A Asociación Forestal de Galicia (AFG) subscribiu un Convenio de colaboración coa compañía de seguros Helvetia para impulsar a restauración de dous montes veciñais en man común afectados pola vaga de lumes de outono do 2017. Son o monte veciñal de Couso, en Ponteareas, e o monte veciñal de Paradela de Bemil, en Caldas de Reis.
O obxectivo dos traballos en ambos os montes será aumentar a resiliencia do monte contra incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias cunha función protectora e de aumento da biodiversidade e de valores ecolóxicos do monte. “As novas masas de frondosas crearán áreas de descontinuidade nas zonas arboradas orientadas á produción, creando así unha mellor estrutura de prevención no caso de novos incendios forestais e favorecendo a recuperación de vexetación autóctona a partir da plantación de especies como carballos, castiñeiros, freixos, abelairas ou bidueiros”, apunta a AFG nun comunicado.
A restauración nos dous montes será dirixida polo equipo técnico da AFG no marco do seu programa de apoio ás comunidades afectadas por incendios forestais, traballando en colaboración coas comunidades de montes. Trátase de operacións ambientais delicadas nas que hai que actuar con precisión para conseguir unha restauración adecuada do ecosistema.
ACTUACIÓNS
Os traballos céntranse en dous montes veciñais que se viron seriamente afectados nos incendios forestais no outono do 2017. Desde entón, tanto a comunidade de montes de Couso (Ponteareas) como a de Bemil (Caldas) desenvolveron distintas accións na medida das súas posibilidades, como a curta e saca de madeira queimada e labores de prevención da erosión e de rexeneración do monte.
En Couso (Ponteareas), elixiuse como núcleo da actuación unha pequena área recreativa de media hectárea conformada por frondosas. Esta área foi case a única que resistiu o incendio de outono do 2017, que arrasou a maior parte da superficie do monte veciñal.