A Xunta e a Universidade de Vigo (UVigo) iniciaron o proceso participativo para elaborar a futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Segundo trasladou a Consellería do Medio Rural, este venres celebrouse a primeira reunión que permitiu a aplicación do convenio asinado por ambas as institucións e na que se analizaron as competencias das distintas administracións na prevención e extinción de incendios de cara á redacción da nova normativa.
O contido da nova lei dividiuse en catro bloques que se abordarán en distintas reunións e o proceso de redacción será xestionado desde unha unidade presidida polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, na que participará o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos, como secretario.
Proximamente, celebraranse tres novas reunións para abordar as actuacións preventivas, as limitacións de usos e a extinción. Así, as sesións contarán coa participación de nove representantes da Consellería do Medio Rural, 13 do Consello Forestal e 18 pertencentes a asociacións profesionais e sindicatos de traballadores do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais.
Os integrantes de cada reunión avaliarán o tema correspondente mediante unha enquisa que se distribuirá entre 203 persoas, 46 membros do Consello Forestal, 46 representantes da Consellería do Medio Rural e 111 integrantes de sindicatos e asociacións profesionais.
A partir das conclusións de cada bloque obtidas dos resultados do catro enquisas, redactarase un documento de peche que permitirá iniciar a redacción da nova Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais. Deste xeito, prevese dispor dun texto articulado mediante o consenso no primeiro semestre de 2021.
RECUPERACIÓN DO ECOSISTEMA
Por outra banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou este venres nos municipios ourensáns de Lobios e Verín os traballos que levan a cabo para recuperar de forma integral o ecosistema afectado polos incendios forestais do pasado mes de setembro.
Así, actúase en máis de 200 hectáreas de distintas áreas dos municipios de Lobios e Verín, así como de Monterrei, Cualedro, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Manzaneda.
José González detallou que a maior parte das hectáreas que serán tratadas (82) sitúanse en Vilariño de Conso dados os efectos do lume iniciado en setembro na súa parroquia de Sabuguido. Tamén se actúa en 81 hectáreas localizadas en Lobios debido ao incendio que comezou en Río Caldo no mesmo mes.
O conselleiro precisou que en ambas as zonas e as parroquias de Cernado (Manzaneda) e de Rebordechao (Vilar de Barrio) crearase unha cuberta protectora do chan para evitar a erosión. Estes traballos levan a cabo cun helicóptero nas zonas de máis pendente e de modo manual nas áreas accesibles.
O responsable autonómico de Medio Rural tamén indicou que se iniciaron os labores manuais de recuperación nas parroquias de San Millao e Montes de Cualedro e a de Queirugás de Verín.