Inicio Blog Páxina 234

O BNG levará unha moción ao Pleno de Vigo para pedir a condena das “accións genocidas” de Israel en Gaza

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo levará unha moción para o seu debate no próximo pleno, para pedir a condena das “accións genocidas” do Estado de Israel na franxa de Gaza e trasladar o “clamor” da cidadanía viguesa en contra da ofensiva militar israelí. Na súa moción, os nacionalistas pedirán ao Pleno que condende “sen ambaxes” o “xenocidio” que está a perpetrar Israel, e que declare ao seu presidente, Benjamin Netanyahu “persoa non grata”.

Así mesmo, propón instar o Goberno español a facer efectivo o embargo total de armas, acordado no Congreso, e unha ruptura de relacións comerciais e diplomáticas con Israel. Tamén pide apoio para as accións da Corte Penal Internacional por crimes de guerra e de lesa humanidade, e promover accións a nivel europeo e internacional para pór fin á ofensiva e ocupación en Gaza.

Por outra banda, demanda aos gobernos autonómico e municipal “que suspendan toda cooperación con Israel, directa ou indirecta”, e calquera contrato público con empresas ligadas á industria militar israelí. Igualmente, o BNG pide o envío de axuda humanitaria por parte de ambas as administracións e accións de condena a través de Acción Exterior da Xunta.

Controladores aéreos alertan de que a torre virtual de Peinador “limita a operatividade” e “degrada o servizo”

A Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA) advertiu este luns de que a posta en marcha da torre de control remoto (torre virtual) no aeroporto vigués de Peinador “pode supor unha grave degradación do servizo, limitando a operatividade de voos esenciais e comprometendo o futuro da instalación”. A través dun comunicado, o sindicato sinalou que, segundo a información técnica de que dispoñen, o sistema remoto proposto “presenta deficiencias na detección visual de aeronaves de pequeno tamaño e en condicións meteorolóxicas específicas”. Esta limitación, alertaron, levaría a impor restricións horarias que impedirían a simultaneidade de voos visuais (VFR) e de voos instrumentais (IFR).

Segundo sinalou USCA, as restricións impactarían directamente nun tipo de voos que son esenciais para a terminal viguesa, como son os de transporte sanitario urxente, vixilancia aduaneira, servizos de extinción de incendios ou salvamento marítimo, voos de escola ou voos privados. Igualmente, podería haber atrasos nas operacións regulares. “O notable crecemento deste tipo de operacións que o aeroporto experimentou nos últimos anos veríase seriamente afectado as limitacións de simultaneidade que implica a nova torre virtual”, advertiron, e subliñaron que iso afectaría á conectividade de Peinador e ao desenvolvemento económico da cidade e a súa comarca.

Para o sindicato, a posta en marcha da torre virtual (prevista para o 11 de xuño) “supón un retroceso no acceso a servizos esenciais para toda a ciudadania” e apuntaron que “custa comprender” que unha empresa como AENA, referencia internacional en xestión aeroportuaria, impulse un proxecto “que reduce as capacidades operativas” do aeroporto, sobre todo cando xa existe unha torre física “plenamente funcional”. Nese sentido, USCA subliñou que a incorporación da tecnoloxía debe ir acompañada de criterios de excelencia, pero que a decisión adoptada para Vigo, lonxe de mellorar a operativa, supón “un retroceso” e unha “limitación para usuarios e colaboradores”. “Non se pode vender como innovación un sistema que, na práctica, impón máis límites que o actual”, remarcaron.

Este venres abrirán as piscinas de Samil, en Vigo

O Concello de Vigo anunciou que o catro piscinas públicas da praia de Samil estarán abertas a partir deste venres, día 23 de maio, e ata o 30 de setembro.

Así o sinalou o alcalde, Abel Caballero, nun audio enviado aos medios de comunicación, indicando que permanecerán operativas entre as 12.00 e as 21.00 horas, contando con 12 socorristas.

O rexedor reivindicou que Samil é a “única” praia de Europa que conta con piscinas gratuítas a disposición dos usuarios. Durante o ano, o Concello levou a cabo labores de mantemento para prestar un “mellor servizo”.

A UVigo visibiliza á muller científica cunhas xornadas en Lalín

0

A comarca do Deza será o escenario da cuarta edición da expo-feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, que terá lugar o vindeiro venres 30 de maio en Lalín. Por primeira vez, a feira celebrarase fóra das cidades nas que se asentan os campus da Universidade de Vigo, co obxectivo de descentralizar a divulgación científica e contribuír ao impulso do desenvolvemento local. Con máis de 20 actividades interactivas, a feira busca espertar a curiosidade científica e fomentar as vocacións STEM entre as crianzas e a mocidade, sen perder de vista o público xeral. A través de obradoiros, experimentos, charlas, arte e espectáculos, a xornada convida a descubrir que a ciencia tamén se fai fóra dos laboratorio e está presente na vida diaria, ao tempo que pretende achegar referentes femininos no ámbito investigador, visibilizando o traballo das científicas da UVigo.

Con diferentes actividades ao longo da xornada, a feira terá nesta ocasión como sede o interior e o exterior do edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, que este venres acollía a presentación deste evento, na que participaron o alcalde de Lalín, José Crespo; as vicerreitoras de Investigación e Transferencia, Belén Rubio; e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e a concelleira de Igualdade, Carmen Canda.

VOCACIÓN DE CIENCIA

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da Universidade, dentro do programa anual de actividades ‘Ciencia de Ida e Volta’, esta feira conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello, lembrou Rubio, quen destacou que o seu obxectivo é achegar “o traballo que facemos na Universidade a toda a cidadanía e, en particular, aos nenos e nenas”. Con esa idea, tras tres edicións en Vigo e Pontevedra e que foron “un éxito” en termos de participación, neste 2025 avogouse por “chegar a zonas máis afastadas dos campus”, neste obxectivo, sinalou Rubio, de “espallar o noso coñecemento eespertar vocacións científicas” entre a mocidade e, nomeadamente, entre as nenas.

Nesa mesma liña, Valderrama salientou a importancia de outorgar “visibilidade á figura da muller científica”, a través dun evento que permite un contacto directo coas investigadoras, contribuíndo a “ese labor fermoso de sacar a ciencia ás rúas, cunha linguaxe moi próxima”. José Crespo, pola súa banda, puxo de relevo a importancia de levar “esta iniciativa fóra das cidades”, convertendo Lalín “na capital científica galega o día 30”, aspecto no que tamén incidiu Bastos, quen destacou que celebrar este evento en Lalín “é un paso máis para democratizar o acceso á ciencia” na provincia. A deputada provincial lembrou tamén que, se ben, “as mulleres representan a maioría do alumnado universitario, seguen sendo minoría” nas titulacións deste eido, “e non é por falta de capacidade ou de intereses, senón polo peso dos estereotipos, dos roles de xénero e das barreiras sociais que seguen condicionando as eleccións educativas das máis novas”, o que fai necesario “mostrar referentes á mocidade”, engadiu Canda.

ACTIVIDADES

A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais encargouse de debullar o programa dunha xornada que arrancará, pola mañá, coa visita á feira de 180 alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria de cinco colexios do municipio, os CEIP Varela Buxán, Vicente Arias de la Maza, Xesús Golmar, Manuel Rivero e Xoaquín Loriga. En paralelo, preto de 60 estudantes de 4º da ESO participarán en obradoiros sobre desinformación, matemáticas ou sostibilidade global e local.

Pola tarde, a feira abrirá as súas portas a toda a cidadanía, con entrada libre e gratuíta. Desde as 16.00 horas, 24 obradoiros e stands interactivos ocuparán distintos espazos do exterior e interior do edificio sociocultural para ofrecer experiencias participativas: xogos divulgativos, experimentos, tecnoloxías innovadoras, retos matemáticos, arte, troco de obxectos, e ata unha maqueta de satélite ou un monopraza fabricado por estudantado universitario.

O programa inclúe tamén, a partir das 16.15 horas presentacións exprés de diferentes proxectos da Universidade de Vigo, centradas na Rede de Ciencia Cidadá de Galicia na Rede de Escolas Azuis Galegas, así como unha charla sobre os insectos como a alimentación do futuro. Ás 17.00 horas será o momento dos faladoiros animados, que afondarán en temáticas que van da enerxía comunitaria local á valorización de residuos vitivinícolas en cosmética ou a presentación da publicación Quero ser investigadora 5, da UCC+i

Ás 18.30 h terá lugar a charla de clausura, ‘Fala que sente: percibindo emocións a través da melodía das linguas‘, que contará con interpretación en lingua de signos. Como colofón, ás 19.15 horas, pechará a xornada o espectáculo teatral Elemental, unha mestura de ciencia, humor e música para toda a familia, protagonizada por Manuel Vicente, César Goldi e Juanjo Fernández.

