Este xoves comezou a gran talla de árbores posterior ao comezo das obras na Gran Vía de Vigo. O plan de transformación desta arteria da cidade comprende a instalación de ramplas mecánicas dende a rúa María Verdiales ata o Corte Inglés, un biombo transparente e diferentes elementos decorativos. Tense previsto tallar 41 castiñeiros de indias e 13 tileiros, mentres que se transplantarán 45 camelias e 29 laranxeiras, que se prevé que volvan ao seu lugar unha vez rematadas as obras.
Antón Lois, voceiro da asociación ecoloxista Amigos da Terra explica que fundamentalmente as árbores cortadas “non afectaban á obra, porque a rampla mecánica soamente irá polo centro”. Nas causas do comportamento do alcalde de Vigo, Abel Caballero, Lois soamente atopa un motivo no rexedor a nivel persoal: “Isto é un empecinamento do alcalde, non podo atopar outra explicación”.
Considera que o argumento de Caballero de que as árbores están enfermas e que, polo tanto, existe risco de caída non se sostén: “É cientificamente imposible que todos as árbores do centro do bulevar estean sas os dos laterais para tallar, o que di é mentira. Ademais, nos tocos das árbores poden verse que se ben non estaban nunhas condicións ideais por mor de vivir nun entorno urbano, non estaban nin moito menos para caer”.
Con Lois coincide en opinión unha das persoas que estaban traballando cortando as árbores. “En absoluto hai risco e non están mal, se teñen algún problema é pola súa contorna e porque as persoas que os podan non son profesionais, o cal fai que co tempo as árbores véxanse prexudicadas”.
Relacionado con este punto, o voceiro de Amigos da Terra considera que se algunhas árbores están enfermas é porque non reciben ningún tipo de tratamento preventivo. “As árbores de Vigo están nas peores condicións posibles para a súa supervivencia”. Lois exemplifica dun xeito enigmático facendo un símil co ser humano: “Se si tes unha fractura aberta nunha perna e non a tratas, o normal será que cha teñan que amputar”.
AS ÁRBORES TRANSPLANTADAS NON SOBREVIVIRÁN
Lois considera que é moi complicado que as camelias e laranxeiras que serán transplantadas ao parque de Castrelos teñen moi complicada a súa supervivencia aínda que matiza “que calquera é mellor opción para a motoserra”. Para o experto, esta é a peor parte do ano para facer este tipo de accións “porque é a estación onde están máis débiles”.
Castrelos soamente é un destino provisional e as árbores devolveranse ao seu destino. “Isto é un dobre problema porque as árbores non están feitas para ilas movendo, non son itinerantes. Ademais, vendo como son os prazos da obra, parece que o segundo transplante volverá a ser ao redor destas mesmas datas”. Por conseguinte, ironiza co seu futuro: “As que sobrevivan deberían ser premiadas coa medalla de Vigués distinguido”.
Tamén é moi crítico co xeito de proceder do rexedor olívico e denuncia “a súa falta de criterio”, porque segundo o voceiro de Amigos da Terra “dependendo da rúa que toque quita as árbores ou non”. Para el, isto constitúe un asunto “moi grave” pola tendencia que hai de eliminar árbores de gran tamaño e substituílos por outros de menor envergadura: “Non é o mesmo ter un castiñeiro que un xeranio, a perda de masa forestal é dramática”.
POBOACIÓN DIVIDIDA
Os vigueses están divididos respecto á talla de árbores na Gran Vía. Por unha banda, estes días apareceron mensaxes nos troncos das árbores condenadas onde se puñan ler consignas como “non me tales”, “unha sociedade culta protexe as árbores” ou “son vida para todos”. No mesmo senso, Lois considera que “se unha sociedade maioritariamente está a favor de tallar árbores, é unha sociedade enferma”.
Pola contra, hai cidadáns que están a favor da iniciativa. A veciña Carmen Otero considera que “a rampla é un elemento positivo porque axuda a que todo o mundo poda circular mellor” e que aínda que non considera que morran as árbores unha solución ideal, “é un mal menor”. Ademais, mantén que “toda mellora que elimine as costas dentro dunha cidade como Vigo non se debe criticar”.
EUROPA
A concelleira de Marea de Vigo Oriana Méndez afirma que a súa formación rematará con este asunto en Europa porque considera que non se está a facer unha praxe adecuada dos fondos que se están a usar para a obra: “Isto está sufragado con fondos EDUSI, destinados a proxectos que melloran a mobilidade dentro das cidades, pero e que tamén teñen un conta a sustentabilidade e pór unha cinta mecánica cunha gran pegada medioambiental e tallar árbores non compren as súas esixencias”.
Ademais, afirma que tamén se van pedir o plan de circulación para os oito meses que durará a obra porque teñen “moitas dúbidas de que estea realmente premeditado e non soamente sexa froito da improvisación”. Neste senso, Méndez tamén fai referencia aos catro intentos que de cortar a Gran Vía, que considera “incomprensibles”.