Inicio Blog Páxina 2014

O BNG urxe á Xunta a intervir a residencia DomusVi de Vigo na que se detectaron varios contaxios

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou á Xunta a intervir a residencia de maiores DomusVi situada no barrio vigués de Barreiro na que se detectaron máis dunha trintena de casos positivos en coronavirus.

O portavoz da formación na cidade, Xabier P. Igrexas, remarcou a necesidade de que o Goberno galego exercite as súas “competencias” e asuma a dirección e a xestión do centro para organizar o traslado dos seus usuarios a outras dependencias nas que se garantan “medidas preventivas” de contaxios e a atención sanitaria precisa.

En concreto, fontes da Consellería de Política Social informaron de que neste centro se contabilizaron 33 usuarios e cinco traballadores coa Covid-19, o que, en opinión do portavoz nacionalista local, representa unha “situación límite” que afecta “case o 25 por cento” dos residentes.

Neste sentido, o tamén edil na corporación local denunciou que nas instalacións da residencia “non se garante o illamento de modo preventivo” dado que non conta con áreas destinadas a ese fin ou cuartos individuais, aínda que fontes da residencia aseguraron a semana pasada que as persoas que tiveran contacto cos infectados foran postas en corentena nunha zona da residencia.

Na mesma liña, Igrexas chamou a non “esperar a que esta situación se converta nunha desgraza”, para o que considerou que o Executivo galego “debe actuar con responsabilidade e garantir o dereito á saúde” das persoas maiores, que segundo lembrou, representan un “colectivo de risco” ante un posible contaxio.

Ademais, reprobou que a “única achega da Xunta” ante esta situación fose “a propaganda”, que, ao seu xuízo, se escenificou “nunha fotografía ridícula” na que a delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Corina Porro, trasladaba material preventivo que “segue sen chegar” aos lugares nos que se precisa. Deste xeito, Igrexas asegurou que “non se destinou nin unha unidade” do mesmo aos servizos que se manteñen en funcionamento na cidade olívica.

Feijóo critica que o AVE a Vigo ou o Corredor Atlántico non son prioritarios para o PSOE

O presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou este venres que as infraestruturas de Galicia non son unha “prioridade” para o goberno de Pedro Sánchez, e lembrou que o AVE Vigo-Ourense “non está no mapa” de Adif de alta velocidade ferroviaria, ou que o Corredor Atlántico de mercadorías pode quedar “en nada”.

Así o trasladou o líder dos ‘populares’ galegos nun almorzo de campaña electoral con varias decenas de empresarios en Vigo, no que afirmou que “hai un problema de prioridades”. “Galicia non está no radar do PSOE”, resolveu.

A ese respecto, lembrou que, no mapa de liñas presentado por Adif, o AVE Vigo-Ourense “non está”, do mesmo xeito que tampouco está a conexión a Ferrol. Segundo Feijóo, “Adif non vai facer ese tramo” e “o mapa é real, pero os prazos non”, xa que “o obxectivo agora é que estea o AVE a partir do segundo semestre de 2021, pero tampouco pode asegurarse”.

Por outra banda, Feijóo referiuse á paralización da autovía Vigo-O Porriño e ao Corredor Atlántico, que “Zapatero deixou fóra” dos corredores de mercadorías europeos, e que o PP “conseguiu incluír no último momento”, tras un acordo de Galicia con Asturias e Castela e León.

“Lamentablemente, chegou o PSOE e agora nada”, constatou, e lembrou que, o entón ministro de Fomento, Íñigo da Serna, tamén puxo sobre a mesa o saída sur de Vigo, unha obra “clave”. O presidente galego instou a “reactivar” ese corredor de mercadorías “da mesma forma e á mesma velocidade” que o Corredor Mediterráneo.

“PARÁLISE PROTAGONIZADA POLO GOBERNO”

Feijóo expuxo, ante os empresarios que participaron no acto, a súa análise da situación económica de España, un país que sofre unha “parálise protagonizada polo Goberno”, “sen reformas, sen contas, sen leis” e cunha “crise institucional”.

