No encontro organizado polo Centro Tecnolóxico AIMEN no Porriño, máis dun centenar de representantes do sector aeronáutico europeo congregáronse para debater sobre o futuro dunha aviación máis sostíbel. Baixo un discurso do I+D+i, baseado na investigación, o desenvolvemento, a innovación tecnolóxica, a descarbonización e o liderado industrial, o evento preséntase como un escaparate do progreso tecnolóxico en favor do medio ambiente. Con todo, desde unha perspectiva crítica, urxe desmontar o relato dominante para revelar as contradicións estruturais que o atravesan. Lonxe de representar unha solución real á crise ecolóxica, esta narrativa pode encadrarse nunha lóxica de “capitalismo verde” que, en lugar de transformar o sistema, o reconfigura para perpetualo.
A sustentabilidade, no marco deste cume empresarial, exponse como unha cuestión técnica, limitada o desenvolvemento de novos materiais, sistemas de propulsión alternativos —como o hidróxeno— e procesos de fabricación máis eficientes. Esta visión reducionista evita toda reflexión de fondo sobre o modelo de mobilidade aérea global, o volume de tráfico aéreo innecesario xerado pola lóxica do lucro ou as consecuencias ambientais e sociais que implica manter unha industria dependente da expansión permanente. Actúase coma se chegase con cambiar o motor para que o vehículo do capitalismo continúe o seu traxecto. Porén, a verdadeira pregunta que deberiamos facernos é cara a onde nos está levando ese vehículo?
As 120 empresas protagonistas da xornada que se desenvolveu no Porriño —Airbus, GKN Aerospace, Collins Aerospace, entre outras moitas— non son alleas a esta estratexia de maquillaxe verde. Ao contrario, levan anos investindo no discurso da sustentabilidade para manter a súa lexitimidade pública, mentres os seus modelos de negocio seguen centrados na maximización do beneficio privado. O seu impulso por liderar “a transición ecolóxica” non nace dunha preocupación ética, senón da necesidade de adaptarse a un mercado global cada vez máis esixente en materia ambiental. Converter a sustentabilidade nun nicho de rendibilidade non é unha contradición para estas corporacións, realmente é o seu obxectivo.
Neste escenario, as pequenas e medianas empresas aparecen como actores subordinados, apenas integradas como provedores ou satélites tecnolóxicos nun sistema xerarquizado e dominado por grandes conglomerados. A cooperación industrial que se reivindica non responde a unha lóxica democrática nin redistributiva, senón á necesidade de manter a competitividade europea fronte a outras potencias globais. É unha lóxica de bloques económicos en pugna, non de alianzas sociais polo ben común. O Estado e as institucións públicas, lonxe de asumir un papel regulador ou transformador, actúan como facilitadores destas dinámicas empresariais, investindo diñeiro público en proxectos cuxo retorno social é, no mellor dos casos, dubidoso.
O discurso hexemónico da sustentabilidade evita ademais calquera cuestionamento ao dereito ao transporte aéreo como ben de consumo ilimitado. Non se discute a necesidade de reducir voos superfluos, fomentar alternativas ferroviarias ou reestruturar a economía en función das necesidades humanas e non do capital. No seu lugar, se glorifica unha modernización “verde” que permite seguir voando coa conciencia tranquila. Esta fuxida cara adiante non só é insuficiente, senón perigosa, pois converte a crise climática nunha oportunidade de negocio, desactiva a mobilización social e apraza as decisións difíciles que debemos asumir como sociedade.
A sustentabilidade real esixe máis que innovación técnica, implica unha transformación radical dos modelos de produción, consumo e mobilidade. Require planificar democraticamente que sectores deben decrecer, cales deben fortalecerse e como redistribuír o poder económico e político. Significa, en última instancia, poñer a vida no centro, non o mercado. Ningún cumio empresarial, por moi verde que pinte, pode cumprir con esta tarefa se non está acompañado por unha creba co paradigma extractivista e competitivo que domina a economía global. Mentres sigamos confiando nas solucións de quen se beneficia do problema, o futuro da aviación —e do planeta— seguirá sendo insostíbel.