Pacto de silencio e absolución dos acusados por un altercado na casa do autodenominado “Rei dos xitanos”
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra absolveu ás catro persoas que este mércores sentaron no banco dos acusados por estar presuntamente implicadas nun altercado rexistrado na vivenda de Olegario Giménez, autoproclamado como ‘rei dos xitanos’, na localidade de Tomiño.
O xuíz decidiu absolver aos catro acusados ao considerar que non se expuxeron probas de cargo suficientes durante o acto do xuízo para desvirtuar a súa presunción de inocencia. Con todo, un deles, un axente da Garda Civil, foi condenado por conducir ata o lugar baixo os efectos do alcol, polo que se lle suspendeu o permiso de condución durante oito meses e impúxoselle o pago dunha multa de 720 euros (seis meses a 4 euros ao día).
A Fiscalía acusaba a un dos fillos do dono da casa e patriarca do clan dos Morones, a un axente forestal e a este axente da Garda Civil. As acusacións particulares incluíron a un cuarto procesado, outro dos fillos do patriarca.
O xuízo resolveuse en apenas 15 minutos. Os tres acusados acolléronse ao seu dereito a non declarar e varias testemuñas non se presentaron. Ademais, os dous que si compareceron, a esposa e un dos netos de Olegario Giménez, tamén se acolleron ao seu dereito a non testificar alegando que son familiares dun dos acusados.
OS FEITOS OCORRERON EN 2014
Os feitos que este mércores foron xulgados supostamente ocorreron o 29 de abril de 2014, cando, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os dous axentes acudiron á residencia familiar do clan dos Morones en Tomiño (Pontevedra) para cobrar unha débeda económica previa contraída por un dos seus fillos.
Á súa chegada, outro dos seus fillos, Saúl Giménez, presuntamente golpeou ao axente forestal. O garda civil reaccionou, segundo o fiscal, ameazando cunha pistola ao patriarca e o axente forestal golpeando á esposa de Olegario.
O Ministerio Fiscal solicitaran que os acusados foran condenados a un ano e medio de prisión. En concreto, o axente forestal Antonio P.G. e Saúl Giménez Jiménez estaban acusados dun delito de lesións; mentres que, ao garda Jose Antonio P.G atribuíralle un de ameazas e outro contra a seguridade viaria por chegar ao lugar dos feitos conducindo baixo os efectos do alcol, polo que solicitaba unha condena atenuada por intoxicación etílica.
O representante do Ministerio público solicitara finalmente a acusación contra outro fillo de Olegario, Juan Pablo, que atacou cun coitelo ao garda civil durante o escarceo. Considera que este actuou en lexítima defensa e para protexer ao seu pai ao que o axente estaba a apuntar cunha pistola.
A petición do Decanato estableceuse este mércores un forte dispositivo de seguridade no edificio dos Xulgados da Parda, cunha vintena de axentes da Policía Nacional das comisarías de Pontevedra e Vigo.
O aeroporto de Santiago diminúe o seu número de pasaxeiros mentres aumentan un 10% os de Vigo e A Coruña
Peinador, en Vigo, contabilizou 98.621 pasaxeiros durante o mes de abril, un 8,85% máis; mentres en Lavacolla (Santiago) houbo 232.963 usuarios, o que supón un descenso do 4,3%. Pola súa parte, o aeroporto da Coruña, Alvedro, rexistrou en abril un total de 101.566 pasaxeiros, un 10,3% máis que no mesmo mes do ano anterior.
De tal xeito, o tráfico do aeroporto de Santiago baixa preto dun 5% mentres que os demais aeroportos galegos experimentan unha subida cercana ao 10%. Así se desprende dos datos que Aena publica este luns, que precisa que a Semana Santa de 2017 tivo lugar en abril, mentres este ano caeu en marzo.
En Vigo, dos 98.595 pasaxeiros que realizaron voos comerciais, 84.394 fixérono en traxectos estatais (un 13% máis) e 14.201 en internacionais.
Peinador rexistrou 1.099 voos en abril, un 4,6% máis, dos que 910 foron voos comerciais. Destes, 748 movementos foron operacións estatais e 162 internacionais. Polo seu terminal de carga pasaron durante o pasado mes máis de 48 toneladas de mercadorías, un 25,1% máis.
Para a terminal compostelá, as cifras de Aena recollen que de 232.894 pasaxeiros comerciais na terminal compostelá, 172.596 realizaron voos estatais e 60.289, internacionais.
En canto a operacións, foron 1.843 voos en Santiago, deles 1.760 comerciais: 1.282 voos estatais e 478 internacionais. Ademais, a terminal de carga manexou na capital galega máis de 257 toneladas de mercadoría, o que supón un incremento do 48,9%.
No caso da Coruña, de 101.566 viaxeiros, 100.478 utilizaron voos comerciais (un 10,2% máis), 89.293 en traxectos estatais e 11.185 en internacionais.
Das 1.540 operacións (un 9,1% máis) houbo 891 voos comerciais, 764 estatais e 127 internacionais. O tráfico de mercadorías en Alvedro moveu máis de 13 toneladas en abril.
Estudan os sedimentos mariños da época xeolóxica actual para recoñecer o impacto ambiental humano
“ANTROPIMAR” é o nome do proxecto que ten por obxectivo analizar o impacto ambiental histórico das actividades humanas ao longo dos estuarios e a plataforma da costa norte da Península Ibérica. O proxecto comezou en 2019 pero interrompeuse por mor da pandemia da COVID-19, que impediu o desenvolvemento das mostraxes iniciais. Agora, retomada a actividade habitual, a pasada semana leváronse a cabo, de forma simultánea, unha campaña de mostraxe na zona intermareal da enseada de San Simón e a mostraxe da zona submareal da ría de Vigo a bordo da embarcación INNDAGA, pertencente á Universidade de Vigo.
O proxecto está codirixido por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, e conta coa participación do grupo de investigación GEOMA da Universidade de Vigo. Segundo Lucía Viñas, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, “este proxecto servirá para evidenciar a pegada do Antropoceno en sedimentos costeiros da costa atlántica española. Noutras palabras, como o impacto humano modificou ata tal punto as condicións que se pode falar dun período xeolóxico diferente.”
A mostraxe realizada a pasada semana centrouse en tomar testemuñas de sedimento que permitirán avaliar diferentes parámetros: microplásticos, contaminantes orgánicos e inorgánicos, caracterización sedimentolóxica, foraminíferos, pole, metais, isótopos radioactivos, para identificar signos das presións humanas. Nestas campañas participaron investigadores dos diversos socios do proxecto, o que permitiu realizar a primeira reunión presencial do equipo de traballo, xa que as restricións debido á pandemia permitiran unicamente realizar reunións de traballo virtuais.
O Instituto Español de Oceanografía (IEO), é un Centro Nacional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, dedicado á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.
“Vigo foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional de Xela Arias”
A Real Academia Galega (RAG) celebrou este luns unha sesión plenaria extraordinaria con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2021 a Xela Arias, no que se puxo en valor a pertenza do poeta a unha xeración “enerxética e ilusionante”, así como “a significación” da familia na súa vida.
O presidente da RAG Víctor F. Freixanes manifestou que, no marco das actividades que están a realizar este ano polas Letras Galegas, escolleron Vigo para celebrar o acto grande porque esta cidade “foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a maior parte da súa vida“.
Acto seguido, reivindicou que a xornada deste 17 de maio “é moito máis que unha xornada festiva“, é unha ocasión para reivindicar a activación do uso da lingua galega “non só na vida litúrxica, senón na vida”, ante o que remarcou que ten especial relevancia o traballo que se realice “coas novas xeracións“.
O evento arrincou cunha actuación musical de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carreira, a partir dun dos textos da homenaxeada. Tras iso, a secretaria da RAG, Margarita Ledo, leu o acordo do plenario no que se determinou que o Día das Letras Galegas de 2021 se dedicaría a Xela Arias Castaño.
A OBRA DE XELA ARIAS
Durante o acto interveu Ana Romaní, académica numeraria da RAG, quen comezou a súa intervención cos versos que Xela Arias dedicou a Rosalía de Castro. Tras iso, apuntou que “é o poema o lugar no que Xela Arias funda o seu autogoberno, unha poética esculpida na ardua procura da independencia”.
A continuación engadiu que os textos da homenaxeada “acentúan a perspectiva crítica e solidaria dunha obra que constrúe desde o inconformismo e na filiación colectiva de formar parte”. “Xela Arias materializa, na súa voz, a independencia e a liberdade como actos fundamentais da condición poética e da existencia; o seu é o idioma da xustiza social”, resolveu.
Pola súa banda, a académica Marilar Aleixandre, empezou o seu discurso sinalando que é “moi emocionante falar de Xela e falar en Vigo”. “Onde eu me fixen galega”, comentou. Acto seguido, remarcou que, de acordo coa homenaxeada, un poema “cando é de verdade hai sangue, hai auga“.
Así, profundou na identificación que realizou Xela Arias cos animais e a súa relación coa perspectiva feminista. Neste marco, propuxo “outros trazos nesa identificación”, que pasan por recoñecerse “como parte dun colectivo, dunha liñaxe”; así como “a rebeldía fronte ás expectativas sociais para as mulleres e para os animais non humanos”.
Acto seguido, o tamén académico Manuel Rivas, puxo en valor en primeiro lugar que “Vigo hoxe é o corazón de Galicia”, tras o que incidiu en que “Xela Arias escribe en galego nas coordenadas da verdade, a súa escrita é unha loita polo rescate das palabras”. “A de Xela Arias é unha soidade compartida, ao ler a Xela sentimos que nos achegamos a nós mesmos”, apuntou.
Desta forma, reflexionou que Xela Arias asumiu “as tres rebeldías”: nacer muller, de clase baixa e nunha nación oprimida. “Asumiu o tres rebeldías, entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Pero hai que falar dunha cuarta rebeldía. Unha soidade solidaria, unha soidade eficaz”, rematou.
Seguen aumentando os casos activos na área de Vigo mentres baixan en Galicia
Os casos activos de Covid-19 descenderon lixeiramente en Galicia tras once días de incremento paulatino e sitúanse en 2.763, mentres que seguen en aumento na Ára de Vigo, que segue sendo, xa con diferencia, a que máis casos ten de todo o país.
Tamén baixaron en Galicia lixeiramente os pacientes hospitalizados, que se reduciron a 198, mentres que os novos contaxios detectados tamén caeron ata os 131. Segundo os datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, subiron a 37 os pacientes Covid ingresados en UCI, o que supón catro máis, mentres que se reduciron a 161 os hospitalizados noutras unidades, cinco menos.
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en catro das sete –A Coruña e Cee, Santiago e Barbanza, Lugo e Ferrol–, mentres que baixa en dúas –Vigo e Pontevedra-O Salnés– e mantense na de Ourense. Na área de Vigo ascenden a seis os críticos –un máis– pero baixan a 31 os doutras unidades –dous menos–.
MENOS CASOS ACTIVOS
En canto aos casos activos, tres once xornadas consecutivas de aumento paulatino dos mesmos, reducíronse lixeiramente a 2.763, o que implica catro menos, ao haber nesta ocasión máis altas (134) que contaxios (131). Con todo, na de Vigo sobiron en dous, polo quemantense á cabeza con 734 casos activos.
MENOS CONTAXIOS
Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba descenderon a 131 no conxunto de Galicia, tras iniciar esta semana con 154. Galicia confirmou nas últimas 24 horas 105 positivos por PCR, 16 delas da área de Vigo.
En canto á taxa de positividade mantense por baixo do dous por cento nun 1,6%, tras caer a un 1,2% ao comezo desta semana, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.
Detido en Vigo por agredir a súa parella en presenza da súa filla de 4 anos
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, E.J.V., de 39 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir á súa parella, en presenza da filla de ambos, de 4 anos de idade.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde do pasado sábado, cando o 092 recibiu un aviso por un posible episodio de malos tratos nunha vivenda da rúa Pardal. As testemuñas informaron tamén de que este tipo de situacións eran habituais nesa vivenda. Cando os axentes se desprazaron ao domicilio, abriulles a porta o suposto agresor, que recoñeceu que discutira coa súa muller e lle deu “uns bofetóns”.
A vítima manifestou, entre saloucos, que, durante unha discusión, o seu marido a suxeitara polos ombreiros e a zarandeara violentamente, á vez que a insultaba. Así mesmo, explicou que sucedera en presenza da súa filla de 4 anos, que acabara “chorando e nerviosa” ao ver o estado da súa nai. Por todo iso, os axentes da Policía Local procederon á detención do home, como presunto autor dun delito de violencia de xénero.
DETIDO POR AGRESIÓN Á SÚA NAI
Doutra banda, os axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha veciña da cidade, de 39 anos de idade, R.K.A.Q., como presunta autora dun delito de malos tratos familiares, tras agredir á súa nai porque esta se negou a darlle diñeiro. Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na tarde do pasado venres, cando o 092 recibiu unha chamada informando dunha posible agresión nun domicilio da rúa Serafín Avendaño.
Ao chegar ao lugar, os axentes atopáronse na escaleira do edificio a unha muller de 72 anos, que relatou que a súa filla se presentou no domicilio esixíndolle diñeiro. Ela deulle 10 euros pero a filla pediulle máis.
Ante a negativa da septuaxenaria, a presunta agresora emprendeuna a puñadas e golpes na cabeza coa súa nai, que tentou saír da vivenda para pedir auxilio aos veciños. Nai e filla forcexearon e, finalmente, a segunda logrou arrincarlle do pescozo un cordón e un medallón de ouro valorados nuns 2.000 euros.
Os axentes tamén se entrevistaron coa filla, que se xustificou alegando que se puxo “nerviosa” ante a negativa da súa nai a darlle diñeiro. Finalmente, a muller foi detida, e os policías devolveron á nai o colgante.
Caballero defende o plan do Goberno central para o Corredor Atlántico
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este martes a aposta do Goberno central polo Corredor Atlántico de mercadorías, e asegurou que, a pesar das críticas da Xunta, a decisión “está tomada” e están “nos plans” do Executivo socialista.
Caballero referiuse á visita da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que criticou a falta de financiamento a este corredor e a súa “discriminación” con respecto ao Corredor do Mediterráneo.
Caballero respondeu á conselleira lamentando que a Xunta “parece que recoñece que fracasa”. “Está a dicirnos que a Xunta non é capaz de conseguir o Corredor Atlántico? Se o presidente da Xunta quere, encárgome eu”, proclamou.
Así, o rexedor apuntou que, se o Goberno galego “tira a toalla”, “se é incapaz ou se mente”, el mesmo está “disposto a asumir a responsabilidade de conseguir o Corredor Atlántico”.
Todo iso, precisou, porque “é mentira” o que di a Xunta, e ese corredor de mercadorías “é unha decisión tomada do Goberno e está nos seus plans”.
Soben os hospitalizados por COVID na área de Vigo
Na área de Vigo os pacientes con Covid-19 hospitalizados soben a 21. Dous están no centro Fátima, tres en Povisa e 16 no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Cinco das persoas hospitalizadas están en UCI –catro no HAC e un en Fátima–, mentres 369 están en seguimento domiciliario. Ata o momento curáronse 3.100 persoas.
Os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Galicia descenderon a 219, o que implica 25 menos que este martes, dos que 34 están ingresados en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), un menos, mentres 3.849 están en seguimento no seu domicilio.