A ese respecto, criticou a ausencia dunha política enerxética, a perda de empregos e unha política financeira que desembocou nunhas contas cuestionadas pola UE. Fronte a iso, denunciou, o PSOE “tenta ocultar a realidade”, cando este Goberno “agrava os problemas económicos, sociais e territoriais” de España.

Feijóo, tras insistir en que a actual situación “lembra moito ao vivido con Zapatero”, recalcou que o panorama só se pode cambiar “votando”. “Imos prorrogar outros 4 anos o que ocorreu nestes dous anos anteriores?”, cuestionou, e advertiu de que, de ser así, “Vigo, Galicia e España irán a peor”.

O líder do PPdeG lamentou que o actual PSOE “xa non é o de Felipe González e Rubalcaba”, e é “o peor” PSOE que el coñeceu. “Excede a frivolidade de Zapatero. Quen me ía a dicir a min, que ía valorar ao goberno de Zapatero, que nos mentía en todo, que daba previsións falsas?”, ironizou.

Así mesmo, o presidente do PP galego lembrou outros “incumprimentos” (ademais dos relacionados coas infraestruturas) do goberno socialista con Galicia, como a rebaixa de investimentos, os problemas que ameazan a ENCE e ás familias que dependen da pasteira, os “bandazos” con respecto ás centrais térmicas, a paralización do compromiso de facer unha nova subestación eléctrica para PSA, ou os 700 millóns “que aínda deben” á comunidade.

Finalmente, Feijóo insistiu na súa mensaxe da necesidade de agrupar o voto de centro dereita no PP, e non cometer o “erro” de atender aos “reclamos” do PSOE, cuxa estratexia é a “división”.

Ameazan con sancionar á médica viguesa, crítica coas autoridades, por alarmar á poboación

O  Ilustre Colexio oficial de Médicos de Pontevedra informou que abrirá expedientes disciplinarios a todos aqueles colexiados que animen á cidadanía a desatender ás autoridades sanitarias a través das redes sociais.

Esta institución tomou esta decisión despois de que durante esta semana se fixera viral unha mensaxe de audio a través de Whatsapp dunha médica de Familia de Vigo que traballa nunha clínica privada e que asegura que se está manipulando “emocional e psicoloxicamente” á sociedade coa información que se transmite sobre o coronavirus.

Ademais, o seu testemuño afirma que os datos de afectación desta patoloxía “non son significativamente máis graves” que os da gripe estacional e que as cifras da OMS “non xustifican a alarma social”.

Ante estas declaracións, o Colexio de Médicos de Pontevedra quere deixar claro que a súa institución “apoia absolutamente todas e cada unha das normas sanitarias ditadas polas autoridades competentes” para tratar de liquidar esta situación que, ao contrario que a médica, tachan de “extrema gravidade“.

Así mesmo, instaron á poboación a “seguir a machada” a totalidade das medidas establecidas polo estado de alarma e recoñecen o labor profesional que desenvolven os sanitarios para erradicar esta pandemia.

Vídeo: Cando se traballa de noite en Barreras a pesar do incerto futuro

O sector dos astaleiros, un dos grandes activos e históricos activos económicos de Galicia está en perigo, especialmente, na comarca de Vigo. A crise tamén pode levar por diante a históricos como Vulcano, con 69 traballadores. Outros, como Hijos de J. Barreras, do que dependen medio milleiro de traballadores, atravesan por graves problemas.
Hai uns días, a xunta de accionistas de Hijos de J. Barreras (liderada por PMI, filial de petroleira mexicana PEMEX) cesaba a toda a directiva do astaleiro. Esta decisión está condicionada pola súa complicada situación que, a pesar de ter unha carteira de pedidos por valor de máis 800 millóns de euros, afronta momentos delicados por sobrecustos en contratos, atrasos e débedas cos provedores. Por iso apuran os traballos, ainda que sexan de noite.

