InicioMovementos SociaisO feminismo acusa aos poderes públicos de facerlles "caso omiso" e esixe...

O feminismo acusa aos poderes públicos de facerlles “caso omiso” e esixe novas leis

Tralas grandes manifestacións do 8M, piden un futuro sen machismo e "unha vida digna de ser vivida".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O colectivo Galegas 8M, convocante da folga feminista deste oito de marzo, reclama que a gran mobilización se traduza en accións e cambios reais: “Durante o ano que transcorreu entre o 8 de marzo de 2018 e o 8 de marzo de 2019, en moitas ocasións fomos citadas e se lembraron aquelas mobilizacións multitudinarias; pero os poderes públicos fixeron caso omiso de todo o que se berrou nas rúas por miles de persoas”.

“O día 8 de marzo tremeu o país enteiro: enchéronse prazas, rúas, lugares, aldeas e vilas de mulleres berrando pola erradicación do machismo e por unha vida digna; por todas as mulleres, por todos os dereitos fixemos unha verdadeira revolta feminista. Na nosa cidade  a policía local estimaba unha participación de 105.000 persoas, máis dun terzo da poboación de Vigo, sendo unha das maiores manifestacións que nunca tivo lugar nesta cidade. En proporción, estamos ante a convocatoria máis multitudinaria do estado e, seguramente, unha das primeiras do mundo”, celebran.

“Fomos só nós, as feministas activas e organizadas, as que sacamos a todas estas persoas á rúa, cun discurso e cunhas reivindicacións claras que, este ano, non imos consentir que fiquen no esquecemento”, advirten: “Orgullámonos deste día de loita, pero sabemos que temos que continuar vixiantes para que as nosas reivindicación non fiquen en declaracións de intencións e sexan recollidas e situadas no centro das medidas económicas e políticas”.

“Este 8 de marzo foi unha mostra da nosa forza e determinación para conquistar un futuro digno de ser vivido, onde todas as nosas voces son necesarias”, subliñan: “Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga”.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

Polo tanto, esixen “un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas. E que estea dotado de recursos económicos, sociais, sanitarios, xudiciais e políticos reais e eficaces. Queremos parar xa de contar asasinadas, violadas, lesionadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas. E queremos parar de contar as calumniadas, as humilladas, invisibilizadas, ridiculizadas, enmudecidas e ignoradas”.

Ademais da laboral, estudiantil e de consumo, fixeron folga de coidados o 8 de marzo “para que o coidado e o traballo doméstico sexa asumido polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas, permitan a cada persoa poder optar por asumir este traballo na medida que elixa. Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas, mentres o capital páganos con violencia”.

“Fixemos folga laboral este 8 de marzo para demandar unha reforma laboral con perspectiva de xénero que elimine realmente todo tipo de discriminacións, directas e indirectas, nas relacións laborais, que non trate como un problema a maternidade ou a crianza e que elimine a precarización que sofre o colectivo feminino”, engaden.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

“Fixemos folga de mulleres este 8 de marzo desde a nosa diversidade contra a lei de estranxeiría para visibilizar e lexitimar a diversidade identitaria, de xénero, sexual e cultural; pola despatoxización das persoas trans e intersex; contra as múltiples discriminacións das mulleres con diversidade funcional; contra a industria da trata como expresión máis extrema da cruel alianza entre patriarcado, capitalismo e colonialismo e para construír un mundo e unhas vidas xustas”, reclamaron.

“Despois deste 8 de marzo, esiximos que se nos teña en conta, se escoiten estas reivindicacións e se apliquen con recursos e vontade de cumprimento e de transformación real. Estamos moi emocionadas pola resposta social. Pero estamos tamén expectantes da resposta política que este 8 de marzo de 2019 vai ter”, selaban.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

ÚLTIMAS

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan o atropelo mortal a un home de 33 anos na AP-9 en Vigo

A Garda Civil investiga o atropelo mortal a un home de 33 anos, veciño...

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...