InicioPolíticaCarmela Silva: "O de Abel é único no mundo... Imos estar 50...

Carmela Silva: “O de Abel é único no mundo… Imos estar 50 puntos por riba do PP”

A tenente alcalde de Vigo e presidenta da Deputación ten claro que o hai efecto Caballero por moito tempo. Nunha entrevista con Xornal de Vigo e Galicia Confidencial, destaca a gran vantaxe que lle vai sacar ao PP. "Eles están en torno ao 15% e nós por riba do 65%", di.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Carmela Silva tamén critica duramente ao PP ao que acusa de “moverse na lama” e “gustarlle andar no lixo” di sobre as acusacións que hai sobre ela no caso do “enchufe” dunha cuñada. “En ningún momento da miña vida estiven nun proceso xudicial, nin como investigada, nin como testemuña”, insiste. Tamén di que o novo PP de Rueda é aínda peor ao de Feijóo. “O PP ten un proxecto político caciquil e clientelar e ese sempre o dirixiu e o programou Rueda xunto con Feijóo que era o líder”, di.

Do ex presidente galego sentencia, “é un insolvente política e culturalmente”. Tamén ten boas palabras para o BNG, co que goberna “cunha relación excepcional” en Pontetvedra, pero critica a súa líder, Ana Pontón, á que acusa de tentar presentar estes comicios como se forna unhas eleccións galegas. “No sobre electoral do Bloque aparece a súa cara e ela non se presenta a ningún concello”, critica.

Vexote moi implicada na campaña. Como leva unha presidenta dunha deputación uns comicios municipais?

Pois con moita intensidade. Eu fago campaña nos 61 concellos da provincia de Pontevedra e, especificamente, no Concello de Vigo, xa que vou nas listas de Abel Caballero e, polo tanto, teño que multiplicar a actividade electoral. En todo caso, a min encántame a actividade electoral, a democracia, estar coa xente, aínda que logo chegue a casa esgotada. 

Claro, porque andas polos 61 concellos de Pontevedra pero tamén terás que facer en Vigo, que é onde te presentas, non?

si, por suposto, que aquí fago campaña.

Aínda que aquí está Abel que xa se vale por todos…

(Ri). Si. Eu estou adicada máis a percorrer a provincia, con moitos actos diarios. Comezo ás oito da mañá e remato ás 12 da noite. Pero estou orgullosa diso porque son da xeración que puido votar con liberdade. Meu pai votou ao mesmo tempo ca min, practicamente, pero el xa tiña 42 anos. Por iso para min votar é un dereito democrático moi importante que eu defendo ata o final.

Un dereito democrático que entendemos e valoramos moito unhas xeracións pero que outras, as máis novas, semellan non afondar tanto…

Si, porque as xeracións son diferentes e teñen intereses diferentes. Quizais os máis novos votarán, pero votarán por aquilo que lles interesa. Quizais non teñan tan presente o que foi a loita pola democracia pero eu penso que si votan.

E falando de mocidade, como ves a Abel Caballero?

Pois véxoo moi activo. O de Abel é único no mundo. 

(Río) Muller. Non fai falla facerlle a pelotiña, non?

(Ri) Non. Non é iso. Pero é que eu non coñezo a ninguén que vaia pola rúa e a xente se lle achegue continuamente, que pidan fotos, que falen con el, que lle pidan cousas con tanto cariño. Hai unha relación coa xente, e xa falo en serio, que eu, isto, nunca o vin noutro lugar. Mesmo Felipe González, que era un presidente moi querido, que chegou a ter máis de 200 deputados, non o tiña. Era moi caristmático pero isto que vexo con Abel non o vin nunca. Véxoo forte, optimista, e, desde logo, a súa campaña en Vigo está sendo moi de ti a ti, falando de propostas e facendo balance do que se fixo. Abel non ten que ir á xente a entregarlle o diptico electoral e que é a xente a que ven a pedirllo.