Os cambios na dirección da empresa expoñen a incógnita acerca dunha posible capitalización do estaleiro. Así, algunhas fontes do comité de empresa apuntan á entrada no accionariado de Ritz-Carlton, cuxa filial de minicruceros de luxo (Ritz-Carlton The Yatch Collection) está a construír un barco, e anunciou un segundo, nesta bancada viguesa.
Peor está a situación en Vulcano, enfilado xa cara a un peche seguro. Así o confirmaba hai uns días o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Manuel Cividanes, que lamentaba que “a día de hoxe” non hai “ningunha empresa que manifeste interese claro de dar continuidade á actividade” a este estaleiro de Vulcano en Vigo, cuxo persoal espera á execución do expediente regulador de emprego (ERE).

James Rhodes, o pianista británico “máis riquiño”, actuará este sábado en Vigo.

0

James Rhodes actuará este sábado 1 de febreiro ás 20:30h no Teatro Afundación de Vigo e a súa chegada ven anunciada en galego dende o seu perfil en Twitter. Laiándose do pouco tempo da estancia pero contento e repartindo eloxios á gastronomía e o entorno da cidade olívica.

O pianista preguntou tamén en Twitter sobre o proceso evolutivo da denominación do Teatro García Barbón a Teatro Afundación. Cun lapsus lingüe de confundir o apelido Borbón con Barbón.

Tan só falta despexar a incógnita se este sábado lucirá a “famosa camiseta de Vigo ” durante o seu concerto.

Científicos sinalan as bateas como fonte de micropásticos que contaminan as rías

REPORTAXE COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

Investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo publicaron recentemente os resultados dun estudo no que analizaron a presenza de microplásticos en aves mariñas, concretamente, na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. Trataríase, polo que coñecen estes científicos, do “primeiro estudo que examina a presenza de refugallos en aves mariñas no noroeste da Península Ibérica”.

No estudo foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bolas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”, salientan.

As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes nas egagrópilas, seguidas do poliéster

En total, atopáronse 69 partículas de plástico en 26 dos 41 gránulos analizados, todas elas de menos de un milímetro de diámetro). No 67% dos casos púidose identificar o tipo de fibra, que inclúe  poliéster, raión, nailon e un copolímero de etileno e  acetato de vinilo (etilvinilacetato). No caso do raión, trátase dun “material semisintético non plástico que probablemente se introduciu no medio mariño a través de augas residuais”, aclaran os investigadores, en base a outros estudos previos.

As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes, representando o 63% do total identificado, seguidas do poliéster. Porén, as partículas máis grandes corresponderon ao etilvinilacetato.

Tamén se comprobou que hai maior presenza de microplásticos nas egagrópilas con restos de peixes bentónicos, é dicir, naqueles que habitan nos fondos mariños. Isto probaría que existen distintos niveis de contaminación por plásticos no mar, sendo o fondo onde máis cantidade se acumula, mesturándose cos sedimentos mariños.

USO DE PLÁSTICOS NAS BATEAS

Pero de onde proveñen esas partículas de plástico? A hipótese que manexan os científicos é que parte deles proceden dos aparellos que se utilizan nas bateas para o cultivo do mexillón.

“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados no cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos”

O certo é que o uso do plástico está moi estendido nas bateas, xa que, por exemplo, o poliéster se utiliza para recubrir os flotadores de aceiro que soportan estas estruturas, e da armazón de madeira cólganse cordas de nailon de tres centímetros de grosor e de dez a doce metros de longo, onde se engorda o mexillón. En cada corda colócanse barras de plástico –cada vez máis común, fronte as de madeira– de 20-30 centímetros, para evitar que a semente de desprenda polo seu propio peso cando creza.

“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados para colgar cordas e outras actividades relacionadas co cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos ao ambiente mariño, pero non se dispón de estimacións cuantitativas”, explican os autores do estudo.

O que si saben a ciencia certa é que o corvo mariño cristado se alimenta durante a época de reprodución nun radio de 20 quilómetros ao redor das colonias de reprodución, neste caso, a illa de Ons. E que nesta área, estas aves mergulladoras capturan especies bentónicas nos fondos, baixo as bateas situadas na área exterior da ría de Pontevedra.

