InicioPolíticaO BNG e o PSOE denuncian a "estafa xigantesca" do "modelo privatizador"...

O BNG e o PSOE denuncian a “estafa xigantesca” do “modelo privatizador” do Cunqueiro

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén falou este xoves do informe de Contas, solicitando á Xunta explicacións polos "tantos e tantos millóns de euros de sobrecusto".

PUBLICADO O

- Advertisement -

BNG denunciou a “estafa xigantesca” do “modelo privatizador” do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e pediu ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que inicie o rescate da concesión tras a “armazón de irregularidades” que recolle, ao seu xuízo, o Consello de Contas de Galicia. Todo iso tras coñecerse este mércores o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo publicado por Contas, que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).

“O Goberno do PP ten que dar moitas explicacións sobre esta armazón de irregularidades que denuncia o Consello de Contas, pero o máis importante é que atenda o clamor social que demanda unha rectificación completa, un xiro de 180 graos nas súas nefastas políticas sanitarias“, manifestou o deputado vigués Brais Rúanova. Para el, o documento do órgano fiscalizador confirma que os ‘populares’ quixeron facer do Álvaro Cunqueiro a súa “punta de lanza dunha estratexia para converter a sanidade galega nun goloso negocio para o sector privado”.

Os nacionalistas lamentaron que, cun sobrecusto de 470 millóns, as case 600.000 persoas da área sanitaria de Vigo “padecen un hospital privatizado e recortado, e con menos prestacións das que inicialmente se proxectaron e se necesitaban”. Rúanova insistiu en que o proceso de adxudicación foi “irregular” e non estivo axustado ás normas de contratación. “Foi un proceso acelerado, mal planificado e deseñado en función de intereses privados”, engadiu.

Tras analizar o informe de Contas, o deputado dixo que a área de Vigo foi durante 15 anos “un laboratorio, un banco de probas para o PP no seu proceso de privatización da sanidade pública galega”. “Entre o canon do Álvaro Cunqueiro, os contratos de derivación e o concerto de Povisa, o PP está a desviar cada ano preto de 200 millóns de euros de recursos públicos do orzamento sanitario para os petos de empresas privadas”, denunciou.

O PSOE CONTRA FEIJÓO: “A ANSIA DE PRIVATIZAR PREXUDICA AOS CIDADÁNS”

Pola súa banda, PSOE carga contra o actual presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, polo sobrecusto de 470 millóns na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que levou a cabo mentres era presidente da Xunta de Galicia e pon en cuestión a súa capacidade de xestión.  O PSOE acusa a Feijóo de “presumir” da súa folla de servizos e considera que este informe é “demoledor” e “implacable” con el e “pon no foco a capacidade de xestión” do líder do PP.

“Unha vez máis, a ansia por privatizar e por desmantelar o público supón un prexuízo económico para os cidadáns que pagan relixiosamente os seus impostos. Feijóo non estivo á altura, igual que outra gran privatizadora: Isabel Díaz Ayuso”, segundo espetan en referencia á presidenta da Comunidade de Madrid. En Ferraz sinalan que este hospital foi proxectado por un goberno de esquerdas, pero a chegada de Feijóo á Xunta provocou a decisión “de privatizar o custo da súa construción co resultado de 470 millóns de euros máis regalados á UTE de empresas encargadas da obra”.

Non entanto, o informe sinala que a “opción máis vantaxosa” sería a licitación dun contrato de obras para a execución da infraestrutura, por unha banda, e a licitación de contratos de servizos, por outra. “En termos económicos, a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra, é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían alcanzar resultados similares a un menor custo”, indica Contas.

EXPLICACIÓNS

Pola súa banda, alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén falou este xoves do informe de Contas, solicitando á Xunta explicacións polos “tantos e tantos millóns de euros de sobrecusto”. “Téñeno que explicar. Feijóo e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, teñen que explicar a esta cidade e a Galicia decata por que houbo un sobrecusto de 470 millóns de euros. Dilapidaron 470 millóns”, criticou Caballero. O rexedor lamentou que ese diñeiro “non foi dado a Vigo”, senón a unha empresa, “a un fondo voitre francés neste momento”.

ÚLTIMAS

Caballero reta a Rueda a conseguir “do seu amigo” Luís Montenegro, primeiro ministro luso, o compromiso co AVE en 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que o Goberno de España...

A Xunta defende o seu traballo na illa de San Simón logo das críticas do Concello de Pontevedra

A Xunta de Galicia reivindicou que "cumpre cos termos" da concesión demanial e do...

Un xulgado Social emite a primeira sentenza ditada en Vigo con uso do sistema de adaptación á lectura fácil

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar...

O BNG de Vigo alerta que o goberno local non mantén “o mínimo de bombeiros” na cidade

O BNG de Vigo alertou este martes de que o goberno municipal que preside...