Galicia detectou 255 novos positivos por covid-19 na última xornada, na que, cun 2,3%, alcanzouse a taxa de positividad máis baixa desde o 5 de agosto. En canto á presión hospitalaria, as áreas sanitarias mantéñense nos niveis dos últimos días cun lixeiro descenso de catro pacientes ingresados ata os 371, 50 deles en UCI.
Así figura na última actualización dos datos da pandemia publicados na páxina web da Consellería de Sanidade na mañá deste xoves con información recollida ata as 18,00 horas do pasado mércores. En canto á situación nos hospitais galegos, hai ingresadas con diagnóstico covid-19 un total de 371 persoas: 321 en planta –tres menos– e 50 en UCI –unha menos que o día anterior–.
Vigo presenta un incremento respecto ao número ingresados que había fai 24 horas. Ten agora 73 pacientes hospitalizados, catro máis que na xornada anterior, repartidos en unidades convencionais –62– e en UCI –11, un máis–.
BAIXAN OS POSITIVOS DIARIOS
En canto á detección de casos, Galicia diagnosticou coronavirus nas últimas 24 horas a 255 persoas, 74 máis que na xornada anterior. En total, realizáronse 7.970 probas PCR, 1.313 máis que na xornada previa.
Unha colisión múltiple ocorrida na mañá deste martes entre sete vehículos na AP-9, preto do aeroporto de Vigo, saldouse cun total de catro feridos de diversa consideración.
Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron nesta vía en sentido A Coruña sobre as 11,30 horas, cando os coches circulaban pola Autoestrada do Atlántico ao paso pola parroquia viguesa de Carral. Aínda que nun principio o choque produciuse entre tres turismos, seguidamente uníronse outro catro por alcance.
Foron varios os condutores que contactaron coa central de emerxencias para solicitar asistencia médica para os posibles feridos. En total, indican fontes da Garda Civil, catro persoas resultaron feridas pero de carácter leve.
No entanto, os efectivos de Urxencias Sanitarias-061 desprazados ata o punto atenderon aos afectados e trasladáronos ao Sanatorio Concheiro, en Vigo. Tamén acudiron ao lugar do sinistro a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil da cidade.
O choque, os labores de atención aos afectados e a posterior limpeza da vía provocaron retencións na AP-9, que quedou liberada pasadas as 13,00 horas, segundo aseguran fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
O candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, avogou por romper nas urnas o vindeiro domingo coa “cultura de pelotazo e corrupción urbanística” promovida, di, polo PPdeG de Alberto Núñez Feijóo durante os seus once anos de goberno.
Así o indicou na súa visita este martes á localidade pontevedresa de Mos, onde mantivo un encontro, acompañado polos candidatos Eva Solla e Marcos Cal, coa plataforma veciñal que se opón á construción dun centro comercial nos montes comunais de Tameiga.
Tras manifestar o seu apoio aos veciños, cos que realizou un paseo pola zona, Gómez-Reino indicou que este proxecto “expresa dúas das problemáticas principais que ten a expoliación do territorio” en Galicia.
Por unha banda, segundo o candidato da alianza de esquerdas, está “a vontade” de levar a cabo “un gran centro comercial” que “non é o tipo de comercio e infraestrutura comercial que hai que potenciar”, xa que En Común considera que, a crise do coronavirus, mostrou que “hai que tender” a potenciar o comercio de proximidade desde as administracións.
Así mesmo, tamén ve no proxecto nos montes de Tameiga un exemplo de “corrupción urbanística e todos os mecanismos de presión contra o monte comunal, promovido polo Partido Popular de Feijóo e por intereses especulativos e urbanísticos”.
Así as cousas, e tras animar aos veciños da zona a continuar protestando contra estes intereses “especulativos”, Gómez-Reino chamou a abrir tras o vindeiro domingo unha nova etapa na Xunta “que priorice o ben común”.
Unha saída de vía na Guarda (Pontevedra), na madrugada do luns, saldouse con dúas persoas feridas, unha das cales tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia ao quedar atrapada no interior do coche accidentado.
O sinistro produciuse uns minutos antes das 00,25 horas na rúa Diego Antonio González. O 112 Galicia recibiu o aviso a través do GES da localidade e pasouno a 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Porriño.
O bebé de 19 meses que o luns se caeu a unha piscina na vivenda familiar no municipio de Salceda de Caselas (Pontevedra) permanece ingresado este mércores no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo. Segundo manifestaron fontes consultadas, ao bebé practicáronselle diversas probas e permaneceu sedado na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro.
