O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou este mércores varias preguntas dirixidas ao Goberno sobre o ocorrido en Irlanda ao pesqueiro ‘Manuel Laura’, ao que se lle “denegou auxilio” a pesar de ter a bordo casos sospeitosos de Covid.
O buque partiu en dirección a Gran Sol para faenar e, en plena travesía, un dos 12 tripulantes (todos foron vacinados antes de partir) comezou a estar indisposto e outros mariñeiros presentaban síntomas de infección por coronavirus. Tras contactar co Centro Radio Médico de Madrid, o barco puxo rumbo ao porto irlandés de Castletownbere seguindo o protocolo, para reclamar atención médica. Con todo, as autoridades locais non lles prestaron ese auxilio, alegando falta de medios para desprazar aos enfermos a un hospital, e “imcumplindo o Regulamento Sanitario Internacional”.
O barco, con bandeira británica e capital galego, e cuxa tripulación procede maioritariamente da zona do Morrazo, regresou a Galicia e atópase atracado no porto de Vigo desde este martes. Tras a realización das probas PCR, confirmouse que 9 tripulantes teñen COVID, dos que tres foron ingresados no hospital Álvaro Cunqueiro, mentres que o resto permanece illado.
Segundo apuntou Néstor Rego, “o Goberno do Estado español debería actuar de forma inmediata ao coñecer o caso, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, ante o Goberno irlandés, para que se puxesen a disposición dos tripulantes os medios sanitarios adecuados”.
O deputado do BNG sinalou que “non consta que se fixese xestión algunha desde o Goberno español ou o galego para mediar ante Irlanda“, e reclamou que, agora que o pesqueiro xa está de regreso en Galicia, o Executivo “esixa que se investiguen os feitos” e adopte “medidas contundentes” ante o ocorrido. “Coa súa actuación, as autoridades de Irlanda, país membro da UE, puxeron en risco a vida dos mariñeiros”, criticou.
“CAOS” NA ATENCIÓN Á SÚA CHEGADA A VIGO
Pola súa banda, o sindicato CIG denunciou este mércores o “caos” e o “atraso” co que foi atendida a tripulación do ‘Manuel Laura’ á súa chegada a Vigo, “por un problema de competencias”, xa que o barco ten bandeira británica.
Así, o representante do sector do MAR na FGMAT, Xavier Aboi, censurou que non houbese “ninguén nin de Sanidade Exterior nin do Sergas” para recibir a estes mariñeiros, e que a primeira ambulancia chegou dúas horas despois de que o pesqueiro atracase, mentres que a segunda tardou outra hora máis, cun profesional para facerlles proba PCR. Tamén puxo de manifesto a “falta de coordinación” para evacuar aos enfermos máis graves.
Aboi criticou que os 9 tripulantes que non foron evacuados (seis deles con Covid) quedáronse illados no propio barco e reclamou que poidan facer a corentena nos seus domicilios, hoteis ou na propia Casa do Mar. “É unha barbaridade que os obriguen a permanecer no reducido espazo do barco”, lamentou.