A expo-feira científica contará, ademais, con actividades artísticas, como un espectáculo de danza contemporánea que explora a conectividade ecolóxica, e obradoiros especiais con inscrición previa, nos que as persoas participantes poderán crear libros de artista ou coñecer as escrituras do pasado.

Anpas de Vigo recollerán firmas para pedir no Parlamento que alumnos con necesidades vaian a aulas ordinarias

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnado de Vigo e Comarca (Foanpas) iniciarán unha recollida de firmas para levar ao Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para pedir a eliminación das “aulas inclusivas”, comunmente coñecidas como ‘aulas de apoio’, e que os alumnos con necesidades vaian a clase co resto de compañeiros e reciban alí a atención específica que precisan.

A presidenta desta entidade, Iria Salvande, acudiu este mércores ata a Cámara autonómica para rexistrar esta petición. A partir de agora, deberán recompilar 10.000 rúbricas para que logo un grupo parlamentario rexistre a iniciativa para o seu debate no pleno. En declaracións aos medios, Salvande explicou que a ONU pediu que en 2026 se eliminasen estas aulas, que tachou de “guetos”, de modo que os alumnos con necesidades específicas poidan estar en clase co resto de compañeiros, pero coa asistencia de profesores de apoio.

Foanpas quere que “a inclusión sexa real”, porque agora mesmo hai nenos con necesidades que “se derivan a aulas inclusivas que non son inclusivas”, senón que o que fan é “estigmatizar e dividir ás crianzas, que non poden desenvolverse nin participar no devir diario dos centros”. “A inclusión é saber que hai xente diferente, que hai diferentes formas de aprender e que o que hai que facer é apoiar a esas criaturas para que teñan unha integración real na sociedade”, recalcou.

A presidenta da federación asegurou que isto non ocorre só na zona de Vigo, senón en “o resto de Galicia”, mentres a Consellería de Educación di “que estamos na mellor das situacións posibles, que hai profesores de apoio dabondo”. Agora que deben iniciar o labor de recollida de firmas, Foanpas buscará reunirse co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e cos grupos parlamentarios –PP, BNG, PSdeG e Democracia Ourensana–.

Investigan unha suposta agresión en Vigo a un mozo que acabou ingresado no hospital con lesións graves

A Policía Nacional de Vigo investiga unha agresión a un mozo na madrugada do pasado venres ao sábado, nunha zona de locais de lecer nocturno da cidade olívica.

Os feitos ocorreron pasadas as 6,00 horas do sábado, no exterior dun establecemento hostaleiro da rúa Pontevedra. Varias testemuñas alertaron a Emerxencias da presenza dun home tendido no chan, ao que parecía que agrediran.

Fontes policiais explicaron que o home, un mozo de 30 anos de idade, estaba inconsciente e parecía que se golpeou a cabeza ao caer ao chan. O home foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde permanece ingresado na UCI.

O PP de Vigo volve pedir que se retire a Medalla da cidade a Pardo de Vera, agora investigada xudicialmente

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo volveu reclamar este mércores a retirada da Medalla da cidade concedida á expresidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, agora investigada pola Audiencia Nacional por suposta malversación e tráfico de influencias. Os ‘populares’ xa solicitaran a retirada desta Medalla de Ouro de Vigo (concedida en 2022) a través dunha moción debatida no pleno ordinario do pasado 28 de abril. A súa proposta foi rexeitada polos votos contrarios da maioría do goberno local socialista, e coa abstención do BNG, que afirmou non compartir a concesión desa distinción pero rexeitou as motivacións esgrimidas polo PP.

Nese debate, o concelleiro do PP, Fernando González Abeijón, tachou de “humillante” que Pardo de Beira recibise esa Medalla, e a súa moción foi respondida os socialistas co cualificativo de “carroñera”, por “non respectar a presunción de inocencia” e pedir a retirada do recoñecemento en base a informacións que “apuntaban” a posible implicación da expresidenta de Adif en asuntos irregulares.

Agora, unha vez que se coñeceu a imputación (investigación xudicial) de Pardo de Beira, o PP reclamou ao alcalde, Abel Caballero, que “abandone a súa complicidade” coa exdirectiva de Adif, e retírelle a Medalla “que lle regalou”. “Isto deshonra e deteriora o valor da Medalla da Cidade que lle regalou Abel Caballero. Un recoñecemento que ten e mantén co apoio, a complicidade e o consentimento do PSOE vigués”, profundou González Abeijón.

