InicioPolíticaSabes cales son as propostas electorais máis rachadoras desta campaña en Vigo?

Sabes cales son as propostas electorais máis rachadoras desta campaña en Vigo?

Unha batalla de DJs, a creación de gardarías para animais ou en estadio de béisbol, entre as propostas dos partidos para Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

Convocar unha batalla de DJs para elixir ao mellor da cidade, crear gardarías para animais domésticos ou construír un estadio municipal de béisbol son algunhas das propostas máis rechamantes dos diferentes partidos políticos para Vigo de cara ás eleccións deste 28 de maio.

A pesar de que con tantas campañas electorais parece que cada día é máis difícil sorprender aos cidadáns, as diferentes formacións esfórzanse en facelo e en propor novidades que chamen a atención. Aínda que na súa maioría os programas céntranse en aspectos relacionados coa economía, o urbanismo, a vivenda, a igualdade, o medioambiente, a mocidade ou mesmo o uso do galego na cidade, hai outros puntos que destacan pola súa orixinalidade.

Por exemplo, Podemos-Marea de Vigo propón a creación de gardarías para poder facilitar a vida das persoas que posúen animais domésticos, onde as mascotas poidan pasar estancias curtas ou permanecer durante as vacacións dos seus donos, evitando así o abandono.

A organización, encabezada por Rubén Pérez, tamén recolle no seu programa outros aspectos centrados nos animais, como o permitir que se suban ao transporte público ou prohibir matalos se non supoñen un perigo para a saúde pública, exceptuando algúns casos de eutanasia para evitar o sufrimento do ser vivo.

PP de Vigo leva no seu programa propostas que destacan pola súa singularidade, como a convocatoria dunha batalla de DJs para elixir ao mellor DJ local do ano nun fin de semana completo de música ininterrompida.

Coa candidata Marta Fernández-Tapias á fronte, os ‘populares’ tamén propoñen a construción dun estadio municipal de béisbol para adestramentos e competicións, a creación dun coworking municipal para emprendedores ou a promoción do modelo de vivenda comunitaria para maiores, como alternativa ás residencias.

Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xabier Pérez Igrexas pretende implantar un servizo de préstamo e aluguer de bicicletas en diferentes puntos da cidade, así como pór en marcha zonas peonís durante os fins de semana e os festivos.

Entre outras medidas, o Bloque tamén recolle no seu programa o fin do modelo de Nadal “masivo” que reduce o centro de Vigo “a un parque temático inhabitable e inseguro”, polo que busca fomentar unha programación “racional” e “descentralizada”.

Precisamente esta medida dista das plasmadas nas promesas do PSOE, co actual alcalde, Abel Caballero, á cabeza. O rexedor centrou parte da campaña en pór en valor as festas do Nadal e a súa intención de seguir aumentando o número de turistas que visitan a cidade.

A pesar de que os socialistas non presentaron un documento con todo o seu programa electoral, si anunciaron as súas intencións, como a de construír 15 novos corredores onde se instalarán ramplas mecánicas para sortear as costas da cidade.

ÚLTIMAS

Abel Caballero celebra a condena a Audasa e reclama a gratuidade da AP-9 tras a sentenza sobre as peaxes de Rande

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este sábado a sentenza da Audiencia Provincial...

Tres contratistas afrontan xuízo en Vigo por presunta estafa tras cobrar 15.700 euros por unha reforma que non executaron

Tres contratistas serán xulgados este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra,...

Traballadores de Alten mobilízanse en Vigo contra os despedimentos en BorgWarner

Decenas de traballadores de Alten, empresa auxiliar do sector automobilístico que presta servizo en...

A Fiscalía pide dous anos de cárcere para un empresario por falsificar a firma dun traballador falecido

A Fiscalía solicita unha pena de dous anos de prisión para o administrador da...