O Instituto de Estudos Miñoranos denuncia como tras os incendios do pasado outubro o eucalipto, especie pirófila, está a conquistar a fraga autóctona do parque forestal de Nigrán.
“A vaga de lumes do 15 de outubro de 2017 cebouse tamén no Concello de Nigrán (lembremos as dúas mortes en Chandebrito), e xa podemos ver o resultado a curto prazo. O que naquel 2007 era unha fraga rica en biodiversidade, inzada de fentos e vexetación autóctona, é hoxe un modelo de colonización por plantas oportunistas”, lamentan dende o Instituto.
Porque “o dosel arbóreo de amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea) foi substituído por unha cobertura monoespecífica a base de Eucaliptus globulus, que deixan ver ao seu pé unha alfombra verde azulada de plantóns de 1 ano de idade desta especie”.

Ademais, engaden que “nas zonas máis asolladas vemos un auténtico galimatías de especies xenófitas de toda clase. Vemos plantas de procedencia sudamericana (Helichrysum foetidum), norteamericana (Conyza canadensis, Phytolacca americana), asiática (Polygonum capitatum), ou sudafricanas, que chegaron aquí a partir de xardíns ou como compañeiras indesexadas de cultivos”.
visita ao parque forestal
O vindeiro martes 7 de agosto ás 18:30 h terá lugar a sétima xeira de verán polo concello de Nigrán, Río de Táboas, a través do novo parque forestal, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración do concello. Exerce de guía Xosé Ramón García.
O punto de encontro será na Igrexa de Camos, e haberá dous intérpretes en lingua de signos para xordos.
