O BNG de Vigo esixiu un “cambio radical” no modelo de transporte urbano da cidade tras analizar os datos de uso dos últimos anos. Segundo apuntan os nacionalistas nun comunicado, o servizo de autobús perdeu 1,3 millóns de viaxeiros desde o ano 2019, unha cifra que cualifican de “alarmante”. Para a formación nacionalista, esta caída non é froito do azar, senón da “precarización continua” dun sistema que, ao seu xuízo, non ofrece unha alternativa real ao uso do vehículo particular.
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou directamente como causas principais o “recorte” de 250 frecuencias diarias aplicado desde a pandemia, a desregularización dos horarios e o mantemento dun mapa de liñas “obsoleto” que non responde ás necesidades actuais da veciñanza. “Con menos buses circulando, con peores horarios e con este mapa é imposible que aumente o uso”, criticou Igrexas, incidindo en que a calidade actual do servizo está moi lonxe de ser competitiva.
Ademais, o BNG advertiu de que esta situación non se vai reverter coas condicións do novo contrato que prevé licitar o goberno local. Segundo o portavoz nacionalista, os pregos da futura concesión non contemplan un incremento no número de vehículos nin de condutores, o que na práctica “impide recuperar as frecuencias recortadas e mellorar os horarios”. Para Igrexas, sen un aumento real dos medios materiais e humanos, o autobús urbano de Vigo seguirá perdendo peso fronte ao coche privado.
O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non é ninguna sorpresa, e tampouco ten causas extraordinarias, se cadra este ano nótase un pouquiño máis, mais esa precisamente é a tendencia, que o retroceso da costa e a erosión do litoral aumenten ano a ano. Os padróns son ben coñecidos e están estudados a partir dos rexistros de décadas. Non hai misterio, o nivel do mar está a aumentar e o litoral móvese costa arriba. A partires dos rexistros medios mensuais dos mareógrafos do Porto de Vigo entre 1943 e 2018, a NOAA estima a subida en 2,05 mm por ano (+/-0.38, 95%), por riba da media mundial de 1,8 mm por ano. Cálculos máis afinados realizados por investigadoras do IEO para o período de 1943 a 2010 resultaban nunha subida media anual de 2,43 mm en Vigo, que considerando os axustes isostáticos (PGR-Post Glacial Rebound) serían 2,68 mm por ano. En se ben o ascenso do nivel do mar se modula en períodos de aproximadamente unha década e, portanto, se precisa tempo para fixar a taxa a longo prazo, disque o aumento do nivel do mar estaría a acelerarse, puidéndose superar en Vigo os 3 mm cada ano.
Porén, tan importante como a taxa media é a variabilidade do proceso. A miúdo son os extremos os que chaman a nosa atención, no entanto ignoramos as mudanzas de fondo. E resulta que no estudo comparativo do EIO para os portos de Santander, A Coruña e Vigo, a costa das rías non só aparece coa maior taxa media de subida, tamém ten a máxima variabilidade, é dicir, os eventos máis extremos. Un exemplo: se ben as mareas vivas equinocciais acadan en Vigo un rango por volta dos catro metros, as mareas mesmas movéronse arriba e abaixo nun rango de 653 mm. Esta variabilidade é un contributo da atmósfera, das baixas e altas presións, dos temporais e das cheas dos ríos que reforzan ou amortecen os efectos das mareas empurrando a auga contra a costa. Así pois, a ría de Vigo non apenas rexistra unha das maiores taxas de aumento do nivel do mar na península, este aumento ten lugar nun ambiente con eventos máis extremos.
