Inicio Blog Páxina 1976

Abel Caballero a Feijóo: “Se atende a cidade eu póñolle unha alfombra vermella”

O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, considera “completamente esgotado” o proxecto do presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo. Así se pronunciou nunha entrevista na Cadena Ser, onde sinalou que percibe aires de cambio na comunidade galega coa vista posta nas próximas eleccións autonómicas.

“Non vexo cal é o seu proxecto industrial, económico, cara a onde quere ir. Non vexo cal é a súa visión de cara a onde teñen que ir as políticas sociais”, afirmou. De feito, agregou que, nos últimos anos, o presidente galego “pasou máis tempo pensando en España e no Partido Popular que en Galicia”. Ao seu xuízo, iso produciulle “un distanciamento evidente” en “unha parte importante de Galicia”.

Sobre a relación que manteñen o Concello olívico e a Xunta de Galicia, Caballero negou que houbese unha “machada de guerra”, pero denuncia que Núñez Feijóo “ten desatendida á cidade”. “Se a atende, eu póñolle a alfombra vermella”, dixo, co exemplo do investimento do Executivo autonómico na estación de autobuses.

Con todo, criticou que a Xunta destine “cero euros” á iluminación do Nadal da cidade, mentres que se invisten 60 millóns no Camiño de Santiago. Precisamente, en relación coa iluminación, admitiu que “non esperaba tanto éxito”, e aseverou que “se converteu nun fenómeno de toda España”.

“Eu retei a Nova York e gañeille. O noso elemento de comparación non é Madrid. É Nova York, Londres ou Roma. A Madrid gañámoslle por incomparecencia”, chanceou.

As traballadoras das residencias DomusVi manteñen a loita

As traballadoras das residencias para persoas maiores do Grupo DomusVi volveron concentrarse ante a sede da firma líder dos servizos xeriátricos en España, para denunciar a “sistemática vulneración dos dereitos laborais dos traballadores”.

Denuncian que o grupo empresarial DomusVi “incumpre e vulnera de forma sistemática o convenio colectivo en vigor do sector de residencias privadas da terceira idade de Galicia”, e din que a empesa “se aproveita dunha forma mesquiña das precarias condicións que rodean nestes últimos anos as economías española e galega, en xeral, e ás traballadoras e traballadores das residencias de maiores, en particular”.

Ritz-Carlton eloxia a calidade do naval galego, pero descarta entrar no accionariado de Barreras

0

The Ritz-Carlton Yatch Collection, a división de iates e cruceiros de luxo da coñecida multinacional hoteleira, eloxiou este mércores a calidade de produtos e a experiencia da industria naval galega, aínda que descartou entrar no accionariado do estaleiro vigués Fillos de J.Barreras –no que está a construír un cruceiro de luxo e ten outro asinado–.

O CEO de Ritz-Carlton Yatch Collection, Douglas Prothero, descartou, a preguntas dos medios, que a empresa vaia a entrar no accionariado de Barreras, ante a decisión de Pemex de abandonar o Consello de Administración. “Definitivamente non”, recalcou. Prothero participou este mércores nunha xornada organizada pola delegación galega do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, en colaboración con Aclunaga, sobre o reto da construción de cruceiros de luxo.

Na súa intervención, o directivo de Ritz-Carlton Yatch Collection disertou sobre o gran crecemento que este mercado está a experimentar e a “oportunidade” que supón para unha industria naval como a galega. A ese respecto, eloxiou o “alto talento” que hai nas empresas de construción naval en Galicia, así como os seus “produtos de calidade”, a implicación das administracións locais e as facilidades para facer investimentos.

De feito, Ritz-Carlton está a construír un minicrucero de luxo no estaleiro vigués Barreras, do que destacou a súa “experiencia” e “éxitos” tanto na área de construción como de reparación. A ese respecto, está prevista a celebración, este xoves, dunha rolda de prensa nas instalacións do estaleiro, na que, todo apunta, confirmarase o encargo dun segundo minicrucero (cuxo contrato sería asinado hai unhas semanas).

Ethel Vázquez avanza que as obras da PO-552 en Vigo finalizarán a principios de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que as obras de mellora da PO-552 desde o seu acceso pola parroquia viguesa de San Andrés de Comesaña ata a de Saiáns finalizarán durante o primeiro trimestre de 2020.

Ethel Vázquez supervisou este martes os traballos iniciados a principios deste mes que permitirán eliminar os treitos de concentración de accidentes ao longo de 4,5 quilómetros da vía, segundo recolleu a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nun comunicado.

En concreto, o orzamento destinado a esta actuación ascende a 1 millón de euros e permitirá mellorar 15 pasos de peóns e crear dous máis. Tamén se acometerán oito interseccións e reordenaranse os accesos asistentes, ademais de construír catro glorietas e catro marquesiñas.

A conselleira detallou que o prazo de execución destas obras ascende a oito meses e que durante este verán levan a cabo dun modo que non perturbe o acceso dos cidadáns ás praias. Tamén apuntou que esta vía rexistra unha alta intensidade de tráfico e que por esta discorren uns 20.000 vehículos diarios dado que atravesa distintos núcleos de poboación.

ACTUACIÓNS

Así mesmo, Ethel Vázquez avanzou que nesa mesma vía realizaranse actuacións para suprimir o treito de concentración de accidentes nos concellos de Vigo e Nigrán, un proxecto que se espera aprobar no outono e licitar a finais deste ano.

Ademais, eliminarase o punto negro situado entre os municipios de Nigrán e Baiona mediante unhas obras que se iniciarán despois do verán. Así, a Consellería destinará uns 2 millóns de euros a levar a cabo este tres proxectos.

As Neves denuncia o abandono da Xunta a punto de cumprirse un ano desde os lumes

O alcalde das Neves vén de publicar un vídeo no que valora o esforzo de pequenas iniciativas para “sacar adiante” o medio natural do concello e ao mesmo tempo denuncia o abandono da Xunta.

O rexedor estima o coste da traxedia do pasado outubre en máis dun millón de euros. Recibiron só 180.000. Pero, sexa como sexa, o Concello das Neves conmemora o vindeiro luns, día 15, o 1º aniversario da vaga de lumes que o 15 de outubro de 2017 arrasou máis de 4.000 hectáreas, queimou preto de 30 casas e acabou con empresas do sector primario que daban emprego a ducias de veciñas e veciños.

monte Queimado As Neves .
Un paisano de As Neves camiña co seu can polo monte queimado/ Miguel Núñez

O Goberno Municipal lembrará aquel triste día presentando a alumnas e alumnos da vila o proxecto ambientalista ‘O Monte nace na Escola’, ás 11 e media da mañá, que ten coma obxectivo comprometer as cativas e cativos, rapazas e rapaces dende a Escola Infantil ata o Instituto, para garantir a supervivencia do medio ambiente nevense.

As medidas impulsadas polo Concello abranguen, ademais, o plan ‘Sementando Vida’, coa axuda de One Oak, que posibilitará que dende o mes de novembro ata o mes de febreiro de 2019, se planten 10.000 árbores no ‘Sendeiro dos Pescadores, na contorna do río Miño, un vieiro que une as Neves con Portugal, e por onde hai un ano entrara o lume.

Do mesmo xeito, da man da Deputación de Pontevedra, e das Comunidades de Montes, está previsto plantar unha hectárea de castiñeiros en Tortoreos, e outros 7.000 en Vide, ademais de colaborar co ‘Grupo Naturalista Hábitat’ e Abanca na iniciativa ‘Unha nova árbore’, que fará posible plantar centos de árbores autóctonas en San Nomedio.

O Alcalde das Neves reuníuse esta mañá de xoves co colectivo de familias afectadas pola perda da vivenda habitual e a representante do grupo de voluntariado para analizar a sua situación e ofrecerse a continuar colaborando na resolución dos seus problemas.

O Sergas indeminizará con 100.000 euros a unha paciente con parálise facial por unha operación no Meixoeiro

A Sección Primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG confirmou que o Sergas debe indemnizar con 99.644 euros a unha paciente que sofre unha parálise facial avanzada debido á lesión dun nervio provocada durante unha operación no hospital Meixoeiro de Vigo en xaneiro de 2009.

A muller foi intervida cirurxicamente porque sufría hipoacusia bilateral (unha incapacidade para detectar sons nos oídos, ben sexa parcial ou totalmente). Segundo apunta o TSXG nun comunicado, o tribunal desestimou os recurso de apelación interpostos polo Sergas e Segurcaixa Adeslas e confirmou a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo en febreiro deste ano.

Os maxistrados rexeitan no fallo a solicitude de prescrición do Sergas, pois subliñan que, desde que se estabilizaron e consolidaron as secuelas ata que a afectada presentou a reclamación, en outubro de 2014, non transcorreu o prazo dun ano ao que se refire a Lei 30/1992. “Os prexuízos non puideron ser determinados no momento da intervención cirúrxica”, recalcan os xuíces, polo que consideran que o prazo para presentar a reclamación debe contabilizarse desde o día no que se coñeceron definitivamente os efectos das secuelas. O tribunal considera acreditado que tanto o déficit auditivo como a funcionalidade da parálise facial “evolucionaron e se alteraron” desde a operación, en 2009, ata o 6 de outubro de 2014, cando se deron por estabilizados.

O TSXG tamén rexeitou diminuír a contía dos días non impeditivos, o que comportaría unha rebaixa na indemnización por este concepto, tal e como demandaba o Sergas. “Están debidamente xustificados os 2.070 días non impeditivos polos que a sentenza outorga os 65.060 euros solicitados, que teñen a súa base no baremo de circulación de vehículos de motor”, indican os xuíces, que subliñan que á hora de calcular a indemnización hai que ter en conta a imposibilidade de corrección da parálise facial, a súa visibilidade e a súa afectación directa na área da faciana.

A clase dirixida a adultos de tódalas idades consolida a labor da Escola de Teatro de Tomiño

0

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño foi consolidando a súa labor, que comezou hai preto dunha década, e que este curso sumou aos grupos infantil e xuvenís,un de adultos. A experiencia resultou un grande acerto.

Así o testemuña a decena de actores e actrices, con idades comprendidas entre os 25 e os 70 anos. A profe encargada é Beatriz González Campos, actriz, presentadora, narradora e directora teatral.

Ela explica que o de adultos “é un grupo moi diverso que comezou de cero e con idades moi diferentes. “Hai de todo -di- así que os primeiros meses traballamos para conseguir unificar o grupo e que tivese unha linguaxe común. Para min, era moi importante que aprendesen a traballar en grupo e que ademais, entendesen que existen moitos xeitos diferentes de facer teatro, máis alá de chapar un texto de memoria e recitalo”.

Escola de Teatro/ Concello de Tomiño

Os primeiros meses fixeron improvisacións sobre temas próximos a eles e á historia de
Tomiño. Buscaron información sobre O Pisco, a chegada dos kiwis ou a emigración dos seus
antepasados. “Eles investigaban e despois viñamos a clase e improvisaban sobre as historias que traían”, relata Beatriz.

Paralelamente a este traballo, foron facendo escenas, a partir dunha lenda artúrica. “Pasado un tempo decidimos que nos apetecía facer unha obra para mostrarlle o traballo á xente, e agora estamos nese momento ensaiando as escenas da peza “Que é o que queren as mulleres?”, explica.

Trátase dunha creación colectiva, xa que mediante improvisacións os alumnos van facendo eles mesmos o texto, que a monitora vai recollendo e organizando. Este traballo leva máis tempo que memorizar un texto teatral que xa existe, pero é máis creativo, xa que eles convértense en escritores, improvisadores e actores.

“O que me importa é que entendan a situación, que conten o que pasa na escena e que fagan os personaxes, e que o pasen ben, iso é o máis importante” comenta a profesora.
A obra presentarase o domingo 1 de xullo ás 20h30 no auditorio de Goián e leva por título “A lenda da cabeleira negra”.

BEATRIZ CAMPOS

Beatriz Campos é licenciada en arte dramático pola ESAD de Galicia, onde recibiu o premio de interpretación Marta Sieiro, e compoñente da compañía teatral Migallas, fundada pola súa familia.

Actualmente ademais de traballar en Migallas Teatro, vén de estrear un espectáculo de rúa “A tropa do Doutor Milagre”, primeira montaxe da compañía Inventi Teatro, da que tamén é
fundadora.

Traballou como actriz en diferentes compañías de teatro, entre as que destacan Triatreros,
Inversa Teatro, Avento producións, Matreska Teatro ou Arela das Artes. No mundo audiovisual é presentadora do programa “Por algo será” da TVG e participou no programa “Na Nosa Nube” e “Lan Rober”.