As egagrópilas dos corvos mariños “poden ser útiles para controlar a contaminación microplástica nas augas costeiras”

Por todo isto, consideran que “a industria pesqueira pode ser responsable da liberación de grandes cantidades de plásticos no medio mariño”, xa que os materiais atopados nas egagrópilas dos corvos mariños cristados “son utilizados comunmente” no sector do mar. De feito, refírense a estudos previos que demostraron que “as augas galegas soportan un gran número de actividades pesqueiras e os residuos deste sector representan a maior parte do lixo que se atopa nas praias galegas”.

Os investigadores subliñan, por último, que os seus resultados suxiren que as egagrópilas dos corvos mariños cristados “poden ser útiles para controlar a contaminación microplástica nas augas costeiras”, xa que poden ser un indicador da abundancia de residuos plásticos a escala local e indicar distintos niveis de contaminación no mar e nas especies. Por outro lado, valoran que a metodoloxía aplicada neste estudo pode ser o camiño axeitado para examinar os plásticos inxeridos polas aves mariñas, ao tratarse dun método non invasivo.

O estudo, titulado ‘The use of European shag pellets as indicators of microplastic fibers in the marine environment’, publicouse na revista científica Marine Pollution Bulletin e está asinado por Gema Álvarez, Álvaro Barros e Alberto Velando.

REPORTAXE COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

A exportación española de conservas e preparados de peixe e marisco increméntase un 6% respecto de 2018

A exportación española de conservas, semiconservas e preparados de peixe e marisco incrementouse un 6 por cento entre xaneiro e marzo de 2019 respecto dese período do ano anterior.

O valor destas exportacións elevouse un 6,31 por cento durante o tres primeiros meses deste ano en comparación cos mesmos de 2018, segundo recolleu Anfaco nun comunicado. Así, comercializáronse 50.450 toneladas en todo o mundo entre xaneiro e marzo de 2019 por un valor de 239 millóns de euros.

En concreto, o crecemento do volume de exportación de conservas foi do 7,93 por cento, cun total de 46.291 nos primeiros meses deste ano, e o do seu valor, do 8,47 por cento, cunha recadación de case 217 millóns de euros.

O principal produto comercializado en conservas é o atún, cun volume exportado de xaneiro a marzo de 2019 de 29.880 toneladas e un valor de máis de 153 millóns de euros, o que supuxo unha subida do 6 por cento en ambos os casos respecto ao mesmo período de 2018.

As conservas e preparados de sepias e luras rexistraron unha comercialización de 5.871 toneladas, o que supuxo que sexan as segundas con maior importancia. Os demais grupos de marisco rexistraron unha exportación de 4.368 toneladas e os de peixe, de 2.928 toneladas.

Os principais países compradores de produtos españois atópanse na Unión Europea (UE), que importa o 89 por cento do total. Deles, os que máis reciben son Italia, Francia e Portugal. Así mesmo, América recibe un 5 por cento da comercialización total, seguida por África, que importa un 3 por cento, e o resto de Europa, cun 2 por cento.

A cuñada de Carmela Silva non asiste ao xuízo sobre o seu suposto “enchufe” e podería ser multada con ata 5.000 euros

A Audiencia de Pontevedra ordenou a citación, a través da Policía, de V.F.B., cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que estaba citada como testemuña para comparecer este martes no xuízo que se segue sobre o seu suposto ‘enchufe’ nunha concesionaria municipal de Vigo, e non se presentou.

Tras constatar a ausencia desta testemuña, o presidente do tribunal ordenou que lla volva a citar, esta vez a través da Policía, para este mércores ás 10,00 horas.

Así mesmo, o maxistrado ordenou que se indique a “advertencia expresa” de que poderá ser sancionada con multa de ata 5.000 euros e que “se persiste” na súa incomparecencia, pode incorrer “nun delito de desobediencia grave”.