As consecuencias da subida do nivel do mar e o retroceso da costa non collen por sorpresa a ninguén, e as solucións son ben evidentes para calquera. En 2024 a Dirección General de Carreteras incluira xa a PO-11 entre Pontevedra e Marín para avaliar o risco de anegamento no marco do Plan Nacional de Adaptación al Cambio Climático. Esta estrada foi construída como dique de contención apara o recheo de ENCE, e dende a sua construción, en pleno franquismo, ven sendo periódicamente inundada, cada vez con maior frecuencia. Este febreiro a última e máis grave inudación rexistrada tivo a estrada cortada cinco dias nada menos, e a solución dada polo ministerio é subila de cota para mantela operativa. Non hai outra. E do mesmo modo, se queremos conservar as praias debemos permitir que retrocedan sobre a costa elevándose conforme o nivel do mar ascende. Mais para isto non parece haber plan do ministerio nin doutras administracións públicas; e tamén non hai outra.
A diferencia das estradas, que podemos elevar e reconstruir en vertical, mesmo sobre pilotes, as praias deben manter un equilibrio dinámico coas ondas, coas correntes litorais, cos ventos e coa topografía do fondo mariño. Por iso as praias non suben chanzos, e se tras delas construimos muros, ficarán simplemente inundadas pola suba do mar e convertidas en fondos mariños, que é o que está a ocurrir baixo o paseo de Panxón, no entando a praia retorcede sobre o río Muiños, onde aínda ten sitio pàra facelo. Non é apenas un problema de ‘erosión’, senón de espazo. O mesmo está a suceder baixo o paseo de Samil, e vai ocurrir en toda a beiramar se non deixamos espazo ás praias retorceder. Por tanto, hai que elexir: ou temos praias na beiramar ou temos muros, paseos, estradas e urbanizacións en primeira liña. Se queremos praias eses obstáculos deben ser expopiados e derrubados. Non é un problema económico. Non houvo nen hai problema para expropiar a propiedade privada -ou enaxenar a pública-, para facer esas autoestradas, rúas, portos, hoteis ou centros comerciais que rechean e limitan a beiramar. Por que non se pode facer o mesmo para conservar as nosas praias? Ou é que non se quere? Ou será que uns poucos non queren? Que estamos a protexer, as piscinas privadas? No 2008, o ministerio presentou un proxecto para derrubar e retranquear o paseo de Samil un cento de metros na totalidade do areal. Xusto fixérase cargo do ministerio Elena Espinosa, que hoxe é concelleira de Medio Ambiente no Concello de Vigo. En 2025, a obra finalmente executada polo ministerio xunto ao concello botou para atrás uns míseros 25 metros o treito de 285 metros de paseo, incumplindo mesmo os obxectivos do proxecto de retranquear 400 metros. Que mudou de 2008 para 2025? Non retrocede a praia, recuan as administracións, e perdemos a beiramar.
García, M. J., Tel, E., and Molinero, J. 2012. Sea-level variations on the north and northwest coasts of Spain. Journal of Marine Science, 69: 720–727.
https://doi.org/10.1093/icesjms/fss058
Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible. 2024. Plan de prevención y respuesta ante el cambio climático. Transportes adjudica por 4 millones de euros la evaluación de la resiliencia de las carreteras ante el riesgo de inundaciones. 29/11/2024.
Un axente da Policía Local de Redondela resultou ferido este fin de semana durante unha intervención cun home que foi detido tras tentar reter a unha moza contra a súa vontade no centro urbano de Redondela. Os feitos producíronse a última hora da tarde do sábado, cando os axentes foron alertados pola presenza dun individuo que intentara impedir que unha muller marchase, sen o seu consentimento. A vítima conseguiu finalmente zafarse e fuxir, segundo indicaron testemuñas presenciais.
Coa descrición facilitada, os policías lograron localizar ao sospeitoso, que reaccionou de forma agresiva ao decatarse da presenza policial, chegando a ameazar aos axentes, polo que foi necesario reducilo. Durante o forcexo, un dos policías locais resultou ferido cun corte nunha man, causado polos cristais dunha botella que o individuo lanzara ao chan no transcurso da intervención. O home foi detido e trasladado a un centro médico, mantendo unha actitude violenta mesmo durante o traslado no vehículo policial. Pola súa banda, o axente ferido tamén precisou asistencia sanitaria, sen que transcendera a gravidade das lesións.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrou este mércores o xuízo contra un acusado de estafar a unha persoa con dous falsos alugueres na cidade olívica. O procesado é un vello coñecido da Policía por casos similares e, segundo declararon os axentes na vista, a finais de 2023 o home xa estaba a ser investigado por outras presuntas estafas. “Ese ano estaba especialmente activo”, apostilou unha das funcionarias, quen confirmou que o sospeitoso utilizaba sempre o mesmo número de teléfono móbil para as súas operacións.
Pola súa banda, o procesado negou os feitos e asegurou que el lle prestara diñeiro previamente á suposta vítima. Segundo a súa versión, as transferencias recibidas eran en concepto de devolución dese préstamo, a pesar de que nos xustificantes bancarios especificábase claramente “Pago de aluguer” ou “Seguro de falta de pagamento”. O home si recoñeceu que cobrou uns 500 ou 600 euros por prestarlle a súa documentación á vítima para alugar un piso, xa que esta non tiña os papeis en regra, pero defendeuse afirmando que el “non se dedicaba a alugar pisos”.
CONTRATOS FALSOS E VIVENDAS INEXISTENTES
A presunta vítima, que tamén declarou na vista, explicou que contactou co acusado para alugar un piso para el e unha casa para un amigo que traía á súa familia desde Sudamérica. Segundo o seu testemuño, chegou a asinar “contratos falsos” e realizou varias transferencias. Porén, descubriu que as vivendas nunca existiron e decidiu denunciar. No xuízo tamén compareceu un suposto cómplice, quen afirmou que só prestou a súa conta bancaria como un “favor” ao principal procesado porque este non podía recibir o diñeiro na súa.
A Fiscalía atribúelles un delito continuado de estafa agravada, ao tratarse dun ben de primeira necesidade como é a vivenda. Por este motivo, pide para o principal acusado seis anos de prisión e unha multa de 4.320 euros, mentres que para o cómplice solicita un ano de cárcere e 1.800 euros de multa. Ademais, reclama a devolución íntegra do diñeiro cos intereses correspondentes. As defensas, pola contra, solicitaron a libre absolución ao considerar que non existen probas suficientes dos feitos.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a tres anos de cárcere a un home que foi sorprendido durante un control policial mentres se atopaba nun bar da cidade olívica portando máis de 10 gramos de cocaína destinados á venda.
Segundo recolle a sentenza, os feitos producíronse na tarde do 16 de setembro de 2024, cando o acusado estaba no interior dun establecemento hostaleiro de Vigo. Ao local accederon axentes da Policía Nacional para realizar un control preventivo de consumo e menudeo de drogas.
Ao decatarse da presenza policial, o home tratou de ocultar ás súas costas, nun pano, un envoltorio de plástico azul, pero foi sorprendido polos axentes. Tras intervirlle o paquete, comprobaron que contiña algo máis de 10 gramos de cocaína. Ademais, durante o cacheo tamén lle atoparon outro envoltorio cunha pequena cantidade de cannabis.
A Audiencia Provincial considera acreditado que a cocaína tiña como destino a súa venda e non deu credibilidade á versión do acusado, que sostivo no xuízo que adquirira a droga para consumila nunha festa con amigos.
Por estes feitos, o tribunal condenouno por un delito contra a saúde pública á pena de tres anos de prisión, coa aplicación da atenuante de drogadicción, ao constar que o procesado padece un trastorno por consumo de cocaína. Ademais, deberá aboar unha multa de 1.100 euros.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A sección do Penal do Tribunal de Instancia Praza 3 de Vigo acolle este mércores a vista contra un home acusado de golpear cun martelo na cabeza ao seu veciño no rellano dun edificio da cidade olívica.