Claro. Son moitos anos de alcalde, 20 concelleiros. Supoño que é difícil chegar tan alto nunha cidade galega. Pero, agora o PP di que se saca 19 concelleiros é unha derrota de Abel Caballero…

Iso é ridículo. Nós imos estar 50 puntos por riba do PP na cidade. Eles están en torno ao 15% e nós por riba do 65%. Polo tanto, dicir iso é ridículo. Eu estou convencida de que Abel vai ter bo resultado. Repetir os 20 sería algo inimaxinable. Ter 19 é algo inimaxinable e ter 21, pois que che vou dicir, máis inimaxinable aínda. E se comparamos isto cos catro ou cinco que ten o PP, que queres que che diga, é unha vergoña, e xo dixo Feijóo. E creo que por aí van seguir quedando. Provoca incredulidade que digan iso cando lles levamos 50 puntos.

De feito os candidatos do PP nesta cidade non duran máis de catro anos…

É un escándalo porque a actual candidata que é a peor valorada de todas e todos os candidatos de Galicia, e cando lle preguntan que vai facer despois, ela di que vai quedar en Vigo pero non confirma se como líder da oposición ou o que vai facer. Por iso é unha tomadura de pelo, porque se a xente decide poñerte na oposición con catro ou cinco, pois terás que estar na oposición, senón estaselle tomando o pelo á xente.

Explican estes resultados entón esa campaña que mantén a Xunta con Vigo… ou de Vigo coa Xunta, segundo se mire…

A Xunta de Galicia inviste moito menos en Vigo que en calquera outra das cidades galegas. A Xunta ten unha confrontación total con Vigo. Móvense continuamente na descalificación, no insulto e teñen abandonado a Vigo. Que grandes investimentos ou infraestrutuas teñen feito nesta cidade?, como apoian o turismo en Vigo?

Inauguraron un gran albergue de peregrinos hai pouco…

Si, fixeron un “alberguito”. Pero, realmente, que políticas, grandes políticas se fixeron nesta cidade?. Hai que lembrar que nós tiñamos unha caixa de aforros que era solvente e obligaronnos a fusionala con outra que non o era e así acabaron as dúas. Aquí quixeron que non estivera o rexistro mercantil, a xudicatura. Négasenos o pan e a auga. 

Pero non mellorou a relación de Abel Caballero con Rueda desde que marchou Feijóo?

Non, porque detrás dese modelo de confrontación, de non ter relación coas institucións que non sexan gobernadas por elas, sempre estivo Rueda. Rueda é o artífice dese modelo que establece a Xunta coas tres deputacións gobernadas polo PSdeG e os concellos gobernados polo BNG, Mareas ou por independentes. O PP ten un proxecto político caciquil e clientelar e ese sempre o dirixiu e o programou Rueda xunto con Feijóo que era o líder. Polo tanto, non só non mellorou con Rueda, senón que continúa co modelo de confrontación. Se foran quen de sentar coas deputacións e concellos que non gobernan, Galicia avanzaría máis, pero eles non están niso. Eles están por manter o poder, non por transformar e mellorar as cousas. Aí hai un choque de trens entre uns que defendemos a política transfomadora e outros que só queren quedar no poder. É terrible que falen da Deputación de Pontevedra como reconquista ou desaloxar. É terminoloxía bélica. 

Falas de política caciquil pero eles estanche sacando o que aconteceu coa contratación da túa cuñada dicindo que iso si que é politica caciquil…

Iso é porque é mala xente. En política hai que ser bo xestor. Hai que ter ideas e proxectos. E eles saben que en ningún momento da miña vida estiven nun proceso xudicial, nin como investigada, nin como testemuña. Polo tanto saben que é mentira todo o que din. Eles sempre se moven na lama. Gústalles andar no lixo.

Pero iso, ás veces, non lles sae mal.

Como que non. Tan mal lles sae que …

“EU NUNCA COMENTÍN NINGUNHA IRREGULARIDADE”

Mira o que está pasando en Lugo?