O BNG acusa ao Estado español de incumprir a normativa sobre enaltecemento do terrorismo cos rapeiros vigueses “La Insurgencia”

O BNG denunciou no Parlamento represión da liberdade de expresión por parte do Estado español amparándose na Lei mordaza, que propón penas de prisión para as persoas que “ben polas redes, ben a través de diferentes expresións artísticas manteñen unha posición crítica ou provocadora contra o status quo, como por exemplo o rapeiro Valtonyc ou o grupo de rapeiros de Vigo La Insurgencia”, denuncian.

“Pode gustarnos ou non o que din, e no meu caso confeso que non me gustan nin musicalmente nin o seu estilo, pero defendo e defenderei o dereito a expresarse, a crear, á subversión, á sátira e á ironía”, argumentou a deputada Noa Presas durante o debate en comisión dunha iniciativa do BNG en relación coas liberdades individuais, tras a condena a dous anos de cárcere para os rapeiros do grupo vigués.

“Non son os primeiros nin serán os últimos, son un exemplo que pon cara ao retroceso democrático”, indicou Presas, tras citar algunhas das declaración destes rapeiros galegos “para darlles voz neste Parlamento: “Claro que rapeamos con rabia, e temos rancor aos que nos roubaron o futuro”, ou “en calquera barrio obreiro estase vendo a absoluta miseria, como as pensións dos avós ou os traballos precarios”, din.

“Agora estes rapaces teñen a vida esnaquizada, perderon os seus traballos, os seus estudos e están na picota”, sintentizou Presas, tras ser sentenciados a dous anos de prisión, 4.800 € de multa e oito anos de inhabilitación para exercer cargo público, “para uns rapaces que non ameazaron ninguén, non empregaron violencia física contra ninguén, nin instigaron a ninguén á violencia”.

“A irreverencia e a sátira na música e na poesía son unha constante en calquera época, son unha constante en calquera arte, e deben ser parte da expresión das persoas nunha sociedade intelectualmente rica e formada”, insistiu, tras criticar esta utilización do código penal para impedir a liberdade de expresión, cuxos límites non ve quebrantados neste caso.

Polo tanto, para o BNG, o Estado español incumpre a directiva europea sobre delito de enaltecemento de terrorismo, que establece que para consideralo tal “ten que haber risco certo e concreto para a convivencia pacífica, mentres que a sentenza a este grupo vigués refírese a un risco abstracto, ten que haber un contexto de violencia xeneralizada que por fortuna non existe nin en Galiza, nin no Estado, nin en Europa”, indicou Presas.

Para a deputada nacionalista, “terrorismo é o sionismo matando palestinos co silencio cómplice de Estados aliados como o español, non un grupo de rapeiros, e incitación ao odio é un profesor da universidade amparado violacións grupais probadas, non alumnas protestando nunha reunión da USC pero coa súa Lei mordaza do PP na man corren máis perigo elas”.

Por iso, o BNG demanda do Goberno galego “que se posicione en contra desta escalada delirante de represión”, concluíu, “queremos unha Galiza que sexa vangarda no mundo na defensa de dereitos avanzados, e o PP lévanos na dirección contraria”.

A área de Vigo baixa da barreira psicolóxica dos 1.000 contaxiados

0

Os datos de evolución da covid publicados este sábado pola Consellería de Sanidade reflicten que algúns indicadores repuntan, aínda que en termos xerais sinalan cara á estabilización. As infeccións activas baixan da barreira dos 7.000, tras negativizarse 545 casos, e a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) excede lixeiramente o límite do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Ademais, os contaxios volven superar lixeiramente os 300 casos, pero a presión hospitalaria estabilízase e rexistra unicamente un novo paciente en UCI, co que son 154 os hospitalizados en planta e 48 en críticos nos hospitais galegos. Así, segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 69 novos casos na área de Vigo pero  baixa por primeira vez dos 1.000 casos activos, con 999, tras recibir o alta 127 persoas.

PRESIÓN HOSPITALARIA

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 48 pacientes en UCI (un máis nas últimas 24 horas) e 154 hospitalizados en unidades convencionais (sen cambios).

Por áreas, a carga asistencial se estanca en parte das zonas sanitarias, pero as áreas de Lugo e Vigo rexistran un leve incremento na súa carga asistencial. Así, na viguesa hai 25 persoas ingresadas en unidades convencionais (dúas máis) e 11 en críticos (dous máis).

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed