InicioPolíticaO PP de Vigo denuncia que o Concello perderá 1,2 millóns da...

O PP de Vigo denuncia que o Concello perderá 1,2 millóns da UE destinados ás vivendas sociais de Esturáns

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, asegurou en declaracións remitidas aos medios, que o Concello segue traballando na materialización dese edificio de 27 vivendas para aluguer alcanzable.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A presidenta do Partido Popular de Vigo e concelleira no Concello olívico, Luisa Sánchez, denunciou este mércores que a cidade perderá 1,2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para construír 27 vivendas destinadas a aluguer social, e culpou desta situación á “incompetencia” de Abel Caballero.

Nunha rolda de prensa, Luisa Sánchez desvelou que, “por desgraza”, o goberno local será incapaz de executar a obra nos prazos estipulados. Trátase dunha promoción residencial no ámbito de Esturáns que debería estar finalizada a 30 de xuño de 2026, pero os 16 meses de execución fan imposible cumprir ese prazo, e o Concello verase obrigado a renunciar a eses fondos europeos.

“Aínda que empezasen hoxe mesmo os traballos non chegarían a tempo. Pero é que nin sequera se licitou a actuación. É que nin sequera está aprobado o proxecto”, advertiu a líder do PP vigués.

Ademais, advertiu de que, a diferenza do que sucede con outras convocatorias, estas axudas para a creación de vivenda de aluguer social “non son prorrogables”. Por iso, esixiu ao rexedor, Abel Caballero, que dea “explicacións inmediatas” á cidade polo que cualificou como unha “auténtica irresponsabilidade”. “Como é posible que se lle concedan 1,2 millóns para construír vivendas e os perda?. Como é posible que teña máis de tres anos de marxe e sexa incapaz de facer o seu traballo?”, preguntouse e instou ao alcalde a que aclare se renunciará ao proxecto ou o manterá con cargo ás arcas municipais.

RESPOSTA DO GOBERNO

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, asegurou en declaracións remitidas aos medios, que o Concello segue traballando na materialización dese edificio de 27 vivendas para aluguer alcanzable.

Segundo explicou, hai que licitar un dereito de superficie para unha concesión a 50 anos, e trátase dun proceso “complexo” que require dun proceso de control interno.

Adicionalmente, explicou que o Concello se presentou á convocatoria de axudas e fóronlle “preasignados” 1,2 millóns de euros para ese proxecto residencial. Tal e como matizou, “o propio proceso de distribución dos fondos” contempla a posibilidade dunha prórroga para xustificar o uso deses fondos recibidos se, chegado o momento, non se puidesen cumprir os prazos de execución do proxecto.

Por iso, incidiu en que, “con total normalidade”, se chegado o prazo de xuño de 2026 se necesita esa prórroga, o Concello espera que se autorice, “como vén autorizando a outros concellos” noutros proxectos.

ÚLTIMAS

Detidas dúas mulleres en Redondela tras ser interceptadas nun coche roubado

Axentes da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional detiveron a pasada madrugada...

SOS Sanidade Pública sinala ao Álvaro Cunqueiro como a “zona cero” dos recortes

A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo animou este venres a participar na manifestación...

O BNG esixe suspender a nova licitación do bus en Vigo para evitar unha “hipoteca” de nove anos

O Pleno do Concello de Vigo debaterá o vindeiro luns unha moción do BNG...

A Garda Civil investiga a unha veciña de Baiona por explotar e ameazar a mulleres estranxeiras “sen papeis”

A Garda Civil investiga a unha muller residente en Baiona (Pontevedra) como presunta autora...