O concelleiro do PP, ademais, fixo un paralelismo entre a investigación que afecta a Pardo de Beira (pola contratación aparentemente irregular dunha expareja do exministro José Luís Ábalos) e a causa xudicial polo ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal de Vigo, un proceso que acabou cun funcionario e un empresario condenados a penas de prisión. “Quizais por isto Caballero se lava as mans, porque co PSOE vigués empezou todo. Saben moi ben como vai iso de enchufar a persoas na administración, cobrando zumentos salarios sen nin sequera acudir ao seu posto de traballo”, proclamou.

Xulgan en Vigo un home acusado de abusos sexuais continuados a unha menor

0

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este martes o xuízo contra un home acusado dun delito continuado de abusos sexuais a unha menor, polos que a Fiscalía solicita 12 anos de prisión. Os feitos, segundo recolle o escrito do Ministerio Público, tiveron lugar entre 2018 e xaneiro de 2019, tanto no domicilio do acusado como nun espazo público.

Ademais da pena privativa de liberdade, a Fiscalía reclama para o acusado medidas adicionais de protección da vítima: unha orde de afastamento de 500 metros respecto da menor, o seu fogar, lugar de traballo ou calquera outro espazo no que se atope, así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio, todo iso por un período de nove anos que se activaría tras o cumprimento da pena de cárcere.

Tamén se solicita a imposición da liberdade vixiada durante nove anos, na cal o acusado non poderá asistir a espectáculos nin actividades destinadas a menores de idade, como medida preventiva complementaria.

Xunto con estas restricións, o Ministerio Público reclama unha inhabilitación de cinco anos, unha vez finalizada a condena, para exercer profesións ou actividades que impliquen contacto directo con menores, co obxectivo de evitar situacións de risco futuras.

O xuízo, que terá lugar en Vigo, centrará o seu desenvolvemento na análise do testemuño da vítima e na valoración das probas achegadas polas partes. A resolución da Audiencia determinará se se acreditan os feitos relatados pola acusación e as consecuencias penais que se derivarían para o procesado.

Queres saber como afrontar os desafíos da tecnoloxía en cultura dixital, IA e desinformación?

0

O 17 de maio estivo cheo de celebracións. Ademais do Día das Letras Galegas, foi o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, unha efeméride á que se suma a Universidade de Vigo a través dunha serie de actividades organizadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i). A idea é dotar o estudantado, as familias e o público xeral de ferramentas para detectar e combater a desinformación e, para iso, deseñouse un programa de actividades que forman parte do Plan de Ciencia de Ida e Volta da UCC+i e contan co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Entre as propostas destaca un obradoiro multidisciplinar sobre desinformación e novas tecnoloxías para alumnado de Secundaria, un taller en liña para familias coa experta Roxana Morduchovicz no que se abordará o uso seguro e consciente das redes sociais na adolescencia e un debate público en Pontevedra, que reunirá expertos en comunicación, intelixencia artificial e saúde mental.

Dende a UCC+i explican que o obxectivo é “contribuír a educar no uso responsable da tecnoloxía, aproveitando as investigacións realizadas no seo da Universidade de Vigo” e para iso contan co “coñecemento e a colaboración de persoas expertas de distintas áreas, polo que todas as actividades propostas son multidisciplinares e achegan unha visión de conxunto”. 

TALLER ONLINE ABERTO A FAMILIAS

A primeira das actividades terá lugar o vindeiro 26 de maio e será un taller en liña que impartirá Roxana Morduchovicz, recoñecida experta en cultura xuvenil e asesora principal da Unesco no programa de Cidadanía Dixital. A actividade, Adolescentes e redes sociais: Que poden facer as familias?, está aberta á cidadanía e nela Morduchovicz afondará na importancia das redes sociais para os adolescentes, analizando os riscos asociados ao seu uso e as consecuencias psicolóxicas que poden ter na súa identidade e autoestima. A sesión tamén incluirá orientacións e ferramentas para que as familias poidan acompañar as súas crianzas no uso responsable e reflexivo das plataformas dixitais. 

Roxana Morduchovicz é autora de libros como Los adolescentes y las redes sociales e Ruidos en la web. Cómo se informan los adolescentes en la era digital e conta cunha ampla traxectoria internacional como asesora de políticas de cidadanía dixital en diversos países. Dende a UCC+i animan ás familias a participar nesta actividade “que ofrece claves moi prácticas para comprender mellor o mundo dixital no que se moven as nosas crianzas, e para acompañalas con máis ferramentas e criterio”. Será “unha “oportunidade única para achegarse a unha problemática de grande actualidade dende unha perspectiva científica, pedagóxica e práctica”.