Pero ao final soubose quen mandara ese anónimo que resultou unha acusación falsa. O mesmo está pasando estes días en Vilanova. Son políticas orquestradas para tentar desacreditar á xente. Pero é certo que hai unha cousa que o PP non calibra ben e que pensan que son máis listos que a xente. E non o son. A xente analiza a realidade e as mentiras acaban caendo polo seu propio pe. E iso a pesar de que eles tenten destruír ás persoas. Esa é a política que fai o Partido Popular de acabar co adversario político porque o considera un rival a batir. E no meu caso a xente xa sabe que menten porque hai unha sentenza clara de que eu nunca estiven en ningunha irregularidade. 

Claro, quen foi acusado foi un funcionario que pediu un indulto e que se non llelo dan terá que ingresar en prisión…

Pero esa persoa ten dereito a pedir un indulto, como calquera outro cidadán

Pero que o faga alegando que é militante socialista canta un pouco, Carmela

Eu non quero entrar no lixo do PP porque eu creo na política como o mellor instrumento que temos para mellorar a nosa vida. Por iso non me interesa ese lixo que tenta botar o PP. Se eu me poño a facer a lista do partido máis corrupto da historia de España, igual estamos aquí ata pasado mañá. Dame noxo esa política.

Ben pois tentemos falar en positivo. E, sobre isto, que proxectos se fixeron para transformar esta cidade?

Esta cidade xa é un referente en Galicia en moitas cousas. En mobilidade, en turismo, en respecto polo medio ambiente, en política social. Somos o concello que máis inviste en política social e políticas sociais. Fomos os primeiros en ter un instituto da muller. Somos unha referencia en Economía. E aí temos a un alcalde que pelexa por cada unha das cousas importantes da cidade. Foi el quen desbloqueou a situación de Stellantis e dos fondos europeos e que conseguiu un perte para o naval ou para a pesca, o AVE por Cerdedo ou a saída sur. Foi Abel quen conseguiu poñer a Vigo no mapa, cunha marca política moi identificada, que está a nivel europeo e que a OCU califique como de mellor calidade de vida.

E agora?

Pois agora aínda quedan moitas cousas por facer. A nova autovía ao Porriño, converter a entrada a Vigo pola Avenida de Madrid nun gran boulevard verde. Temos que seguir traballando moito tamén en enerxías limpas vinculadas ao hidróxeno verde, chips fotónicos, impulsar o chan industrial, un turismo sostible e non masificado e desestacionalizado. E logo, sobre todo, unha proposta que leva Caballero, que a min me encanta, que é atender ás persoas maiores. Non pode ser que a xente teña que marchar desta cidade porque non hai residencias. Temos que explorar experiencias como os ‘cohousing’, onde a xente poida estar no seu ambiente e non en centros residenciais sometidos a unha disciplina. E logo tamén loitar polos nosos mozos, para que teñan emprego e, sobre todo, vivendas dignas. A Xunta non ten política de vivenda. Ten conseguido unhas poucas “vivendiñas”. E, nisto, temos que traballar xuntas todas as administracións, porque é intolerable o prezo do alugueiro. 

Con todo, agora que falas da vivenda semella que isto é importante agora. Hai enfrontamento entre a Xunta e o Goberno central por mor disto, pero certamente, problemas coa vivenda sempre houbo…

Por iso digo que se teñen que implicar as tres administracións, aínda que se ti les os estatutos e a Constitución, claramente a vivenda é unha competencia autonómica. Por iso, agora que se aprobou a primeira Lei de Vivenda do Estado xa houbo varias autonomías que denunciaron que se estaba invadindo as súas competencias. Lembraron agora iso cando hai gobernos, como o vasco, que ten unha política de vivenda moi potente desde hai tempo. O mesmo que cando estivo o bipartito na Xunta que apostou claramente pola vivenda. O último gran edificio de Política Social que se fixo en Vigo, en Navia, foi no bipartito. O PP, con Aznar en Madrid, fixo todo o contrario.E hai que lembrar quen foi o que impulsou a especulación neste país que logo acabou co estourido da famosa burbulla inmobiliaria e puxo a este país na bancarrota. Eu cando estaba de concelleira de Urbanismo impulsei o PXOM nesta cidade e aí están os resultados.

