O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ve “incrible” que se poida cuestionar a titularidade dun dos edificios dos antigos xulgados de Vigo e pediu ao Concello “sentido común” e que acepte as alegacións presentadas pola Xunta de Galicia. Así o sinalou ante os medios de comunicación este mércores na cidade olívica tras ser preguntado pola decisión do goberno local de suspender preventivamente a licenza outorgada para reformar o inmoble, situado no número 4 da rúa Lalín, no que se prevé crear un centro para asociacións e entidades sociais.
Segundo explicou, o edificio foi traspasado por parte do Goberno central á Xunta “hai máis de 30 anos”, polo que está inscrito no Rexistro de Bens do Executivo autonómico, que é quen paga “relixiosamente” o Imposto de Bens Inmobles (IBI) desde hai 30 anos e quen “cada vez que hai un problema” soluciónao. Ademais, lembrou que desde que abriron os novos xulgados de Vigo, a Xunta traballa para darlle unha nova vida ao edificio e que así as asociacións da cidade teñan un espazo “que demandan desde hai tempo”. Tras presentar o proxecto e dispor da licenza de obra, agora o Concello suspéndea. “Non é de recibo tentar paralizar investimentos importantes na cidade”, reivindicou Calvo, que pediu ao Concello que “rectifique” para que o proxecto, que suporá un investimento duns 24 millóns de euros, poida saír adiante.