O BNG acusou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de “inventar datos e tempos” para xustificar a ampliación da A-52 e insistiu en que a “solución” e a alternativa é liberar a peaxe da AP-9. Así o sinalou nun comunicado o portavoz do Bloque en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, quen apuntou cara ás “continuas mentiras” do rexedor olívico para “falsificar datos” que xustifiquen a ampliación da autovía e “rexeitar” a alternativa de liberar de peaxe a AP-9 entre Vigo e O Porriño.
“O único que evidencia Caballero é o seu razoable nerviosismo”, afirmou Igrexas, afeando ao alcalde que insista “como un condutor kamikaze” neste proxecto a pesar da “enorme oposición veciñal e social”, con case 30.000 alegacións á iniciativa. “Votamos non con argumentos sólidos contra a pretensión de facer anacos as parroquias rurais da cidade coa nova autovía e tamén co viario PO-010”, defendeu o nacionalista.
Para Igrexas, é “miserable” que Caballero use a elevada sinistralidade viaria da A-55 como “escusa para impor” o proxecto. “A única medida que ofrece o alcalde é esperar como mínimo ata 2031, data que el fixou para inaugurar a nova autovía”, criticou Pérez Igrexas. “Abel Caballero insiste nunha disxuntiva aberrante: como mínimo durante seis anos teremos que seguir escollendo entre xogarnos a vida pola actual autovía ou pagar peaxes na AP-9”, lamentou o portavoz do BNG.
Todo iso despois de que este mércores o PP aprobase no Senado unha iniciativa, que contou co rexeitamento do PSOE e o apoio do BNG, para forzar ao Goberno a realizar un informe positivo sobre o cambio de titularidade da AP-9 en favor da Xunta, onde tamén se recollía a petición de liberalización inmediata da AP-9 entre Vigo e O Porriño como alternativa á A-55.
Ante esta situación, a senadora socialista Carmela Silva denunciou que o PP e o BNG “pretendan enganar á cidadanía” cunha alternativa “perigosa e inviable” para o acceso a Vigo. Para ela, é “irresponsable” a proposta dos ‘populares’ e nacionalistas de conectar Vigo con Madrid pola AP-9 xa que “non é apropiada para soportar 63.000 vehículos ao día”. Ela insistiu en que o acceso actual pola A-55 produciu case 4.000 sinistros en menos de 20 anos, con 15 vítimas mortais.