O menor foi trasladado en estado grave na noite deste luns no helicóptero medicalizado con base en Ourense á o Cunqueiro despois de caer a unha piscina en Salceda de Caselas e quedar sen respiración.
Familiares do menor rescatárono e enseguida contactaron co servizo de emerxencias para alertar do ocorrido sobre as 21,00 horas deste luns no lugar do Pomar de Suso.
Tras iso, o CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061 e requiriuse tamén a intervención da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Salceda de Caselas para prestar apoio ao equipo médico da aeronave.
Fontes do Instituto Armado explicaron que os feitos sucederon nunha vivenda particular en Salceda de Caselas en cuxa piscina o bebé “caeu de forma accidental“. Ao menor practicáronselle manobras de reanimación e foi evacuado en estado “moi grave” e “con pulso” ao Cunqueiro.
A alcaldesa do Porriño, a socialista Eva García de la Torre, mantivo este luns un encontronazo con membros da Plataforma Antilindano da Louriña, e cargos políticos, entre os que se atopaban dirixentes de IU como o concelleiro de Esquerda Unida-Son, Pedro Ocampo, ou a deputada no Parlamento de Galicia, tamén de Izquierda Unida, Eva Solla.
A tensión xurdiu cando Pedro Ocampo quixo acceder ao concello mentres tiña lugar unha xuntanza con técnicos da Xunta para informar das analíticas sobre o lindano. Un policía local impediulle a entrada e a xente, que estaba concentrada diante do concello, comezou a protestar. Nese momento, foi a propia alcaldesa quen saíu fóra para falar co edil e os concentrados.
Iniciouse unha discusión na que a rexedora dixo sentirse agredida pola violencia verbal dalgúns dos concentrados, o que dexenerou un tenso debate. Ao final, tivo que intervir o propio edil de EU para tentar calmar os ánimos dalgúns deles.
“¿Me han llamado indecente, sinvergüenza, ridícula y decís que no me insultáis?”, dixo nun momento a rexedora ante a violencia verbal dalgúns dos concentrados enfadados con ela por dicir que a agredían.
O escritor e político galego Lois Pérez Leira trae desta vez para tódolos lectores de Xornal de Vigo a biografía de Ramón Nieto, personaxe esencial da historia viguesa, tras desvelar no ‘número anterior’ a biografía de García Barbón.
Remigio Ramón Nieto Otero naceu no antiguo Concello de Lavadores o 1 de outubro de 1856. Foron os seus pais Ramón Nieto Castro e Tomasa Otero Lago. A familia Nieto Otero adicábase aos traballos do campo, cultivaban millo, algunha que outra verdura e como era común tiñan un par de vacas, algúns porcos e varias galiñas.
Con esa producción agrícola mantiñan as necesidades dunha famillia que contaba con dous fillos. Cando a colleita era boa ou lles sobraban queixos, leite, chourizos ou o viño realizado por eles mesmos, entón levábanos a Vigo a vendelos. Malia o carácter labrego dos pais de Ramón, estes eran xente con certa formación básica. Os Nieto Otero eran máis ben unha familia sen grandes premuras económicas.
Lavadores era un concello que polo achegamento xeográfico ao porto de Vigo se fundía coa cidade olívica. Vigo comezou a ter o seu grande crecemento a finais do século pasado. Pasou de ser unha vila mariñeira a un grande porto que trasladaba milleiros de emigrantes cara á América. Mentres tanto Lavadores era un concello de características semirrurais onde as mulleres atendían o traballo rural mentres os seus maridos tiñan que traballar na pesca.
Ramón Nieto/ Lois Pérez Leira
A inmigración española a Chile foi na súa maioría deste país; o 10% da mesma eran de Galiza. Entre os emigrantes galegos radicados en Chile é curioso sinalar que moitos deles eran orixinarios de Chaguazoso, Ribadavia e A Peroxa, según sinala a historiadora chilena Carmen Norambuena Carrasco.
