Desde Vigo, a solidariedade coa Revolución Bolivariana non se entende como un simple xesto de empatía senón como o recoñecemento dunha afinidade estrutural entre loitas contrahexemónicas nun mundo dominado pola expansión do capital e pola reconfiguración constante do poder imperial ianque. A conexión transatlántica entre unha cidade obreira como Vigo e o pobo venezolano expresa unha dinámica profunda, na que a resistencia local inscríbese nunha constelación global de movementos que desafían a lóxica centro-periferia, a acumulación por desposesión e a mercantilización da vida
A determinación de Venezuela por afirmar a súa soberanía nacional e construír unha democracia participativa responde á histórica extracción de excedentes desde as periferias e á negación sistemática da autonomía dos pobos, inscríbese no proxecto bolivariano como unha contraofensiva á tendencia do capital a subordinar estados e territorios aos seus ciclos de acumulación, afirmando o control social sobre a riqueza común fronte á primacía dos mercados. O proxecto bolivariano busca precisamente reforzar mecanismos de participación e poder popular, como as asembleas comunais, consellos e consultas cidadás que pretenden ampliar a implicación directa das persoas na vida política e social do país. Desde Vigo, cidade portuaria familiarizada coa explotación e coa diáspora, identificámonos coa loita do pobo venezolano e co combate pola autodeterminación efectiva nun contexto no que a democracia real é continuamente posta a proba por instancias financeiras e mecanismos de intervención. O chavismo segue vivo na memoria e na práctica de moitos e ese espírito de resistencia é tamén parte da identidade do pobo galego.
A defensa da Revolución Bolivariana é en esencia a defensa da posibilidade de que agromen e emerxan racionalidades alternativas ao ultraliberalismo nas que a xustiza social e ecolóxica se prioricen por riba da maximización do beneficio. Representa un exercicio concreto de construción contrahexemónica, no que os suxeitos subalternos asumen un papel protagonista na reconfiguración do Estado e na defensa do común fronte aos procesos de privatización e fragmentación. A conexión emocional e histórica entre ambas beiras do Atlántico convértese así nunha alianza política fundada no recoñecemento de que a liberación política, económica e social é un proceso colectivo e transnacional capaz de artellar loitas aparentemente afastadas nunha mesma fronte contra a desposesión e a alienación
Nesta dinámica, a solidariedade e o internacionalismo deixan de ser simples abstraccións para converterse en principios concretos, fundados na mutualidade e no recoñecemento de que ningunha soberanía nacional é plena nun mundo marcado pola lóxica imperialista e por redes de poder asimétricas. A resistencia venezolana, xunto co apoio que recibe desde amplos sectores obreiros en Europa, evidencia unha multiplicidade de loitas que, malia estar situadas en contextos distintos, conflúen nun horizonte compartido de emancipación. Esta realidade lembra que, nun sistema capitalista global en crise, a auténtica solidariedade reside en respaldar procesos que procuran desmercantilizar a vida e devolver ao pobo a capacidade de decidir o seu propio destino, aínda que iso supoña enfrontarse ás estruturas máis poderosas da dominación global.
