InicioOpiniónOPINIÓN.- Burla verde en Samil. O greenwashing Caballero

OPINIÓN.- Burla verde en Samil. O greenwashing Caballero

PUBLICADO O

- Advertisement -

Óscar Pazos R. Ecoloxistas de Galiza Atlántica e Verde

A chamada ‘Recuperación del sistema dunar en la playa de Samil’ é a penúltima desfeita urbanística e ambiental no concello de Vigo, unha obra carísima, que nas súas dúas fases A e B supera os 4,1M€ orzamentados ( 2,3 M€ na súa Fase B e 1,8M€ na Fase A) demorando 17 meses de obras para, precisamente, facer o contrario dos obxectivos publicitados de recuperar as dunas, ao impedir as obras o transporte de areas dende a praia ao gran campo de dunas que se extende ao norte de Samil. Un despropósito a mantenta.

Para nada parece o disparate debido a un mal planeamento técnico, disque por ignorancia ou por desleixo. Levo seguindo as obras meses, pois adoito vou correr por Samil, e acho que saben perfectamente o que fan. Logo trátase dunha burla, un escarnio para a cidade e unha agresión engadida a unha beiramar en perigo de extinción e a unha ría malferida. Co gallo da recuperación ambiental, retranqueando perto de trescentos metros do paseo enriba da praia, (o que está moi ben, para comezar), a obra de feito alonga ese paseo sobre o campo de dunas, dando voltas polo piñeiral simulando estar nun xardín, cimentando o vial, enterrando acometidas, remexendo as areas con novos recheos, construíndo ao tempo que destruíndo, e alterando toda a morfoloxía do lugar para borrar por completo a paisaxe dunar orixinal e estorbar o transporte de area polo vento dende a praia ao vello campo dunar.

Mais o elemento clave para o éxito do proxecto é o pequeno campo dunar que artificialmente se está a levantar no alto da praia, apenas mil metros cadrados de ‘dunas en recuperación’ postos xusto alí como parapeto adiantado para facer de barreira entre a beiramar e o verdadeiro campo de dunas natural, subindo a costa. Esas dunas dos pequeninos, gaiola de areas, reserva natural de xoguete, están alí postas, ben á vista de toda a xente e pechadas cun valado, impediendo ostentosamente o tránsito, para que até os máis despitados se percaten delas e poidan asistir ao magnífico simulacro de ‘rexeneración dunar’, un espectáculo natural completamente inofensivo e inocuo, secasí moi caro, cun custe de 4,1 millóns de euros, uns catro mil euros por metro cadrado de ‘duna rexenerada’. A guinda da obra é unha grosa palmeira tropical chantada a xeito gran marco caribeño, tamén valada co seu perímetro de protección. Unha nota sabrosona nesta gran burla verde.

En definitiva, a obra en Samil e outro espectáculo de prestidixitación aos que este alcalde é tan afeito, un truco de maxia para atrapar a vista do público no simulacro da rexeneración dos pequeninos mentras alguén mete no peto 4,1M€ da cidade. Porén, mesmo isto non é o máis grave. O que temo é que o fin último deste conto da ‘recuperación dunar’ é que nos esquezamos do auténtico gran espazo dunar mirando a terra, o campo de dunas duns 85.000 metros cadrados que aquí existía nos anos cincuenta do pasado século antes de ser fixado cun piñeiral, e xa logo ser todo o areal recheado para facer a avenida de Samil cos seus estacionamentos públicos e concesións privadas á hostelaría amiga. O modelo histórico está aí a vista para este alcalde desenvolvista, tan amigo de obras, trolas e especulación. Porén, malia aquelas desfeitas, as 85 ha de dunas ao norte de Samil aínda manteñen unha protección costeira no Plan de Ordenación do Litoral (POL) da Xunta de Galicia, pois de feito boa parte da Avenida de Samil segue recibindo areas nos temporais de inverno, especialmente daqueles temporais que meten ventos do sur-suroeste. Polo tanto, mesmo estragadas como están hoxe, as 85 ha de dunas protexidas polo POL son recuperables para a cidade (como de feito, éo o resto do areal de Samil), iso si, se deixamos sitio para que o mar e o vento fagan seu traballo.

 Así que a estratexia na trola da ‘recuperación’ está á vista: gastar moitos cartos en grandes obras que inaugurar para saír na prensa amiga (ou inimiga); acurralar a natureza; acelerar a urbanización; privatizar os espazos públicos mediante concesións e recalificacións; mudar Samil, a cidade, o mundo enteiro, nun decorado; autopromocionarse e encher o ego; dar espectáculo ás masas; dar contratas e concesións ás grandes empresas de eventos, servizos e mantemento; repartir as migallas. Non se pode dicir que o alcalde non teña modelo de cidade.  

Hai outro modelo. Non é construir par destruir, senón conservar para mellorar. Unha rexeneración integral de todo o areal de Samil, cos campos de dunas e a grande lagoa litoral da Barxa, que se extendía da rotonda da Avenida Europa até o Museo Verbum, é un obxectivo a largo prazo, seica para a seguinte década. Porén, de momento a cidade pode preservar o que hai e ir liberando os espazos de maior interese ambiental. Velaquí a proposta dos veciños de Navia e a plataforma Salvemos A Barroca para conservar bosques e lagoiñas e fochancas que resisten como refuxios naturais do que en tempos foi o vizoso val da Barxa, coa súa lagoa litoral, un pequeno ecosistema húmido ligado ao gran areal de Samil. Rexenerar as dunas entre Samil e a praia da Fonte tampouco precisa máis que liberar o espazo que as comunica coa beiramar. A rexeneración de Samil non pasa por mais paseos e obras, senón por respetar o que hai e ir liberando espazos dun legado público para aos que vivirán na cidade no futuro.

ÚLTIMAS

Caballero insiste: “Louzán ten que dicir que Vigo é sede do Mundial 2030”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este luns en que o presidente da Real Federación...

Achan na costa de Cádiz neveiras e un colector do buque que se refuxiou en Vigo tras un corremento de carga

Salvamento Marítimo recuperou máis de 17 neveiras e un colector que estaban á deriva na...

Piden 18 anos de cárcere para dous homes que violaron e gravaron a agresión a unha nova de 18 anos en Vigo

A Fiscalía pide máis de 15 anos de cárcere para dous homes acusados de...

Ferido un operario tras caer da cesta elevadora coa que retiraba unha cámaras no paseo de Panxón

Un operario resultou ferido tras envorcar un camión e caer da cesta elevadora cando...