o libro
Elefantes de papel é un compendio de 52 relatos curtos en galego e castelán de temática social: o papel dos avós na sociedade, a pobreza, os refuxiados, a defensa dos animais, etc…
Un euro é doado por cada libro vendido en todas as presentacións á asociación Conrazones de A Guarda e, a maiores, outro euro ao colectivo, ONG ou asociación da localidade onde sexa presentado.
Ata o momento xa colaboraron con eles asociacións tan diversas como Rede de mulleres contra o maltrato, Lápices y Colores, Protectora do Morrazo, Os Biosbardos, Avelaíña, SOS Racismo, Ecolectivon ou STOP Accidentes. Coa totalidade dos cartos recadados ao final da aventura, anunciarán unha sorpresa solidaria na nosa páxina de Facebook.
A comezos de ano embarcáronse neste reto co que pretendían percorrer a xeografía galega a través das 52 presentacións que se propuxeron levar a cabo. Finalmente traspasaron fronteiras e a mediados de maio presentaron en Madrid.
A finalidade de toda esta viaxe non é outra que “tecer redes, axudarnos entre os de abaixo porque si é evidente que non podemos cambiar o mundo, tamén é certo que podemos facer moito por mudar os pequenos mundos que nos rodean“, subliñan os creadores do proxecto.