Na vista que comezou este martes xúlgase a un alto funcionario do Concello de Vigo, Francisco Javier G.O., e ao que era xerente da concesionaria Imesapi, Ramón C.A., acusados de prevaricación, malversación e falsidade documental.

A Fiscalía sostén que ambos idearon un plan para “aparentar” a contratación de V.F.B., “persoa moi afín a un membro do goberno local”, por parte da concesionaria. Para sufragar a nómina desta persoa, o Concello encargou á empresa, por medio de contratos menores, a elaboración de varias enquisas e estudos que, segundo o ministerio público, foron facturados, pero nin a cuñada de Silva nin Imesapi foron os seus autores.

O xuízo iniciouse coa presentación das cuestións previas e coas declaracións de Francisco Javier G.O., para quen a Fiscalía pide 8 anos de cárcere e 30 de inhabilitación; e de Ramón C.A., para quen pide 7 anos de prisión.

O funcionario vigués explicou que o departamento de Participación Cidadá encargou a Imesapi, porque se cría que tiña a capacidade e persoal para iso”, a elaboración dunha serie de enquisas sobre a calidade dos servizos, e que dito encargo procedía unha orde xeral do goberno municipal, a través do edil do departamento, Santos Héctor Rodríguez.

No entanto, matizou que “nunca” impuxo a contratación da cuñada de Carmela Silva e tamén negou que planificase a elaboración desas enquisas como modo de compensar economicamente Imesapi polo custo salarial que supuña manter a V.F.B. na concesionaria.

Segundo explicou, esta traballadora desempeñou labores de apoio na unidade de Queixas e Suxestións do Concello, aínda que “non quedou pegada” do seu traballo, e engadiu que ignora quen elaborou as enquisas encargadas a Imesapi.

Finalmente, xustificou que fose el quen propuxese os orzamentos das distintas enquisas, en lugar da propia empresa, alegando que se cinguía aos “prezos de mercado”, uns prezos que, neses contratos, oscilaron dos 9,5 aos 23,25 euros por enquisa.

O outro acusado, Ramón C.A., incidiu na súa declaración en que a contratación de V.F.B. para a elaboración desas enquisas se fixo”por indicación do Concello”, aínda que sinalou que non recorda quen lle deu esa instrución. “Esta persoa xa traballara nos centros cívicos facendo substitucións, e desde o Concello pedíronnos que continuase”, declarou.

Ramón C.A. tamén explicou que a concesionaria non tiña “ningún control” sobre os traballadores que estaban nos centros cívicos, nin sobre a cuñada de Carmela Silva, de quen descoñecía o tipo de traballo que facía ou incluso o lugar físico onde desempeñaba os seus labores.

O que fose xerente de Imesapi, no entanto, si recoñeceu que o encargo das enquisas foi a forma en que o Concello abonaba á empresa os custos laborais da contratación de V.F.B., que faría traballos alleos ao prego” dos centros cívicos.

“Faciamos as facturas segundo as instrucións do xefe de servizo, pero Imesapi non fixo nin as enquisas nin os informes. A primeira vez que as vin, foi durante a instrución da causa”, incidiu.

Finalmente, proclamou que a concesionaria “non gañou diñeiro” coa contratación da cuñada de Silva. “Oxalá non fixésemos ese contrato nunca”, lamentou.

Nesta primeira xornada de xuízo tamén declararon, como testemuñas, o portavoz da plataforma Xuntos, que interpuxo a denuncia inicial, Carlos González Armada; o extrabajador de Imesapi, J.A.M.B., quen confirmou a contratación de V.F.B. por indicación municipal; e o concelleiro de Emprego (e no momento dos feitos tamén de Participación Cidadá), Santos Héctor Rodríguez.

O edil socialista ratificou que a elaboración de enquisas de calidade do servizo foi “unha decisión de goberno” e que el mesmo trasladou a Francisco Javier G.O. o encargo, en función da disposición de remanentes.

