InicioPolíticaAbel Caballero celebrará un pleno extraordinario contra o "veto por ideoloxía" a...

Abel Caballero celebrará un pleno extraordinario contra o “veto por ideoloxía” a varias relatoras nun programa da Deputación

O BNG denuncia o "sectarismo" do goberno provincial e advirte de que non permitirá a volta "aos tempos tenebrosos do 'Louzanato'". Tamén lamenta que o goberno da Deputación reproduce "o mesmo 'modus operandi' que se aplica tamén na CRTVG".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres que a próxima semana convocará un pleno extraordinario para “rexeitar frontalmente” a “censura” que a Deputación de Pontevedra exerce con algunhas mulleres, participantes no programa ‘Aquí faltan páxinas‘. A través dunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, o rexedor olívico anunciou a convocatoria desa sesión plenaria, “atendendo a unha petición do BNG e do grupo socialista”, xusto despois de que o grupo municipal nacionalista anunciase que presentará unha moción urxente para o seu debate no pleno do luns, precisamente sobre esa decisión da Deputación, gobernada polo PP.

Abel Caballero lembrou que o programa ‘Aquí faltan páxinas’ foi posto en marcha pola institución provincial, “con Carmela Silva de presidenta” e criticou que “agora, a nova Deputación exclúe a varias relatoras” que formaban parte do programa polo seu apoio a candidaturas de partidos “diferentes ao PP”. O alcalde xustificou a convocatoria dun pleno extraordinario por considerar “de tal importancia” ese “veto”, que deixa fóra do programa a “mulleres extraordinarias, representantivas da cultura”, que “son vetadas pola súa ideoloxía política”.

DENUNCIA DO BNG

Precisamente este venres o grupo municipal do BNG comunicou o rexistro dunha moción urxente para o seu debate no próximo pleno, para denunciar a exclusión de catro relatoras, unha decisión adoptada o pasado martes e a pesar de que foran contactadas en decembro pola empresa que coordina a iniciativa para incorporalas á nova edición do programa.

Trátase da xornalista e activista pola memoria histórica, Montse Fajardo; a escritora e deputada do BNG, Mercedes Queixas; a profesora (e exedila do BNG en Pontevedra), Chus López Escudero; e a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas (que concorreu na candidatura do BNG nas municipais de Vigo). 

O grupo municipal nacionalista incidiu en que estas mulleres contan cunha “acreditada traxectoria” nos ámbitos do feminismo e a memoria, e “teñen como único denominador común participar ou apoiar publicamente ás candidaturas do BNG nas eleccións do 18F”. “Trátase, de maneira evidente, dunha represalia política, expresión do máis antidemocrático sectarismo”, denunciou o portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que lamentou que o goberno da Deputación reproduce “o mesmo ‘modus operandi’ que se aplica tamén na CRTVG”.

Tras denunciar as “políticas de demolición” do actual goberno provincial con respecto ás iniciativas que se fixeron no período 2015-2023 (cando a institución estivo gobernada por PSOE e BNG), Pérez Igrexas alertou dunha volta “aos anos máis escuros, marcados pola instrumentalización partidista e o caciquismo”. “Queremos que o Pleno do Concello de Vigo envíe unha mensaxe clara e rotunda ao PP: non imos permitir que a Deputación volva aos tempos tenebrosos do ‘Louzanato’, nin que a convertan no seu casarío”, proclamou o concelleiro.

ÚLTIMAS

Retroceder as praias ou recuar a Administración

O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non...

Patrimonio autoriza a humanización do tramo máis próximo ao ascensor Halo da rúa Serafín Avendaño de Vigo

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,...

GKN Driveline Vigo rebaixa a 50 os afectados polo ERE, pero a CIG convoca unha folga de sete días

A auxiliar de automoción GKN Driveline Vigo reduciu de 75 a 50 o número...

Suspendido o transporte de ría en Vigo polas malas condicións meteorolóxicas

As navieras que operan as liñas de transporte na ría de Vigo, entre o...