InicioMedio Ambiente e PatrimonioLea entre palangreiros da Guarda e activistas de Greenpeace pola sobrepesca de...

Lea entre palangreiros da Guarda e activistas de Greenpeace pola sobrepesca de quenllas

Os ecoloxistas publican imaxes nas que se ve como se achegaron ao buque galego 'Ameal' mentres capturaba tiburóns.

PUBLICADO O

A Organización de Palangreiros da Guarda (Orpagu) denunciou este xoves a “fustrigación” da ONG Greenpeace a un dos seus barcos, despois de que esta fixese públicas unhas imaxes do buque, en augas próximas a Azores, capturando quenllas.

Fontes de Orpagu explicaron que as imaxes foron tomadas este mércores en augas internacionais por parte de activistas de Greenpeace, no marco dunha campaña de denuncia contra a sobrepesca de quenllas, pero advertiu de que o palangreiro que sae nelas, o ‘Ameal’, faena baixo bandeira e con licenza, e cumpre todos os requirimentos legais.

Por iso, consideran que o uso das gravacións do barco, nunha campaña acerca da sobreexplotación desta especie dana a imaxe deste e outros palangreiros de Orpagu, unha organización que “destacou desde a súa constitución polo seu traballo a favor da sustentabilidade do recurso e do medio, cumprindo sempre de forma escrupulosa con todas as normas que rexen as pesqueiras”.

Segundo estas fontes, membros de Greenpeace aproximáronse ao ‘Ameal’ cando o barco estaba a faenar e tomaron imaxes para denunciar unha suposta sobrepesca de quenlla, “sen subir a bordo para comprobalo” e sen tomar outras medidas para asegurarse.

“TRABALLO TOTALMENTE RESPECTUOSO CO MEDIO”

Así mesmo, Orpagu lembrou que, xunto a outras organizacións, puxo en marcha o primeiro Proxecto de Mellora Pesqueira do mundo, “que inclúe a quenlla, ademais do peixe espada”, e que foi seleccionada pola FAO como “organización exemplar” para colaborar nunha guía sobre responsabilidade social na pesca.

“A nosa participación como convidados en foros e xornadas de pesca en todo o mundo non é froito da casualidade, senón dun traballo ben feito, totalmente respectuoso co medio”, proclamou, e esixiu a Greenpeace: “Que deixe de hostigar os nosos barcos e que poña o foco sobre as embarcacións que realmente practican pesca ilegal”.

VERSIÓN DE GREENPEACE

Pola súa banda, a coordinadora de Biodiversidade de Greenpeace, Pilar Marcos, explicou que a toma desas imaxes forma parte dunha campaña da organización, e que foi “un acto pacífico” co que se pretende “chamar a atención de Nacións Unidas pola ausencia de gobernación nos mares”.

Así, lembrou que non hai regulación específica para a captura de quenllas no Atlántico, unha especie “que non ten cota” e, aínda que admite que a súa captura “é legal”, precisou que “é inmoral”, precisamente por esa falta de regulación.

A ese respecto, indicou que os propios científicos da ICCAT (a comisión intergobernamental que vela pola conservación do atún no Atlántico Norte, e que permite a captura de especies como a quenlla) recoñecen que “habería que reducir a cero as capturas” para posibilitar a recuperación desta especie, que algunhas organizacións ecoloxistas sitúan “ao bordo do colapso”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...