Con todo, Santos Héctor Rodríguez matizou que “nunca” interveu para que Imesapi contratase á cuñada da súa compañeira de goberno para facer esas enquisas. “Nunca me dirixín a eles para indicarlles a quen contratar”, asegurou, á vez que afirmou que, no momento en que se asinaron os contratos coa empresa non coñecía a V.F.B., nin a súa relación de parentesco con Silva.

O concelleiro sinalou que non estaba ao tanto da tramitación administrativa dos contratos, e tampouco de como se elaboraron esas enquisas que, en todo caso, apuntou, foron “moi útiles” para mellorar os diferentes servizos do seu departamento.

VÍDEO: Cata, niñún, faer, traio ou truita… As particularidades lingüísticas do Baixo Miño

0

Desde mediados do mes de xaneiro e ata o 3 de febreiro, o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, participa na experiencia 21 Días co Galego e + como representante da provincia de Pontevedra.

Trátase dun programa educativo que ten dous obxectivos ambiciosos a nivel lingüístico. Dunha banda, procura o aumento de uso do galego como lingua de comunicación habitual, tanto en cantidade de tempo como de ámbitos de uso. Por outra, é unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.

Durante estas tres semanas, 447 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato deste centro, xunto co alumnado do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e mais do IES Otero Pedrayo de Ourense, desenvolverán actividades colectivas en relación coa lingua (recreacións audiovisuais de obras literarias galegas, traballos de campo sobre o uso do galego nas empresas da contorna, retransmisións deportivas…).

De feito, o IES Antón Alonso Ríos elaborou pequenas pezas audiovisuais para divulgar o labor cultural do grupo San Roquiño de Goián, as características dialectais máis salientables do lingua galega na zona ou a contribución do Serán da Debullada de Estás para manter vivos estes encontros ao redor da música tradicional.

Este é un deses interesantes vídeos que a rapazada de Tomiño fixo para dignificar as particularidades que tomiñeses e outros habitantes da zona do Baixo Miño usan ao falar en galego.

162 malos tratos a cabalos desde 2011, e continúan: esta vez foi en Moaña

Unha vez máis, aparecen cabalos con cordas nas súas patas en Domaio. LIBERA! e a Fundación Franz Weber fanse eco de novas queixas cidadás, e mentres os animais son sometidos a unha modificación grave do seu comportamento natural, seguen reclamando unha norma específica de benestar e protección activa.

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber denuncian a aparición de máis cabalos coas patas dianteiras inmobilizadas, unha práctica gandeira ‘ trufada’ de mitos que “somete aos animais a un sufrimento cruel e innecesario”, aseguran.

Os équidos foron gravados na estrada CF-404 que transita entre o miradoiro do Monte Faro, en Domaio (Moaña), e a área recreativa de Chan de Arquiña, unha zona onde os animalistas xa advertisen acerca desta práctica de malos tratos animais a pasada semana, e onde se localizaron non poucos animais en similares circunstancias nos últimos anos.

A colocación de dispositivos para inmobilizar ou limitar de forma continuada o movemento dos animais é unha práctica constitutiva dun delito de malos tratos animais, penado con ata un ano de prisión e inhabilitacións para a tenencia, comercio ou profesión relacionada cos mesmos por un máximo de 36 meses.

Con todo, a situación de abuso animal continúa, como denuncian os colectivos. Neste sentido FFW e LIBERA! lograron documentar, con este caso dobre, 162 situacións de malos tratos a cabalos desde 2011, a pesar de que ningún dos animais estaba identificado. Grazas ao “pacto de silencio” existente nestas zonas rurais é practicamente imposible definir quen é o autor desta acción de crueldade.

Os animalistas recomendaron que, ante a localización dun animal nestas circunstancias, non se tente liberalo de forma inmediata, xa que a súa forza podería provocar severas feridas aos rescatadores.

Expoñen comunicar tanto a Seprona como á Consellería do Medio Rural a localización e cerciorarse de que os axentes acoden para verificar o estado do animal, liberalo das súas cadeas e levantar acta.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed