Inicio Blog Páxina 1879

A Xunta destina máis de 120.000 euros ao Marisquiño, o evento que “vincula Galicia e Vigo”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou o convenio polo que a Xunta destinará 121.000 euros a O Marisquiño xunto ao director do evento, Joako Ezpeleta, e resaltou a súa relación coa comunidade e a cidade que o acollen, Galicia e Vigo.

Durante unha rolda de prensa, Lete Lasa destacou o “esforzo” realizado por parte do Executivo autonómico para colaborar con este festival e apuntou que a contía destinada este ano case triplica as cifras de 2018. Así, avanzou que a Xunta non limitará o apoio económico prestado nos próximos anos.

Deste xeito, puxo en valor a “madurez” alcanzada polo evento durante as súas 18 edicións previas, así como o feito de que se celebre unha vez máis na cidade olívica. “Non se entenden Galicia e Vigo sen O Marisquiño”, defendeu.

Respecto da edición deste ano, o número 19, avanzou que se espera que congregue a 160.000 persoas, así como que contará con tres competicións mundiais nas modalidades de ‘skateboarding’, ‘Dirt Jump’ e ‘basket 3×3’. A ese respecto, tamén apuntou que catro das probas son ou serán olímpicas nas próximas datas.

Así mesmo, a directora de Turismo, Nava Castro, lembrou que un terzo dos asistentes ao evento en pasadas edicións procedían de fóra de Galicia e destacou o feito de que cada ano o festival, que axunta música, deporte e gastronomía, some un maior número de visitantes.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, afirmou que O Marisquiño exerce como “escaparate internacional” da cidade olívica e incidiu na colaboración entre distintas administracións que permitirá a súa celebración.

Imaxes do temporal: estamos en xuño ou en febreiro?

 

Temporal de inverno en xuño

Golpea varios coches, dá positivo… e é interceptada ese mesmo día conducindo máis ebria aínda

Unha muller de 51 anos, P.C.H., foi detida en Vigo tras golpear a varios vehículos estacionados mentres conducía baixo os efectos do alcol. Posteriormente, foi arrestada de novo o mesmo día por superar a taxa permitida para a condución.

En concreto, a Policía Local foi contactada este venres ás 14:19 horas por un turismo que golpeara a varios vehículos estacionados, segundo precisou nun comunicado. Tras interceptar á condutora e realizarlle as probas de alcoholemia, comprobouse que superaba a taxa permitida, polo que se instruíron dilixencias penais e outro condutor se fixo cargo do vehículo.

Posteriormente, ás 16:45 horas, os axentes foron contactados de novo debido a que unha condutora cuxa descrición correspondía coa da muller anterior circulaba pola zona de Balaídos. Tras interceptala e comprobar que os resultados das probas de alcoholemia arroxaban unha taxa superior á anterior, ampliáronse as dilixencias e contactouse a un familiar desta para que se fixese cargo dela e do vehículo.

Bueu organiza o programa de ocio infantil “Verán Activo”: arte, deporte e natureza

0

O Concello de Bueu, a través da concellaría de Mocidade, abriu este venres 15 de xuño as inscricións para participar no programa Verán Activo, que inclúe actividades lúdico – educativas e de animación para o tempo de lecer e que se desenvolverá do 2 de xullo ao 31 de agosto nas instalacións do CEIP A Pedra.

O programa vai dirixido á rapazada de 3 a 12 anos, e as preinscricións realizaranse a través do Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica antes do 22 de xuño, mediante instancia xenérica.

En total ofértanse 60 prazas distribuídas en tres grupos. O primeiro desenvolverase cinco días á semana e ten un custe de 70 € ao mes. O segundo inclúe tres días á semana, e custa 42 €  mensuais e o último consta de dous días semanais e custa 28 € mensuais.

A admisión farase tendo en a orde de preinscrición, e posteriormente mediante sorteo público. Tras a selección, convocarase unha reunión con todas as persoas para tratar sobre a organización e a fórmula de pagamento.

Co obxectivo de combinar coñecemento con diversión, ao longo destes dous meses combinaranse obradoiros sobre arte, historia, teatro, deporte e natureza, desde unha perspectiva local. Así mesmo, está programada unha visita á Illa de San Simón para coñecer a súa historia.    

 

O sindicato CIG convoca unha folga xeral para o 19 de xuño

O sindicato CIG presentará nos próximos días o preaviso para convocar unha folga xeral o 19 de xuño, co fin de “avanzar un paso máis” na mobilización e “darlle a volta ás políticas antisociais, antigalegas e antiobreiras do PP”, para o que reclamou ao resto de centrais sindicais que estean “á altura”.

Así o confirmou o seu secretario xeral, Paulo Carril, quen, en declaracións aos medios antes de participar na manifestación celebrada en Vigo, confirmou que a CIG aposta “por lanzar unha ofensiva” ante as políticas que “cronifican a pobreza e a precariedade laboral”.

Carril pediu ás demais centrais sindicais que “estean á altura”, que se sumen á convocatoria e que a data da folga “non sexa unha discrepancia”. Así mesmo, incidiu en que os representantes dos traballadores deben dar “exemplo” de “rexeneración democrática” ante a “corrupción” do PP e “dar un paso á fronte”.

RAZÓNS PARA A FOLGA XERAL

Ao finalizar a manifestación, o secretario xeral da CIG fixo un chamamento a secundar a folga xeral porque “hai que ir máis aló na contestación social”, ante o feito de que é “mentira” a “propaganda da recuperación económica”, hai un “empobrecimiento xeneralizado”, e “aumentan as desigualdades, e destrúense os sectores produtivos”.

Segundo subliñou Paulo Carril, o PP “campa ás súas anchas” e as forzas políticas de esquerda non son capaces de facerlle fronte. Por iso, incidiu, a CIG convoca unha folga xeral como forma de censura das políticas da Xunta e do Goberno central. “Son tempos de compromiso e a loita é o único camiño”, proclamou, e puxo exemplos de traballadores que pelexaron ou seguen pelexando polos seus dereitos, como os funcionarios galegos de xustiza.

O máximo responsable da CIG recalcou que a folga xeral é necesaria para defender as pensións; facer fronte a “os abusos da patronal”; frear as políticas do PP, os recortes e privatización de servizos públicos; responder o retroceso nas liberdades democráticas; ou como “demostración da solidariedade de clase”.

Falece un traballador en Tui ao quedar atrapado entre dúas rocas nunha canteira

0

Un operario perdeu a vida na tarde deste xoves ao quedar atrapado entre dúas rocas nunha canteira de Tui. Os feitos ocorreron pasadas as 17,00 horas, cando un particular chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda para un compañeiro que estaba entre dúas pedras, nunha canteira do lugar de Mourentán, na parroquia de Ribadelouro.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertouse aos Bombeiros do Porriño, aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros de Protección Civil do concello.

Unha vez no lugar, os servizos de emerxencias tan só puideron confirmar o falecemento do traballador, polo que nada se puido facer para salvarlle a vida.

‘Cinemaldeas’: unha iniciativa para achegar a gran pantalla ao rural do Porriño

0

O Festival de Cans e o Concello do Porriño impulsarán a proxección de curtametraxes premiadas na última edición do certame no rural a partir deste fin de semana no marco do proxecto ‘Cinemaldeas’.

A través dun convenio de colaboración asinado co Concello, o festival asume a coordinación destas proxeccións co obxectivo de facilitar o acceso ao cinema a todas as áreas rurais, segundo detallan os organizadores do evento. Deste xeito, búscase consolidar unha programación de cinema que se estenda máis aló da celebración do certame.

As entradas ás sesións, cuxa duración alcanzará os 75 minutos, serán gratuítas e o acceso realizarase por orde de chegada cunha inscrición que se cubrirá no lugar da proxección media hora antes do seu inicio.

Deste xeito, este venres ás 19,30 horas a Asociación Cultural Os Penediños acollerá a primeira sesión do programa, que continuará este sábado ás 21,00 horas na Asociación Casal-Chan en Budiño e este domingo ás 19,00 horas en Budiño na Forna. Os próximos 23 e 24 de outubro as proxeccións realizaranse en Mosteiro (Budiño) e Cans. Posteriormente, reproduciranse curtametraxes en Chenlo, Mosende, Carracido e Torneiros entre o 6 e o 14 de novembro.

O Festival de Cans recibiu propostas de municipios próximos e doutros lugares de Galicia para continuar o desenvolvemento desta iniciativa. Por iso, prevé que a súa celebración poida ampliarse a outros concellos e entidades interesadas.

Convocada unha concentración en Vigo en defensa da sanidade pública

A Coordinadora Antiprivatización da Sanidade (CAS) chamou a participar este sábado nas concentracións que terán lugar en Vigo e outras 39 cidades españolas en defensa dun sistema nacional de saúde “público”, “social” e “universal”. Nunha rolda de prensa celebrada este mércores na urbe olívica, o secretario de Acción Sindical de CXT en Vigo, Víctor Delio Vilaboa, remarcou a importancia de “saír á rúa” ante a posta “en perigo” de “un dos mellores sistemas” sanitarios, que, xunto ao de pensións, “sostén unha sociedade do benestar”.

En concreto, indicou que, en Galicia, as mobilizacións, apoiadas por 200 colectivos, darán comezo ás 12,00 horas deste sábado e terán lugar ante o farol situado na rúa olívica de Urzáiz, o Obelisco da Coruña, a praza da Peregrina de Pontevedra e o campo de Barreira de Allariz.

A este respecto, indicou que o obxectivo destas concentracións será esixir a derrogación da lei 15/1997 sobre a habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde e do artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade, que permite os concertos para a prestación de servizos sanitarios con medios alleos.

