A maragota é un peixe bentónico hermafrodita e sedentario, distribuído ao longo das costas do nordés do Océano Atlántico e o Mar Mediterráneo que habita en arrecifes rochosos e leitos de algas mariñas a profundidades de até uns 60 metros, onde se alimenta principalmente de pequenos invertebrados. Trátase dun peixe de longa duración, que pode vivir uns 30 anos.
Durante a tempada de desova, os machos defenden territorios, que adoitan ser moi pequenos –de 2 a 300 metros cadrados– e consisten nunha ou máis rochas próximas. Dentro das áreas defendidas polos machos, as femias limpan as superficies rochosas alimentándose de algas. Daquela os machos cortexan as femias que posteriormente poñen os ovos na superficie limpa. Despois da liberación do ovo e a fertilización por parte do macho, as femias abandonan a área e os machos seguen patrullando o territorio e brindan un coidado parental moi activo para os ovos, principalmente afastando posibles depredadores. Con todo, descoñécíase se os machos defenden activamente os seus territorios despois da tempada de desova ou se defenden o mesmo territorio ano tras ano.
Científicos veñen de publicar un estudo no que, mediante documentos visuais, recoñecen na maragota un dos casos máis radicais de fidelidade espacial que se coñecen, mantida ademais durante moitos años.
Para iso aplicaron un método de fotoidentificación, analizando fotos e vídeos de exemplares de maragota tomados durante 15 anos, o que lles permitiu avaliar a fidelidade desta especie a un sitio a longo prazo, en augas galegas. En total, obtiveron 150 imaxes de individuos en inmersións realizadas entre 1997 e 2013, en catro sitios diferentes da ría de Vigo.
En todos os casos, as rochas onde se observaron individuos abarcaban unha área duns 3 x 3 metros. Os investigadores entenden, en base aos resultados obtidos, que existe unha forte fidelidade da maragota aos territorios reprodutivos.
Máis detalladamente, comprenderon que os machos desta especie, na época de reprodución, se fan fortes nunha zona moi pequena, da que non se moven durante meses e onde tentan atraer femias que depositen os seus ovos, para logo fertilizalos. Pero o máis curioso, e o que representa a aportación substancial deste traballo aos estudos sobre esta especie, é que ano tras ano os machos seleccionan as mesmas rochas para a súa actividade reprodutiva. Este comportamento, dunha fidelidade extrema a unha escala tan pequena como pode ser unha única rocha, fai desta especie un caso singular entre as especies mariñas e dun grande interese para a investigación científica.
Os autores do traballo salientan que non houbo observacións negativas, o que significa que cada vez que se visitaron os sitios, os exemplares de maragota estaban presentes nas zonas de desova.
O traballo, din, confirma que o macho de maragota mostra unha fidelidade espacial, a unha soa rocha ou a un pequeno grupo de rochas, especialmente durante a tempada de desova.
O valor deste estudo radica en que proporciona unha das indicacións máis sólidas para a fidelidade extrema a longo prazo en sitios de escala moi fina en peixes mariños, defenden os autores do traballo.
Os resultados tamén suxiren que mesmo as reservas mariñas moi pequenas poden ser útiles para protexer a maragota. Neste sentido, destacan que a protección dos machos é especialmente importante nas especies de hermafroditas de longa vida, xa que os machos, que son os individuos máis grandes, son o obxectivo principal dos pescadores.
Isto significa que as proporcións de exemplares por sexo poden estar nesgadas a favor das femias, o que pode causar limitación de esperma a curto prazo e, polo tanto, producir cambios evolutivos ou adaptativos no tempo (tamaño e idade) do cambio de sexo que resultan en poboacións menos produtivas e menos valiosas, segundo os expertos.
Ata onde coñecen os autores da investigación, esta é a primeira vez que se aplica o método de fotoidentifación para esta especie, o cal pode ser útil como técnica non invasiva e efectiva para monitorear as poboacións da maragota no medio natural.
Os resultados do estudo veñen de publicarse nun artigo titulado ‘Interannual fine-scale site fidelity of male ballan wrasse Labrus bergylta revealed by photo-identification and tagging’, publicado na revista científica Journal of Fish Biology, e está asinado polos biólogos do grupo galego Ecoloxía Azul Gonzalo Mucientes, José Irisarri e David Villegas Ríos.
CARACTERÍSTICAS
A maragota é o lábrido máis grande: os machos alcanzan os 60 centímetros de lonxitude e os 2-3 quilos de peso, e as femias, máis pequenas, alcanzan os 40 centímetros. É de corpo oblongo, forte e robusto, cunha gran cabeza, fuciño longo e boca con beizos grosos e carnosos e mandíbula con dentes moi fortes. As súas escamas son grandes e duras e a cor varía dependendo da idade, madurez, “estado emocional” e lugar onde habita. Polo xeral, é marrón encarnado ou pardo verdoso, con numerosas pintas de pequeno tamaño.