Os feitos serán xulgados a partir das 09.30 horas e para o procesado a Fiscalía solicita até catro anos de prisión como autor dun delito de lesións con instrumento perigoso, aplicando a atenuante de reincidencia. O Ministerio público lembra que o acusado xa fora condenado en 2020 a un ano e dous meses de cárcere por outro delito de lesións, unha pena que lle fora suspendida de forma condicional sempre que non volvese delinquir durante catro anos e medio.
Segundo o escrito de acusación, os feitos producíronse unha noite de abril de 2024, cando, tras un enfrontamento derivado de problemas de convivencia veciñal, o home propinaría á vítima un golpe cun martelo na cabeza. Como consecuencia da agresión, o prexudicado sufriu unha ferida na rexión occipital do cranio, que requiriu grapas de sutura para o seu tratamento. Ademais da pena de prisión, Fiscalía reclama que o acusado aboe 900 euros de indemnización á vítima en concepto de responsabilidade civil.
A Policía Local de Vigo detivo nas últimas horas a dous homes sobre os que pesaban ordes de detención emitidas por xulgados da cidade. Segundo informou o corpo policial, a primeira intervención tivo lugar na mañá do pasado sábado na praza de Santa Rita, onde os axentes observaron a dous homes portando unha botella de cervexa aberta e consumindo alcol na vía pública.
Ao decatarse da presenza policial, ambos aceleraron o paso, mantendo unha actitude “nerviosa e fuxitiva”. Ante esta situación, procedeuse á súa identificación. Un dos homes mostrou o DNI, mentres que o outro facilitou datos verbais confusos, aínda que finalmente puido ser correctamente identificado. Nese momento, os axentes comprobaron que sobre el pesaba unha orde de procura e detención decretada polo Xulgado do Penal número 1 de Vigo, polo que foi detido.
Por outra banda, na madrugada deste luns, na rúa Cachamuíña, a Policía Local interveu ao identificar a tres persoas que estaban a discutir tras consumir alcol e drogas. Durante a actuación, os axentes comprobaron que un dos implicados, un home de 60 anos, tiña en vigor unha orde de detención, polo que tamén foi arrestado. Ademais, outro dos identificados contaba cunha orde de investigación de paradoiro, polo que os axentes realizaron os trámites correspondentes conforme ao procedemento establecido.
A auxiliar de automoción GKN Driveline Vigo reduciu de 75 a 50 o número de persoas afectadas polo expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende impulsar na planta viguesa. Con todo, a falta de garantías de que non haxa despedimentos traumáticos levou á CIG, sindicato maioritario no comité de empresa, a convocar unha folga dunha semana a partir da próxima semana. A decisión chega tras celebrarse este martes a segunda reunión de negociación do ERE. Segundo explicou a Europa Press o presidente do comité, Pedro Velasco (CIG), a compañía non asegurou que todas as saídas sexan voluntarias, un extremo que consideran clave para evitar un proceso traumático para o persoal.
“O problema é que a empresa non garante que non vaia haber despedimentos forzosos”, advertiu Velasco, quen lembrou que o ano pasado xa se pactaron saídas voluntarias con traballadores maiores de 60 anos, aínda que agora a empresa non ofrece condicións económicas equiparables ás de 2025. A pesar de que a dirección expón como opción prioritaria as saídas voluntarias de persoal de maior idade, non comprometeu por escrito a ausencia de despedimentos obrigatorios, motivo polo que a CIG decidiu convocar un paro de sete días.
O presidente do comité tamén lamentou a falta de unidade sindical, xa que UGT e CC.OO., que suman o 57 % da representación, optaron por agardar a unha mellora da proposta empresarial antes de adoptar medidas de presión. O comité está integrado por 21 representantes: 8 da CIG, 7 de CC.OO., 5 de UGT e 1 da CUT. Con todo, o conflito aínda podería reconducirse. Velasco avanzou que este venres, 13 de febreiro, celebrarase unha nova reunión de negociación, e non descartou desconvocar a folga se a empresa acepta garantir que todas as saídas serán voluntarias e en condicións dignas.
Renfe mantén, polo momento, a suspensión de circulación en trens rexionais desde Vigo Guixar até as estacións de Santiago e Ourense, mentres renovou os demais servizos anulados desde o xoves en Galicia, que mantiveron a parte do territorio incomunicado por esta vía durante preto de 72 horas. Así o informou a operadora nunha información publicada no seu perfil de ‘X’ ás 08.00 horas deste domingo. Á primeira hora deste domingo, tampouco circulaban trens entre Vigo Guixar e Santiago, pero, pasadas as 10.30 horas, a operadora informou en ‘X’ de que este servizo quedou restablecido até A Coruña (destino final), para o que está a empregar a liña de alta velocidade entre Vilagarcía e a capital galega.
Con todo, debido ao “estado” da infraestrutura, Renfe estableceu un plan de transporte alternativo para os viaxeiros con orixe ou destino Padrón, Pontecesures, Catoira e Osebe. Tras esta actualización, a operadora ratificou a Europa Press que os rexionais cara a Ourense non están a circular. Na noite do sábado, Renfe xa informara do reestablecimiento neste domingo do servizo de alta velocidade no tramo Santiago de Compostela-Vigo, así como as conexións de Media Distancia Vigo Urzaiz-A Coruña, que se reiniciaron a última hora do día anterior coa saída de varios trens.
“RISCOS REPENTINOS”
No seu comunicado, a operadora indicou que, aínda que Adif valoraba que “era viable circular”, a suspensión mantívose tras “contrastar” a información do xestor con outros organismos oficiais que indicaban que “aínda unha alta probabilidade de riscos repentinos que podían comprometer o estado da infraestrutura”. “As previsións das confederacións hidrográficas indicaban unha evolución negativa até o sábado, así como se mantiña o nivel de prealerta do Plan Inungal. A situación de colmatación dos terreos facía a Renfe ser prudente ao obxecto de garantir a seguridade dos viaxeiros e traballadores”, remarcou.
Estas mesmas condicións climatolóxicas adversas e o risco de inundación foron as razóns que deron para xustificar a imposibilidade de establecer un plan de transporte alternativo por estrada que garantise “as condicións necesarias de seguridade e operatividade”. Pola súa banda, nos pasados días, Adif insistiu en que a suspensión foi “a petición da operadora”: “Nós non tiñamos ningún punto danado”. Non entanto, durante o venres si rexistraron dúas incidencias que afectaron a trens de mercadorías, segundo indicaron fontes consultadas por Europa Press.
O PP de Vigo acusou ao alcalde, Abel Caballero, de “engano masivo” cos orzamentos de 2025, ao executar “só o 23% dos investimentos previstos”, segundo cálculos dos ‘populares’. Nun comunicado, a presidenta local do PP, Luisa Sánchez, puxo as fochas como exemplo da “nula xestión” do rexedor, que consignou 2,9 millóns de euros para conservar viarios “e só utilizou 435.000 euros e nada dos 7,6 millóns do plan de renovación”.
“A realidade dos números revela as mentiras de Caballero, cun discurso cheo de promesas, pero á fronte dun goberno cunha xestión ficticia e unha incapacidade para executar o prometido”, reprochou Sánchez. Segundo engadiu, dos 112,7 millóns de euros previstos para mellorar a cidade o ano pasado, sumando o crédito inicial e o extraordinario de agosto, “o goberno local apenas foi capaz de executar 28,8 millóns, o que representa un raquítico 23% do total”. “É dicir, menos de 1 de cada 4 euros orzados para obras”, apuntou.
Así, segundo os seus datos, quedáronse sen gastar 90 millóns de euros anunciados para obras e proxectos que “seguen gardados nun caixón”.