A propia investigadora relátanos algunha das súas conclusións sobre os galegos en Chile: “Nembargantes, a procedencia de enclaves rurais ou semirrurais o galego non chegou a radicarse en Chile, non se adicou preferentemente aos labores agrícolas. A súa presencia é clara nas actividades mineiras, industrias e madeireiras e fundamentalmente na rama do comercio; de feito a maioría estableceuse nas principais cidades do país Santiago e Valparaíso no centro, Antofagasta e Iquique no norte; Concepción no sur e na austral Punta Arenas. Nas últimas décadas do século pasado as condicións do campo galego eran moi difíciles, as terras estaban en mans dos señores aos cales lles sobraban os campesiños que as traballaban nun aluguer comunmente chamado `os foros´. As condicións leoninas e feudais deste xeito de producción aumentaban a miseria entre os labregos. As familias galegas de entón eran moi numerosas e as condicións de vida eran moi difíciles. Esta situación de extremado atraso económico e social foi creando as condicións para que os labregos fosen tomando consciencia dos seus dereitos agrarios; outros ante a imposibilidade de mellorar as condicións laborais e de existencia deciden tomar o camiño da emigración.
O goberno de Chile realizou unha campaña en Galiza de captación de emigrantes entre 1884 e 1910. Malia a iso, Chile non foi o destino elixido pola maioría dos nosos paisanos, que preferiron Bos Aires, Montevideo ou A Habana. A situación xeográfica deste país así como o longo percorrido en barco ou mesmo o prezo do mesmo foron motivos importantes para que os nosos paisanos elixisen países máis próximos. Nembargantes, os irmáns Nieto Otero decidíronse por escoller o camiño do país andino. Xa outros galegos o fixeran anteriormente comezando polo ilustre navegante e poboador Pedro Sarmiento de Gamboa, no século XVI.
“O galego que comezou a chegar cara a 1880 forxa a súa situación económica e unha vez consolidada chamaba a parentes ou veciños do seu lugar natal. Automaticamente viña a xeración de relevo, a que por moitos anos cumpriu un efectivo labor non só de manutención senón de crecemento e ampliación dos negocios creados polo primeiro membro da familia chegado ao noso país… A maioría deles integrouse preferentemente nos sectores medios e altos da sociedade como ocorreu coa maioría dos inmigrantes europeos en Chile”.
A chegada de emigrantes galegos non só proviña directamente desde Galiza; unha parte considerable tiña realizado intentos anteriores na Arxentina pasando pola provincia de Mendoza e outros proviñan do Brasil.
Despois de case un mes de navegación, Ramón Nieto entre mares furiosos, seguindo os lugares descubertos por Gamboa e percorrendo a fermosa costa chilena, chegou ao Porto de Valparaíso, onde fixará a súa residencia.
Segundo consta no Consulado Español de Valparaíso, Ramón tiña o certificado consular número 256, o que nos indica a escasa presencia da emigración española naquela época.
Que casualidade podería pensar Ramón ao ver que a cidade de Valparaíso era moi parecida a de Vigo. A súa paisaxe mariña, a súa arquitectura, as súas costas. Ramón atopábase como na casa mais tiña que facer o imposible por triunfar. Algún dia conseguirei o diñeiro necesario para voltar a Lavadores -dicíase para dentro- mentres contemplaba o inmenso Océano Pacífico.
Na súa mente moza estaba a lembranza dos seus amigos mais tamén estaba a tristura de saber que na súa aldea os nenos carecían de escolas. Galiza estaba atrasada porque necesitaba educación; este era o seu pensamento constante. Cando polas tardes, despois dunha longa xornada de traballo, Ramón sentaba a contemplar as altas montañas da Cordilleira dos Andes, comprometíase unha e outra vez para dentro: “Teño que triunfar, teño que facer unha fortuna para poder axudar aos meus, aos que máis o necesitan. Con este pensamento e con esta filosofía encarou a súa nova vida, que ao pouco tempo lle foi dando uns excelentes resultados”.
Eacola de Ramón Nieto/ Lois Pérez Leira
Ramón o que tiña era un porte elegante e modais finos para aquelos tempos. Coñeceu a María de la Vega con quen casou. Segundo os que o coñeceron a Ramón Nieto, María era dunha familia adiñeirada e ben relacionada da burguesía chilena.
Chile era un país que naquel tempo estaba interesado en explotar as súas riquezas agrícolas e industriais. E ao mesmo tempo estaba interesado en ocupar poboacionalmente algunhas zonas por motivos xeopolíticos, como eran o norte, o centro do país e o sur. O historiador S.Collier no seu libro “Ideas e Políticas da Independencia de Chile” (1808-1833) expresou que o prócer Bernardo O’Higgins pensaba que a inmigración era un medio que podía mellorar os problemas de Chile e por eso “instou a enviar un convite oficial a familias que estaban saíndo de Europa debido á pobreza ou á persecución, ofrecéndolles terras, man de obra barata e privilexios específicos”.
