InicioPolíticaNovo choque entre a Xunta e o Concello de Vigo pola compra...

Novo choque entre a Xunta e o Concello de Vigo pola compra e rehabilitación do antigo Cinema Fraga de Vigo

O edificio, actualmente de Abanca, destinaríase a uso cultural e albergaría a sede da Galicia Filme Comission

PUBLICADO O

- Advertisement -

Novo choque entre a Xunta e o Concello de Vigo, desta volta, a conta da futura rehabilitación do cinema Fraga, propiedade de Abanca. Tanto o candidado do PPdeG á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, como o alcalde, Abel Caballero, amosaron a súa intención de poñer en valor este emblemático edificio.

Rueda anunciou este luns “conversacións avanzadas” para a compra, por parte da administración autonómica, do antigo Teatro Cinema Fraga, actualmente propiedade de Abanca, e a súa rehabilitación. Fixo este anuncio durante un almorzo con representantes empresariais e de axentes sociais en Vigo, na xornada na que se inicia a última semana de campaña electoral.

Tras facer balance da súa xestión e dos investimentos realizados na cidade olívica, Alfonso Rueda apostou, no ámbito cultural, por infraestruturas ás que dar unha utilidade, e anunciou que, tras darlle “moitas voltas”, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, se adquira a propiedade do Teatro Cinema Fraga “para polo a disposición dos veciños”, se repite como presidente do goberno autonómico.

Aínda que Rueda non avanzou o investimento que se destinará á compra e rehabilitación do inmoble, que leva case 17 anos pechado e cunha reforma (iniciada en 2007, segundo un proxecto de César Portela) que non se chegou a culminar, si explicou que será un “centro de desenvolvemento cultural”, que acollerá iniciativas pioneiras, de creación artística, locais de ensaio e salas de proxección. Ademais, anunciou, será a sede da Galicia Filme Comission.

CABALLERO

Pola súa banda, o PSOE de Vigo desvelou este luns, tras coñecerse este anuncio, que xa o alcalde da cidade, Abel Caballero, está en “conversacións” para conseguir que Abanca, propietaria do edificio, o ceda gratuitamente á cidade.

Así o confirmou o candidato pola provincia de Pontevedra (e portavoz do goberno municipal) Carlos López Font, quen expresou a súa “sorpresa” polo “anuncio electoral” de Rueda, nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios. Segundo sinalou, o Concello de Vigo “está en conversacións con Abanca” para conseguir a doazón do edificio á cidade, e recalcou que o compromiso anunciado por Rueda é “unha mentira electoral flagrante, un conto chinés” porque nos orzamentos autonómicos “non hai nin un céntimo nin mención” a esa adquisición. “Levan 14 anos gobernando e nunca se acordaron do Fraga”, constatou, e afeou ao PP que faga este anuncio a 6 días das eleccións galegas.

Para o PSOE de Vigo isto é “Rueda en modo desesperación”, e Font insistiu en que o alcalde, Abel Caballero, “xa está en conversacións” con Abanca, e mesmo visitou o edificio acompañado polo Conselleiro Delegado da entidade, Francisco Botas, cuestións das que nunca se informou nin eran coñecidas publicamente. “Cremos que Abanca debe doalo á cidade”, subliñou.

ÚLTIMAS

A paralímpica Susana Rodríguez: “Ter unha ‘Barbie’ serve para poder compartir a miña historia”

A triatleta española Susana Rodríguez recoñeceu que é "unha pasada" ter unha boneca 'Barbie'...

Empregados de Vitrasa volven manifestarse para pedir “un convenio digno” ante a “parálise” das negociacións

Empregados de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte público de Vigo, saíron de novo este...

O Círculo de Empresarios avirte que o atraso do AVE do Eixo-Atlántico pon en risco outros investimentos

O Círculo de Empresarios de Galicia trasladou este venres a importancia de acelerar as comunicacións...

Un vehículo choca con outro e resulta envorcado en Vigo

O barrio vigués de Teis rexistrou na mañá deste venres un accidente de tráfico,...