Tras un avance lento durante os últimos anos, España precisa acelerar o seu ritmo de transición cara un modelo enerxético sostible marcado pola hexemonía das enerxías limpas.
Esta é unha das conclusións do primeiro Barómetro de Transición Enerxética en España, elaborado polo centro de investigación Economics for Energy, que dirixen o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o profesor da Universidad Pontificia Comillas ICAI-ICADE Pedro Linares.
Os resultados deste barómetro poñen de manifesto un grao de descarbonización inferior ao da Unión Europea, polo que consideran preciso que este proceso se acelere significativamente para acadar os obxectivos marcados para 2030 e 2050.
O novo barómetro foi presentado este xoves na sede de Funcas en Madrid, e permitirá elaborar unha análise anual sobre a evolución da descarbonización, a accesibilidade e a seguridade da enerxía para realizar o seguimento do ritmo de transición enerxética.
Segundo o barómetro, os resultados rexistrados ata 2017 evidencian a necesidade de avanzar cara o abandono dos combustibles fósiles, o que contribuiría a mellorar o avance destes tres eixes, seleccionados por seren os referentes da política enerxética europea.
Proceso de descarbonización
Polo que se refire á descarbonización, a análise do volume de emisións de gases de efecto invernadoiro desvela unha caída a partir de 2010 debido á crise económica, seguida dun incremento dende 2016 a raíz da recuperación, que devolve os valores a niveis de principios desta década.
Este retroceso no ritmo de descarbonización viuse agravado por unha redución acusada da xeración hidráulica en anos de seca –especialmente 2015 e 2017–, nos que aumentou o uso do carbón para a produción de electricidade e, en consecuencia, as emisións.
En 2017, as emisións aumentaron un 21% sobre as de 1990. Con respecto a 2005, reducíronse un 21%. Isto permitiría cumprir cos obxectivos establecidos para España en 2020, cunha redución dese 21% dos gases contaminantes para os sectores suxeitos ao Réxime de Dereitos de Emisión da UE (sectores ETS, entre os que destaca a industria e o sector eléctrico) e un 10% para os non suxeitos (sectores difusos, como o residencial ou o transporte).
Sen embargo, presenta un importante reto de cara aos obxectivos marcados para 2030: un 43% dos gases contaminantes para os sectores ETS e un 26% para os sectores difusos.
O segundo indicador analizado referido á descarbonización, relativo ás emisións en relación ao Produto Interior Bruto (PIB), desvela unha lixeira redución dende 2010, o que reflectiría unha mellora da descarbonización relativa da economía.
Non obstante, esta é inferior á experimentada no conxunto da UE, un factor que pon de manifesto a necesidade de avanzar no desacoplamento entre as emisións e o crecemento económico en España.
Repunte dos prezos e o gasto
Polo que se refire ao segundo eixo, a accesibilidade da enerxía, os indicadores analizados, tanto os prezos como a porcentaxe de gasto sobre o PIB, aumentaron entre 2010 e 2014, fundamentalmente a causa do incremento dos custes da electricidade e o gas, en particular no sector residencial.
A partir de 2014, o descenso dos prezos do petróleo –e nalgúns anos, do gas–mellorou a accesibilidade da enerxía. A redución do gasto en maior medida que dos prezos foi nesa época un bo sinal sobre a capacidade de España para diminuír a intensidade enerxética da súa economía.
Sen embargo, en 2017 tanto o gasto como os prezos volveron a subir empurrados polo custe do petróleo ata situarse por enriba dos valores rexistrados en 2010. En comparación co conxunto da UE, a evolución dos prezos mantívose en valores similares dende o inicio desta década.
Mellora na capacidade de xestionar renovables
Polo que se refire á seguridade de subministro, terceiro dos eixos, o punto positivo pono o descenso tanto da cantidade como, sobre todo, do custe das reservas eléctricas, que baixou un 60% dende 2010.
Esta boa evolución dos indicadores de seguridade física, incentivada pola redución da demanda de electricidade, mostra unha mellora na capacidade para xestionar as fontes renovables de maneira eficiente, acompañada ademais dunha diminución no custe que supón proporcionar este servizo.
En canto á seguridade económica, España segue amosando unha elevada exposición á volatilidade dos prezos internacionais dos combustibles fósiles. Tras un aumento acusado da volatilidade no referido ao gas e ao petróleo en 2014, os valores de 2017 volveron ao nivel de 2010, o que reflicte unha mellora en termos de axuste da economía.
Outro indicador avaliado neste eixe é a seguridade das importacións, que sufriu bandazos importantes pero que descendeu nos dos últimos anos ata situar o risco en valores similares –lixeiramente superiores– aos de 2010.