Agora que falas do PXOM, que pasa co barrio do cura, que semella que non acaba de arrincar nunca?

Pois hoxe mesmo na Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobouse o proxecto e agora van comezar a ter licencias. Vai ser unha revolución para a cidade, un cambio trascendental. Urbanísticamente está moi ben deseñado. Vai contar con moitas dotacións, moi peonil, moi humano e con moitos equipamentos e servizos. Non se vai recoñecer ese espazo xunto a un casco vello tamén cheo de vida.

“A XENTE PENSA QUE LEVO MOITO TEMPO GOBERNANDO NA DEPUTACIÓN”

Falabas antes do que non inviste a Xunta en Vigo, pero que está facendo a Deputación en Vigo contigo que levas xa tanto tempo de presidenta?

Encantame que me digas que levo moito tempo. A xente pensa que levo moito tempo pero só levamos dous mandatos. 

(Rimos) Tamén queres estar 25 anos máis de presidenta, como Abel Caballero?

Son boas as chanzas e os risos, está moi ben rir. A xente tiña que rir máis. Só a xente intelixente sabe rir dela mesma. Dito isto, Pontevedra mudou moito nestes oito anos. 

Entón ninguén lembra xa a Louzán?

(Ri) Non, non. Xa ninguén lembra a Louzán. Pero millor non lembralo. Para que ter malas lembranzas se os podemos ter bos. Hoxe hai prazas cheas de vida, os repartos fanse tendo en conta cuestións obxectivos entre todos os concellos. Somos a administración que máis transferencia fai aos concellos. Estamos en torno ao 35%, mentres a media é do 17%. Non facemos como a Deputación de Ourense que transfire o 0,3% e fai case todo a dedo. Facemos en todos os concellos, nos grandes e nos pequenos. E en Vigo temos feitas moitas cousas. Temos cofinanciado co concello pavillóns deportivos, humanización de espazos, especialmente, na zona rural de Vigo onde vive moita xente, case a mesma poboación que en todo o concello de Pontevedra. Tamén financiando todo o que ten que ver cos centros educativos e participando no proxecto estrela de Vigo que é o Vigo vertical. E, por suposto, apoiando moito a cultura porque entendemos que ten un enorme poder tranformador e que hai que democratizala.

Precisamente este tema, o da cultura, é unha crítica recorrente dos partidos da esquerda en Vigo. Moitas luces e pouca cultura, din…

Algo teñen que dicir pero iso é falso. Soamente hai que ir ao orzamento para ser rigurosos e para que non me digas que peloteo a Abel Caballero. Nós temos a rede museística municipal máis importante de toda España; temos o Museo Marco, a Pinacoteca, o Museo de Castrelos. Apoiamos a todos os colectivos que son referentes culturais. O que pasa que como Vigo é unha cidade tan industrial que non vemos o potencial cultural. A Fundación Penzol quen a financia, e a Fundación Laxeiro?… O Concello de Vigo. Tamén apostamos moito pola cultura que é máis popular, as bandas. Galicia ten un potencial comparable só con Valencia e tamén as corais porque nós somos un pobo que canta. Temos o único proxecto que hai en Galicia de apoio ás bandas novas, o Vigo Sónico, hai algún máis en Galicia?, sobre todo nos sitios onde goberna esa esquerda que presume tanto de apoiar a cultura.

