InicioPolíticaO PSOE pospón o debate sobre o AVE ao 7 de novembro...

O PSOE pospón o debate sobre o AVE ao 7 de novembro “porque merece un pleno extraordinario”

O PP tacha de "estafa política" a posición socialista e o BNG ve "inxustificable" o atraso do debate.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do PSOE no Concello de Vigo forzou, coa súa maioría absoluta, o adiamento do debate sobre os prazos do AVE ao Porto (Portugal), rexeitando dúas mocións urxentes presentadas polos grupos da oposición, PP e BNG, e alegando que esta cuestión, pola súa relevancia, “merece un pleno extraordinario”, que xa foi convocado polo alcalde, Abel Caballero, para o próximo 7 de novembro. O BNG primeiro e o PP despois, rexistraron senllas mocións urxentes para ser debatidas no pleno ordinario que a Corporación celebrou este luns.

O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, subliñou que, tras as manifestacións do presidente do Goberno no cume hispanolusa de Faro, nas que recoñecía que van postergar a conexión Vigo-O Porto para priorizar a Madrid-Lisboa”, o pleno “ten que situarse” e “non hai xustificación” para aprazar ese debate ao 7 de novembro. Así mesmo, Pérez Igrexas advertiu ao PP de que debe “pedir desculpas” porque o seu partido no Goberno atrasou o saída sur de Vigo e polo seu “silencio inxustificado” ante as declaracións de Isabel Díaz Ayuso reclamando dar prioridade á conexión Madrid-Lisboa. A moción do BNG non chegou a ser debatida, porque os votos deste grupo e os do PP, apoiando a urxencia do debate, non foron suficientes fronte á maioría de edís socialistas, que rexeitaron dita urxencia.

Pola súa banda, o grupo municipal do PP tamén pediu que se debatía con urxencia a súa moción e lamentou que o alcalde, Abel Caballero, “supedita a defensa de Vigo aos intereses de Pedro Sánchez e do PSOE” ao vetar esa urxencia. “Será legal pero é unha estafa política”, proclamou, e engadiu que a posición do goberno local “só se explica polo medo de Abel Caballero a debater sobre a discriminación a Vigo do seu ‘goberno amigo'”. O portavoz do grupo ‘popular’, Miguel Martín, criticou que Caballero convoque un pleno extraordinario “para falar do pasado”. “E do presente e o futuro que? Os que miran atrás son os que buscan escusas, e o que agora se erixe en defensor (o alcalde) non fai moito chegou a dicir que a parte española do AVE Vigo-Oporto ía máis adiantada que o tramo portugués, dando por garantido que estaría a conexión en 2030”.

“DESENMASCARAR” Á OPOSICIÓN

Mentres, o portavoz do goberno local, Carlos López Font, xustificou o rexeitamento do seu grupo a debater as mocións de BNG e PP porque “as cuestións importantes de cidade merecen un pleno extraordinario”. “O 7 de novembro debateremos a fondo (…), e será o momento de sinalar con nomes e apelidos a quen nos deixou sen AVE directo a Madrid, entre eles, un alcalde do BNG sumiso, e será o momento de desenmascarar a quen nunca o apoiaron”, proclamou López Font, que acusou a ‘populares’ e nacionalistas de facer “pinza” presentando a mesma moción: “os dous unidos outra vez contra os intereses da cidade”. Tras votar de novo a urxencia, que volveu ser rexeitada pola maioría socialista no Pleno, o alcalde, Abel Caballero, tomou a palabra para subliñar que o AVE Vigo-O Porto “é da maior importancia”.

ABEL CABALLERO

O rexedor insistiu en que o AVE Vigo-Madrid por Cerdedo é “imprescindible” e, sinalando á bancada da oposición, acusou aos edís do PP de deixar á cidade sen esa conexión ferroviaria, “inicialmente coa complicidade do BNG”, porque o alcalde Lois Pérez Castrillo “quedou calado cando tiña que levantar á cidade”. Abel Caballero subliñou que “volveu ser un goberno socialista” en España o que reactivou o AVE a Madrid e o saída sur para a conexión con Portugal, e lembrou a súa presenza nos cumes hispanolusas de Garda e Viana. “Vostedes non estiveron, eu si, representando á cidade”, proclamou. Segundo sinalou, “desde o primeiro momento” demandou o AVE Vigo-O Porto para 2030 e seguirao facendo, mesmo a un Goberno do seu mesmo partido, e afeou a Alfonso Rueda que, aproveitando a presenza de Isabel Díaz Ayuso no Porriño, non reivindicase esa conexión, en lugar da prioridade do Madrid-Lisboa. “Estivo con ela alí e non dixo nada”, remarcou.

“Cando o meu goberno en España establece unha prioridade que non comparto, dígoo, por iso esixo e dígolle ao Goberno que 2030”, insistiu Caballero, quen xustificou a celebración dun pleno extraordinario sobre esta cuestión porque “non valen as mocións”. “O día 7 verémonos nese debate. Veremos quen nos deixou sen AVE e quen nos quixo deixar sen saída sur; todo ten partidos, nomes e apelidos detrás”. Finalmente, asegurou aos concelleiros do PP que só teñen 5 representantes na Corporación viguesa, entre outras cuestións, “por traizoar a Vigo” no que respecta a estas conexións ferroviarias. “Póñoo o día 7 para darlles tempo a vostedes a que o preparen ben”, resolveu.

ÚLTIMAS

A RAGBA incorpora a Carlos López Bernárdez como experto en artes

O historiador de arte Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) ingresou este sábado na Real...

Dous accidentes en poucas horas deixan varios feridos leves en Vigo

O 112 informou de que unha saída da vía en Vigo propiciou que o...

Enfrontan penas de ata 5 anos por un roubo a man armada nun banco de Vigo

Dous homes acusados dun roubo con intimidación, como supostos autores dun atraco perpetrado nunha...

As organizacións de maiores de toda España chaman desde Vigo a acabar coa “enfermidade silenciosa” do edadismo

O XII Congreso Nacional de Organizacións de Maiores, celebrado desde este xoves en Vigo,...