As persoas interesadas poden inscribirse no taller a través da plataforma Eventbrite.

OBRADOIRO PARA ALUMNADO DE SECUNDARIA

Ao día seguinte, o 27 de maio, desenvolverase un obradoiro no IES Mendiño de Redondela co estudantado de 4º da ESO para explorar distintos aspectos da desinformación e do uso responsable da tecnoloxía a través de estacións de aprendizaxe. O alumnado terá a oportunidade de aprender a crear bos prompts (instrucións ou preguntas) para ferramentas de intelixencia artificial como ChatGPT, de experimentar coa detección de novas falsas nun ‘escape room’ dixital, de explorar o impacto dos algoritmos nas redes sociais e de poñer a proba os seus coñecementos nun reto interactivo. 

A actividade será impartida por Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, do grupo TC1 – Tecnoloxías da Información e membros de atlanTTic; Guillermo Blanco González, do grupo SI4 – Sistemas Informáticos de Nova Xeración; e Talía Rodríguez Martelo e Uxía Seijas, do grupo CP2 – Comunicación Persuasiva, todas e todos eles investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.

Ademais, neste evento estará presente a furgoneta Paparruchas: en marcha contra a desinformación, un espazo itinerante de divulgación científica que se instalará no patio e ofrecerá información adicional sobre os retos da desinformación e as ferramentas dispoñibles para facerlle fronte. Este vehículo tamén se desprazará a Lalín para formar parte da feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, que terá lugar o día 30 organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.

DEBATE CON XABIER FORTES NO MUSEO DE PONTEVEDRA

Finalmente, o 9 de xuño, o Museo de Pontevedra acollerá o debate A desinformación baixo o foco, moderado polo xornalista Xabier Fortes e no que participarán investigadores e investigadoras da UVigo, como José Rúas Araújo e Iván Puentes, da Facultade de Comunicación; Guillermo Blanco González, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, da EE de Telecomunicación e Iria Veiga Ramos, médica psiquiatra e divulgadora (@rainhavermelha en Instagram). 

Este evento estará estruturado en seis bloques temáticos que abordarán desde o funcionamento das fake news ata as ferramentas para combatelas. O debate estará aberto ao público ata completar a capacidade da sala.

Un ano de prisión por apropiarse de equipos dunha emisora para revender en tendas de segunda man

0

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebra este mércores 28 de maio o xuízo contra un empresario acusado de quedar de forma indebida con equipos e mobiliario dunha emisora viguesa para posteriormente revendelos en tendas de segunda man. O caso remóntase ao ano 2018, cando o procesado, como representante legal da sociedade Inmohevana SL, asinou un contrato de cesión temporal por dez anos da marca Vía Radio, incluíndo o uso de instalacións e equipos propiedade da empresa Sistemas de Televisión Galega SL, situadas na rúa Urzaiz.

Segundo o relato da Fiscalía, entre xuño de 2018 e abril de 2019, o acusado foi incorporando ao seu patrimonio persoal bens alleos, incluíndo mobles de oficina, material audiovisual e dispositivos de telecomunicación, que presuntamente foron vendidos a través de establecementos de segunda man. A listaxe de elementos desviados inclúe tablets, ordenadores portátiles, monitores e teléfonos móbiles, entre outros.

A investigación logrou recuperar parcialmente o material subtraído, concretamente unha mesa de directos, un monitor, un micrófono e varios cables, que foron depositados xudicialmente á espera de seren devoltos aos seus lexítimos propietarios.

Ademais da responsabilidade penal, a Fiscalía reclama que o acusado indemnize á empresa afectada polo valor dos bens non recuperados, cantidade que será determinada no propio xuízo. Así mesmo, unha tenda de segunda man tamén reclama 314 euros, en concepto do prezo abonado polos aparellos que o acusado lles entregara e que foron posteriormente intervidos pola autoridade xudicial.

O Ministerio Público considera os feitos como un delito continuado de apropiación indebida, que se produce cando alguén, tendo lexitimamente acceso a un ben alleo, decide facer uso del en proveito propio sen autorización do titular. O xuízo servirá para dilucidar se o acusado actuou de forma premeditada e con ánimo de lucro, e para determinar as posibles sancións penais e civís correspondentes.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed