O goberno municipal de Vigo manifestou este xoves o seu “absoluto desacordo” coa operación de compra, por parte de Xunta e Deputación de Pontevedra, do Teatro Cinema Fraga –ata agora propiedade de Abanca– por 9,3 millóns de euros, e esixiu unha cesión “á cidade” gratuíta.
Así o manifestou o portavoz do goberno local, Carlos López Font que, nunhas declaracións remitidas aos medios, apuntou que o goberno vigués esixiu ” unha tasación” do inmoble, pero non tivo resposta. “Que ocultación é esta?”, preguntou o concelleiro socialista.
A operación conxunta de Xunta e Deputación supón que o goberno galego achega o 51 % e a institución provincial o 49 % restante. Respecto diso, López Font trasladou o rexeitamento do goberno vigués a que “a Deputación lle regale 4,5 millóns de euros á Xunta”, que se fará “co control” do Teatro Cinema Fraga.
Por outra banda, reiterou que o Concello “leva anos esperando por Abanca” e asegurou que, no seu momento, dirixiuse a Abanca para interesarse polo edificio. “Démoslle varios anos de prazo pero non lle deron uso algún, e agora decidiron vendelo. Nin o cede nin o vende ao Concello, cédeo á Xunta, pero cobrando”, indicou.
“Abanca ten que pór o Fraga a disposición da cidade de forma totalmente gratuíta”, proclamou o portavoz municipal. Dáse a circunstancia de que, hai dúas semanas, tras manter a súa primeira reunión o presidente da Xunta, o alcalde, Abel Caballero, trasladou que a súa proposta con respecto ao Teatro Cinema Fraga era que “a adquisición, dedicación e explotación” fose cofinanciada por Xunta, Concello, Deputación e Zona Franca, algo rexeitado desde o goberno galego, ao estar xa practicamente pechada a operación a dúas bandas.
CRÍTICAS DO BNG POR “REPAGAR”
Mentres, o grupo municipal do BNG en Vigo cualificou esta operación como unha “estafa” por ter que “repagar” a Abanca por ese inmoble, cando a entidade foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público.
O portavoz do grupo, Xabier Pérez Iglesias, propuxo constituír un consorcio público-privado para a cesión da propiedade ou, como mínimo, o uso gratuíto e a xestión pública desas instalacións.
“É escandaloso que o PP pretenda agora entregar outros 9 millóns de euros aos propietarios de Abanca, que foi rescatada con 9.000 millóns de diñeiro público”, proclamou, antes de lembrar que o edificio foi adquirido pola antiga Caixa Galicia por 8 millóns de euros no ano 2000 e que Abanca acaba de obter 158 millóns de beneficio no primeiro trimestre do ano.