Pero houbo xente protestando pola falta de locais en Vigo Sónico, precisamente…

Porque houbo que arranxar espazos. Pero agora está en marcha e cun proxecto moito máis potente que vai ser xestionado polo propio mundo da cultura. E é certo que traemos grandes eventos, pero tamén potenciamos toda a cultura máis minoritaria, como a vinculada á danza tradicional. Todos os colectivos que fan baile e música galega tradicional son financiados. Tamén facemos moito apoio ás editorias igual que ao teatro. Nós temos unha escola de Teatro. E outra pregunta… Hai algunha outra cidade gobernada por esas esquerdas que teñan escola de teatro?. Pois a resposta é que non. É moi facil facer titulares de que non se aposta pola cultura pero nunca se apoiou tanto á cultura como en Vigo. Por certo, e quen ten un programa de arte urbano tan importante como temos nós, xa non digo en Galicia, senón en toda España?. Temos 150 murais dos e das máis grandes artistas de todo o mundo.

Ollo que tes a Lara Méndez, alcaldesa socialista de Lugo, competindo con vós en tema de murais…

É imposible competir co noso museo ao aire libre que é cultura urbana. E podería estar falando horas.

Xa,xa, pero como non temos moito tempo e agora que falas así con media retranca desa outra esquerda non podemos esquecer que ti estás gobernando na deputación con parte desa esquerda, concretamente, o BNG, desde hai oito anos…

E formamos un bo goberno.

“A CONVIVENCIA CO BNG É EXTRAORDINARIA”

Entón a convivencia con esa outra esquerda é boa?

É extraordinaria. Eu creo que tamén ten que ver coa experiencia e quen goberne e estea nas coalicións. Eu, que son unha persoa de acordo e diálogos, tamén me gusta que me gusta dirixir. E as mulleres temos que dicir alto e claro que tamén temos que dirixir. Son así, pero son moito de acordos. E o vicepresidente, César Mosquera, do BNG, tamén o é. E os dous temos claro que o importante é a provincia, respectando moito que somos dous grupos políticos diferentes con programas e proxectos diferentes. Pero nos sentamos e acordamos todos. Somos dúas forzas pero temos un proxecto único para a provincia. E iso ten que ver tamén con que César Mosquera leva moito tempo xestionando o mundo local. E logo hai un respecto político e persoal. E por iso somos un exemplo a seguir.

Agora que falas do BNG de Pontevedra venme a cabeza unha declaración que fixo Lores, alcalde da cidade, nunha entrevista do Galicia Confidencial no que dicía que iso de gobernar 25 anos máis de Caballero é unha boutade, que el aspira só a gobernar oito ou dez máis. Que opinas?

El leva xa 24, dez máis son 34. Abel leva 16. Boutade non sei por que. Pero tamén é certo que Abel cando fala de 25 anos é un guiño, de empatía coa xente, que todo mundo entende e Lores tamén.

E xa para rematar. Como levas o tema PSOE. Tedes goberno socialista en Madrid. Tivechedes problemas en Galicia e semella que agora hai novos nomeamentos que volven ilusionar a algúns militantes. Cres que todo isto inflúe nas locais?

Eu penso que todo inflúe porque, sobre todo, o PP gobernado por un Feijóo que aquí coñecemos e todos sabemos que é insolvente política e culturalmente. De feito, está demostrado que lé pouco. Eu aconsallaríalle que lera algo máis. Lé tan pouco que cando lle preguntan que libro recomenda en galego e di Poemas Galegos no canto de Cantares Gallegos. Que se lle pode pedir. Feijóo quere converter estas eleccións locais nun debate do Estado e, ao final, é certo que nesta campaña se mesturou todo, ata ETA, que leva 12 anos desaparecida. Está no centro Bildu que os únicos que pactaron con eles foi o PP. Polo tanto, si que hai moito debate que ao final está influíndo no relato. E logo a nivel autonómico, eu vexo a Ana Pontón que fai unha campaña como se foran as galegas. De feito, no sobre electoral do Bloque aparece a súa cara e ela non se presenta a ningún concello. Polo tanto si que hai moita influencia da política estatal e galega nestes comicios. Pero eu penso que a xente, cando vai votar no mundo local, vota moito á persoa, os feitos, as espectativas e iso pode ter algunha influencia pero non marca o que vai acontecer o día 28. 

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...