Por toda Galiza as empresas de navegación ou os países interesados desenvolveron activas campañas de recrutamento de mozos traballadores desexosos de comezar unha vida máis digna.
A finais do século pasado os países americanos afianzáranse en distintas fábricas e industrias especialmente nos rubros de: navieiras, hostelerías, panificadoras, tabaco, xastrería, catres, confeitos, sombrería, xabrón, calzado, muíños, tubos, baldosas, mobles, farmacia e librería.
Nembargantes, foi na industria do salitre onde unha boa parte de galegos chegaron a ser dono de grandes compañías. Cara a esa rama industrial orientouse o emprendedor Ramón Nieto trasladándose cara a Iquique, a zona norte de Chile, onde existían as grandes explotacións de salitreiras.
En Chile existen os únicos xacementos de salitre natural do mundo, producto que na época gozaba de grande demanda polas súas condicións como fertilizante. Os obreiros chilenos ao igual que os labregos e artesáns dos cales proviñan eran obxecto da máis brutal explotación, materializada en condicións de vida infrahumanas como as xornadas de traballo diarias que ían entre dezaseis e dezaoito horas; a ausencia do descanso dominical; os salarios de fame pagados en vales ou fichas que só servían nas tendas nas que era forzoso mercar mercadorías a un alto prezo; a alimentación deficiente, o vestuario inaxeitado, etc.
A explotación dos obreiros salitreiros resultaba moito máis despiadada pois eran explotados simultaneamente polos investidores ingleses, polos norteamericanos e pola oligarquía nativa. Ademais da inclemencia do clima (40ºC de día e 10ºC baixo cero de noite) sufrían as formas máis leoninas da explotación capitalista. Por estas razóns a rexión salitreira era a máis combativa de todo Chile.
Ramón, aínda sabendo da existencia destas duras condicións laborais trasladouse ao desértico norte. O seu obxectivo era traballar unha tempada e ver como era o negocio do sal; despois intentar poñerse pola súa conta. Así foi como pouco a pouco se foi metendo no mundo do salitre, primeiro abrindo en 1914 unha oficina de explotación e comercialización do sal, para logo chegar a ser dono dunha das máis grandes compañías salitreiras deste país. É curioso sinalar que Ramón Nieto Otero fundou a “Compañía Galiza”, poñéndolle como nome aos seus establecementos “Vigo”, “A Coruña” e “Pontevedra”. A riqueza conseguida coa salitre foi tan enorme que ao pouco tempo con outros paisanos fundou o Banco Español e dúas compañías de seguros, “La Española” e a “Nova España”. Logo diversificou as súas empresas adicándose á industria do fío. A proxección empresarial de Nieto levouno a ser nomeado asesor do Presidente da República de Chile.
Cando Nieto consegue consolidar a súa riqueza económica pensa que chegou o momento de cumprir coa súa promesa da mocidade. Daquela os nosos emigrantes influenciados polos ideais do librepensamento e dos racionalistas pensaban que a mellor forma de solucionar os problemas sociais era coa educación.
Edificio Ramón Nieto/ Lois Pérez Leira
A relación coa súa muller comezouse a deteriorar; as ideas utópicas de Ramón eran incompatibles coas ideas máis conservadoras da súa muller. María non entendía a obsesión de Ramón de adicar parte do seu tempo e da súa fortuna á construcción das “Escolas Nieto”.
O 1 de xaneiro de 1900, tendo 44 anos de idade, Ramón Nieto creou a primeira escola, establecida no barrio de Barreiro sendo o seu primeiro director Severino Cobas. Máis de sesenta nenos acubillaba esta primeira escola que durante dez anos educou a varias xeracións de nenos de Lavadores.
O 16 de maio de 1914 a coorporación municipal do Concello de Lavadores recoñeceu o labor de Ramón Nieto Otero, acordando por unanimidade nomealo fillo predilecto de Lavadores e ordenando que cando os recursos do concello llo permitan se adquira o seu retrato e que se coloque no Salón da Casa Consistorial.
Foi así que doou 40 millóns de pesetas -que para aqueles anos era unha inmensa fortuna- e nos terreos familiares comezaron as obras para a construcción das Escolas Nieto. A idea de Ramón Nieto non foi só que os nenos aprenderan a ler e escribir; el cría que tamén había que ensinarlles unha profesión e cara unha educación politécnica orientou o proxecto pedagóxico. En 1917 rematouse de construír a escola principal, establecida na zona coñecida polo Seixo sobre a avenida que na actualidade leva o seu nome.
Coa presencia do fundador da escola e cos membros do Padroado creado para dirixir a escola, realizouse un emotivo acto coa presencia de alumnos, pais, profesores e autoridades locais.
Honorato Fernández Míguez no nome da corporación municipal pediu en 1926 ao Presidente do Consello de Ministros que se lle concedese a Ramón Nieto a Grande Cruz ao propulsor da cultura do lugar de Lavadores.
As escolas Nieto non só tiñan o obxectivo da ensinanza básica; o obxectivo de Nieto era que os alumnos aprenderan un oficio e as actividades agrarias daqueles anos. O fundador das Escolas Nieto, malia a súa formación católica, tiña unha concepción moderna e progresista do ensino. As súas ideas pedagóxicas eran moi avanzadas para aqueles anos. A tal punto que os regulamentos por el ideados, malia pasaren 75 anos, aínda teñen vixencia.
Aos poucos anos de cumprir coa súa promesa e o seu soño, Ramón Nieto faleceu aos 72 anos en Viña del Mar o 25 de xullo de 1928.
A tenente de alcalde do Concello de Ponteareas, Chus Garrote, vén de “alertar” sobre a “política de desmantelamento” do rural que estarían levando a cabo, segundo a socialista, a Xunta de Galicia e o Partido Popular en Ponteareas, “con resultados nefastos para a vila do Tea”, asegura.
A edil socialista denuncia que a Xunta de Galicia está “recortando” servizos básicos no rural como o transporte ou o ensino: “Vimos como recortaron máis do 70% liñas de bus ao Hospital Álvaro Cunqueiro”, denuncia a Secretaria Xeral do PSOE ponteareán, Chus Garrote.
O PSOE ponteareán explica que todo isto obedece a un “plan de axuste do gasto ante a grave problemática de avellentamento da poboación galega“, e crecemento vexetativo negativo: “O goberno de Alberto Núñez Feijóo está empregando Ponteareas como o seu particular laboratorio de experimentos”, asegura.
Así mesmo, a tenente de alcalde Chus Garrote acusa directamente a Belén Villar de traizoar os intereses dos ponteareáns: “Belén Villar demostrou preferir quedar ben ante o seu xefe para ascender no PP, que traballar polo ben de Ponteareas” sentencia Chus Garrote.
A responsable do PSdeG-PSOE de Ponteareas “esíxelle” ao Presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, “rectificar nas súas políticas no rural ponteareá e garantir condicións de repoboamento efectivos, devolvendo servizos como o de transporte e o de educación, así como un política de natalidade efectiva, para corrixir a longo prazo o grave problema que está sufrindo Galicia”.
A CIG-Saúde considera alarmante a incidencia que paralizou os pasadosxoves e venres o servizo de diálise do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, obrigando a derivar usuarios a centros privados.
Desde a central critican unha situación da que, aseguran, “non existen precedentes nos hospitais públicos que antes realizaban estes tratamentos na área de Vigo” e que fai saltar as alarmas “dado o pouco tempo que leva aberto o centro”.
A CIG-Saúde de Vigo, que se entrevistou o pasado venres coa directora asistencial do centro, exixe maiores controis á empresa concesionaria, ademais da elaboración dun informe “obxectivo e non “de parte” para dilucidar a responsabilidade de Veolia.
Panorámica do Hospital Álvaro Cunqueiro/Miguel Nuñez
A reiteración de incidencias de distinto tipo no Hospital, “xestionadas con silencio e escurantismo”, segundo a CIG, supón, para a federación de saúde, unha “situación de risco para os intereses sanitarios públicos”, e “alimenta a sospeita sobre a falta de compromiso das concesionarias coa prestación dun servizo de calidade”.
Á espera de obter os datos definitivos, desde a CIG aseguran que se xerou “un gasto considerable” ao ter que por en marcha un circuito asistencial de transporte e centros alternativos.
Estas anomalías, que para a central son produto do modelo privatizador “do PP”, xeran “incertidume, procupación e incomodidade” entre os usuarios e usuarias, e obrigan a “procurar fórmulas eficaces para avaliar responsabilidades e exixir as correspondentes indemnizacións ao sistema público de sanidade”.