríns se “perdan”

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia de...