Así mesmo, o portavoz da plataforma, Miguel Hernández, apuntou que tamén se reclamarán o “rescate” dos servizos “privatizados”, a “incompatibilidade” dos sistemas públicos e privados e servizos que ofrezan coidados aos maiores “con dignidade”. Ademais, sinalou que se demandará o desenvolvemento dunha industria sanitaria e farmacéutica de titularidade pública.

Nesta liña, advertiu da “deterioración” e o “colapso” do sistema sanitario público, que se viron “agudizados” pola pandemia como “consecuencia da infrafinanciación”. No entanto, reprobou que os fondos Next Generation “non se destinen á sanidade”, senón a “empresas privadas”.

CONDICIÓNS LABORAIS

Tamén puxo o foco nas condicións laborais dos profesionais sanitarios, que asegurou que leva que parte deles emigren a outros países. Precisamente, Víctor Delio Vilaboa alertou de que o 25% do persoal, que resulta “deficitaria” na actualidade, xubilarase “nos próximos cinco anos“.

Nesta liña, o sindicalista afirmou que esta situación “cada día vólvese máis complexa” e subliñou a necesidade de contar con medios humanos adecuados, ademais de materiais. Con todo, denunciou a “vergoña” que representa “a cantidade de persoas” que foron “despedidas” tras ser contratadas durante a pandemia.

Adicionalmente, un usuario do servizo sanitario, Ramón González, reivindicou a importancia de que se ofrezan contratos indefinidos aos traballadores do sistema e de que non se permita a subcontratación de servizos.

A circulación pola ponte de Rande será menos fluída esta fin de semana por obras de substitución

A substitución dunha xunta de dilatación na ponte de Rande, na autoestrada AP-9, afectará o tráfico nesa vía en sentido Vigo o próximo fin de semana, segundo confirmou o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

Así, os traballos realizaranse á altura da pila sur da ponte e consistirán na substitución dunha xunta de dilatación do taboleiro central da ponte. Segundo informou o Mitma, a actuación comezará ás 9,00 horas do sábado e está previsto que finalice sobre as 17,00 horas do domingo.

Durante ese período de tempo será necesario realizar un corte de circulación do carril dereito do taboleiro central, en toda a lonxitude da ponte, de maneira que os vehículos procedentes de Pontevedra circularán polo carril esquerdo mentres que aqueles que proveñan do Morrazo terán que facelo a través do taboleiro lateral ampliado (en ambos os casos, en sentido Vigo).

O tráfico en dirección a Pontevedra non se verá afectado e a incidencia e indicacións de circulación estarán debidamente sinalizadas na autoestrada e a través dos paneis de información.

Ferida grave unha muller de 92 anos tras ser atacada por un can na cara e no pescozo

Unha muller de 92 anos de idade tivo que ser trasladada ao hospital en Vigo tras resultar ferida grave ao ser atacada na cara e o pescozo por un can de raza potencialmente perigosa. Segundo informaron a Europa Press fontes policiais, os feitos ocorreron sobre as 17,00 horas deste xoves nunha vivenda da rúa Menéndez Pelayo, desde onde un veciño avisou de que un can de raza perigosa atacara a unha señora de avanzada idade.

Ata o lugar desprazouse unha patrulla, que desde fóra do portal puido observar como unha muller se atopaba sentada xunto ao ascensor mentres suxeitaba un can, de raza pitbul terrier. A muller indicou aos policías que o can era seu, polo que lle pediron que o introducise no ascensor para poder entrar eles sen perigo.

Os axentes subiron entón á primeira planta e entrevistáronse co veciño que requiriu o servizo, quen indicou que escoitara ladridos e berros, polo que se asomou ao portal. Foi entón cando viu como un can atacaba a unha señora maior, que tiña “moito sangue” na cara e o pescozo e non podía falar. Tamén manifestou que non era a primeira vez que tiña constancia de que o mesmo can atacase a alguén, xa que no pasado atacara á súa neta, aínda que como non revestiu gravidade decidiron non denunciar.

A continuación, os axentes acudiron a ver á vítima, unha muller de 92 anos, quen presentaba a parte dereita da cara desgarrada e unha ferida profunda no lado esquerdo do pescozo. Rapidamente chamaron á ambulancia, que trasladou á muller ao Hospital Povisa en estado grave. De acordo coas mesmas fontes, a muller ía ser sometida a cirurxía urxente.

O CAN

O can trasladouse á canceira e alí quedou a disposición do xulgado de garda. Con posterioridade, os axentes volveron entrevistarse coa suposta dona do animal, quen entón indicou que o can non era seu, senón da súa nora, quen llo deixou para que o coidase. Ao facer as comprobacións pertinentes, verificaron que o can pertencía á nora desta muller.

Así mesmo, constataron que o can tiña o microchip, estaba incluído no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos e non lle figuraba ningunha denuncia anterior. Por mor do ocorrido abriuse unha investigación e todas as dilixencias quedaron a cargo do xulgado.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed