Inicio Blog Páxina 1549

A Universidade de Stanford inclúe 26 investigadores da UVigo na lista dos máis citados do mundo

0

A Universidade de Stanford, en Estados Unidos, incluíu a 26 investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) na lista dos máis citados do mundo. Eses científicos da institución viguesa están encabezados polo catedrático David Posada, que ocupa o primeiro posto a nivel estatal e o noveno do mundo no ámbito da Bioloxía Evolutiva en canto ás citas.

A universidade estadounidense desenvolveu unha base de datos que contempla indicadores dos investigadores máis citados a nivel mundial en distintos ámbitos de coñecemento en base ao traballo da revista académica PLOS Biology.

A base de datos está coordinada polos profesionais John P. A. Ioannidis, da Universidade de Stanford; Kevin W. Boyack, da organización estadounidense SciTech Strategies e Jeroen Baas, da empresa Research Intelligence de Elsevier B.V. de Países Baixos.

A iniciativa foi posta en marcha dada a ampla utilización de métricas de citas de modo incorrecto. Así, esta base de datos sinala case 160.000 científicos “de primeiro nivel”, o que supón que se atopan no 2% superior de citas.

Ademais, proporciona información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros, dos distintos investigadores. Deste xeito, proporciona métricas con e sen autocitas.

A base de datos contempla 22 campos científicos e 176 subcampos, ademais de permitir coñecer os resultados de investigadores ao longo da súa traxectoria ou en 2019.

6 feridos e numerosos danos materiais logo dun intento de okupación no Barrio das Flores

0

Un intento de ‘okupación’ nunha vivenda de Vigo acabou nunha liorta multitudinaria, na que resultaron feridas polo menos 6 persoas, e na que se ocasionaron danos materiais na propia vivenda e nun vehículo do seu propietario. Segundo informou a Policía Local, os feitos tiveron lugar na tarde deste martes, cando unha muller de 33 anos de idade, V.J.C., tentou ‘okupar’ unha vivenda do Barrio das Flores xunto coas súas dúas fillas menores. Para iso forzou a entrada da casa cunha pata de cabra.

Ao decatarse do ocorrido, os veciños avisaron ao propietario do inmoble, que se presentou no lugar e alertou á muller de que debía abandonar a vivenda, que non estaba baleira, e que se non se ía avisaría á Policía. Inicialmente, a muller pareceu acceder, pero sinalou que, como xa introducira algúns dos seus aveños na vivenda, chamaría aos seus familiares para que a axudasen a sacalos.

Sobre as 22,00 horas, presentáronse no lugar varios familiares e amigos desta muller, “portando paus e bastóns”, e enfrontáronse co dono da casa, dicíndolle que non se irían e que estaban alí para defender á muller no caso de que quixese botala. “Sen mediar provocación algunha”, segundo informou a Policía, “comezaron a insultar e ameazar ao home” e, ante o alboroto, varios veciños saíron á rúa. Finalmente, xuntáronse uns 30 veciños que, segundo relataron posteriormente, foron insultados, ameazados e agredidos polos achegados da muller ‘okupa’.

FERIDOS E DANOS MATERIAIS

Como consecuencia desta liorta, resultaron feridas polo menos 6 persoas: o dono da vivenda obxecto de disputa, ao que golpearon na cabeza, mandíbula, ombreiros e tórax; unha veciña da zona, que acabou cun brazo roto e foi trasladada en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro; así como outras 4 persoas con diferentes lesións que se trasladaron polos seus propios medios á PAC da rúa Pizarro (e que confirmaron que presentarían denuncia).

No entanto, fontes policiais precisaron que é posible que houbese máis feridos, pero que varios implicados fuxiron á chegada das dotacións policiais, e outros non quixeron apuntar as lesións por medo ás ameazas e represalias dos agresores. De feito, apuntaron as mesmas fontes, algúns dos veciños relataron que “están fartos deste tipo de accións por parte de individuos que viven na zona, xa que son constantes as pelexas entre eles, xerando moitos problemas de convivencia”.

Ademais das persoas feridas, tamén se rexistraron danos na vivenda cuxo propietario tratou de evitar a ‘okupación’, con rotura de cristais e persianas. Os atacantes tamén romperon o parabrisas da furgoneta deste home, e causaron danos na xanela traseira esquerda do vehículo, e outros danos.

IDENTIFICADOS

A Policía logrou identificar as inmediacións do lugar onde se produciu a liorta a varias persoas, sospeitosas de participar nos feitos, e que os axentes xa coñecían por ser “habituais deste tipo de condutas”. Así, foron identificados J.J.B., de 33 anos de idade, e o seu fillo, que se atopaba indocumentado; e outra persoa, I.G.L., de 26 anos de idade, todos eles veciños de Vigo.

Os sospeitosos foron interceptados cando trataban de fuxir nun vehículo, en cuxo interior os axentes atoparon un pau e un bastón, que foron incautados. Tamén se localizaron, nos arredores, outros 4 bastóns e un martelo supostamente utilizados na liorta.

O Chuvi recibe unha doazón de 36.000 pares de luvas cedidas por particulares e empresas

A Policía Nacional da cidade olívica entregou ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) 36.000 pares de luvas doadas por particulares e empresas .

Nun comunicado, o corpo de seguridade explicou que este material foi depositado durante os últimos días en Comisaría para colaborar cos profesionais que tratan ás persoas con coronavirus.

Deste xeito, o interlocutor policial sanitario da Comisaría de Vigo e a inspectora xefa de Xestión Económica entregaron 36 caixas de pares de luvas a un traballador de Atención Primaria da área Sanitaria da urbe galega. Posteriormente, estes útiles serán distribuídos en distintos centros da zona.

Así mesmo, a Comisaría puxo en valor o traballo realizado polas persoas que “loitan contra esta pandemia” e agradeceu as mostras de solidariedade realizadas para evitar a propagación do virus.

Mos finaliza o seu seguimento ao lindano con bos resultados ao non atopalo por riba dos limiares legais

0

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos a derradeira mesa de traballo da Comisión de Seguimento do Lindano en Mos, na que se concluíu que, á vista das análises e mostras realizadas, tanto en auga como en terra, non se detecta no municipio mosense presenza de lindano por riba dos limiares establecidos.

As últimas análises realizadas dende a pasada Comisión de Seguimento, celebrada o 11 de abril, obtiveron bos resultados, é dicir, dentro dos límites establecidos. Ao longo de todo o estudo, de máis de tres meses de duración, realizáronse 30 analíticas de auga (26 de pozos e 4 de fontes) e todas deron nos seus resultados índices que se atopan dentro do límite de potabilidade. Pola súa banda, as mostras de solo tomadas durante o procedemento tamén deron resultados que se atopan dentro dos parámetros do uso urbano.

Hoxe foi polo tanto a última Comisión de Seguimento do Lindano en Mos, que fora constituída o pasado 7 de febreiro. Na mesa desta mañá participaron varias asociacións de veciños, membros de todos os grupos políticos da Corporación Municipal, da empresa que está a realizar a toma de mostras e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Concretamente estiveron presentes, entre outros, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, un representante da empresa EPTISA contratada para realizar o estudo en Mos, o concelleiro mosense de Coordinación de Asociacións, Patrimonio e Servizos, Camilo Augusto, os arquitecto e secretaria municipais, representantes de tódolos grupos políticos da Corporación Municipal (PSOE, BNG, GañaMos e o concelleiro non adscrito Emilio Muíños) e representantes das Asociacións Veciñais das zonas nas que se levou a cabo a análise e que son Chan do Bosque-Amieirolongo, Ledicia-Sanguiñeda, Nosa Terra de Pereiras e San Rafael de Pereiras.

En total, ata o día de hoxe, celebráronse tres mesas da Comisión de Seguimento dende que se constituíu o 7 de febreiro: a de constitución, unha segunda o pasado 11 de abril e a desta mañá que foi a terceira e última.

Pola súa banda o presidente da Confederación Hidrográfica informou de que, dende a administración que preside seguiranse a realizar analíticas ao atoparse este labor dentro dos seus cometidos ordinarios.

Abel Caballero anuncia “o maior certame de deporte urbano de Europa” para 2022 con ou sen O Marisquiño

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes “o maior certame de deporte urbano de Europa” para agosto de 2022 e, aínda que expresou o seu desexo de que sexa da man da organización do Marisquiño (que confirmou a súa marcha da cidade), garantiu que se celebrará o evento.

Así o trasladou nunha rolda de prensa, horas despois de que a organización de O Marisquiño confirmase que suspende a edición de 2021 e que marcha de Vigo ante a falta de apoio institucional (que concretou na redución dun 70 por cento nas achegas de Concello e Deputación).

O rexedor olívico afirmou este martes que, no segundo fin de semana de agosto de 2022, a cidade acollerá “un grandísimo certame de deporte urbano, o máis grande de Europa e o máis importante que se fixo nunca na historia da cidade”.

A preguntas dos medios sobre como se chamará o festival ou como se organizará, Caballero eludiu dar detalles, aínda que recoñeceu que lle gustaría que fose unha nova edición do Marisquiño, con cuxa organización, asegurou, o goberno local mantén unha relación “fluída”.

Improvisan unha pasarela para poder cruzar o río e rescatar un motorista ferido en Moaña

0

A caída dun motorista no monte, no concello de Moaña, obrigou a efectivos de emerxencia a improvisar unha pasarela para poder levar a cabo o rescate do ferido.

O accidente ocorreu uns minutos despois das cinco da tarde, á altura de San Lourenzo. Os equipos de emerxencias desprazáronse ata o punto para atender a alerta e prestar axudar ao ferido.

Os efectivos do parque comarcal de Bombeiros tiñan que atravesar un río para poder rescatar á vítima.P ara iso, improvisaron unha especie de pasarela para poder sacar ao ferido e levalo ata a ambulancia.

Varias dotacións de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 esperaban ao rescate do motorista para poder ofrecerlle os coidados necesarios, engaden desde o 112.

23 novos contaxios na área de Vigo este luns

0

Galicia rexistra un total de 3.640 casos activos de COVID-19 este luns, cifra que aumentou en 156 con respecto ao domingo tras rexistrarse 271 novos positivos e 115 altas en 24 horas. As principais subidas rexístranse nas áreas sanitarias de Lugo e Santiago, segundo o balance difundido pola Consellería de Sanidade.

Así, a área sanitaria da Coruña e Cee continúa como a que máis contaxiados acumula, cun total de 1.392 casos activos, aínda que este luns soamente soben en 10. Onde si se disparan os datos é nas áreas de Lugo, que suma 55 positivos máis, ata un total de 730 pacientes; e a de Santiago, que contabiliza outros 42, ata 582.

En canto ao resto da Comunidade, a área sanitaria de Ourense conta con 340 casos activos de COVID-19 –16 máis con respecto ao domingo–; a de Vigo con 237 –soben en 23–; a de Pontevedra con 226 –oito máis–; e a de Ferrol con 133 –dúas máis–.

Do total de pacientes de coronavirus, 17 atópanse en UCI, o mesmo número que unha xornada atrás, e as hospitalizacións en unidades convencionais baixan en 13, ata 124. O resto de casos activos, un total de 3.499, están en seguimento domiciliario.

Os datos de Sanidade indican que os mortos da pandemia son xa 643 en Galicia, tres máis dos que constaban no parte do domingo, posto que nas últimas 24 horas notificáronse tres falecementos: unha muller de 93 anos e un home de 90, ambos os usuarios da residencia do Incio (Lugo), no Hospital Lucus Augusti (HULA); e outra muller de 89 anos no Hospital de Cee (A Coruña).

Así mesmo, ata o momento Galicia contabiliza 12.671 persoas curadas de COVID-19, ao sumar os datos deste luns outras 115 altas. Ademais, Sanidade informa de que xa se realizaron 335.554 probas PCR na Comunidade, que son 3.715 máis.

A primeira ‘Operación Quilo’ do 2020 recolle 11.500 quilos de comida

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recolleu o pasado fin de semana, na que foi a primeira ‘Operación Quilo’ do ano 2020, uns 11.500 quilos de alimentos, nunha acción solidaria na que participaron 80 voluntarios nos dous centros do grupo Alcampo na cidade olívica.

Esta recollida permitirá repor os produtos básicos que “xa escaseaban” nos almacéns do Banco de Alimentos, tanto en Vigo como en Pontevedra.

A próxima ‘Operación Quilo’ terá lugar o fin de semana do 6 e 7 de marzo, dentro da campaña O Zampakilos Solidario promovido nunha trintena de establecementos da cadea Vegalsa-Eroski.

A Fundación fixo un chamamento á participación, xa que necesita a “colaboración urxente” de 500 voluntarios. Para sumarse a esta iniciativa, é necesario inscribirse na web https://www.bancoalimentosvigo.org/about-us/solicitude-de-voluntariado/ ou chamar ao número de teléfono 986.26.30.22.

Esta ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa.

O PPdeG acusa a Abel Caballero de prexudicar a candidatura das Illas Atlánticas

0

O viceportavoz do PPdeG no Parlamento e secretario xeral do partido, Miguel Tellado, acusou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de estar “a prexudicar” á candidatura das Illas Atlánticas a patrimonio da humanidade, debido a que ten “máis posibilidades” se incumbe a todo o parque nacional e non só ás Cíes.

Así se pronunciou a preguntas dos xornalistas en rolda de prensa tras a polémica xurdida en relación cos veciños de Ons, aos que Tellado avogou por “explicar” o proxecto e os seus beneficios.

Así, censurou que o rexedor vigués “equivócase” ao mostrar as súas “discrepancias” coa Xunta, e criticou que, na súa opinión, “o que lle molesta” é que a iniciativa foi da Xunta “desde o primeiro momento”.

A xuízo de Tellado, todos os actores involucrados “deberían ir da man e buscar unha candidatura forte”, pero lamentou que Abel Caballero “antepon intereses persoais e partidistas” neste asunto.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed