InicioMedio Ambiente e PatrimonioAugas de Galicia acusa a Caballero de “terxiversar” as perdas de auga...

Augas de Galicia acusa a Caballero de “terxiversar” as perdas de auga de Vigo e cuestiona o seu modelo de xestión

Roi Fernández sostén que o Concello admite no seu propio plan de seca que non conseguiu baixar do 20 % de perdas na rede, critica que reclame un novo encoro sen reducir antes as fugas e defende avanzar cara a unha xestión mancomunada da auga.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, compareceu este mércores no Parlamento galego para explicar as principais liñas de actuación do organismo e as axudas destinadas aos concellos, unha intervención na que dedicou boa parte das súas referencias á situación do abastecemento de Vigo e á xestión do alcalde, Abel Caballero. Fernández acusou o rexedor vigués de “terxiversar” os datos sobre as perdas de auga nas redes municipais e puxo en cuestión algunhas das propostas formuladas desde o Concello para garantir o abastecemento da cidade.

Segundo explicou, o propio Concello de Vigo recoñece no seu Plan Municipal de Emerxencias e Risco de Secas, nun documento de 2024, que, malia os esforzos realizados, non conseguiu reducir as perdas da rede por baixo do 20 %, límite máximo ao que aludiu o responsable autonómico. Fronte a ese dato, Fernández reprochou a Caballero que asegure publicamente que as fugas da rede viguesa apenas superan o 6 %.

CRÍTICAS Á PETICIÓN DUN NOVO ENCORO

O director de Augas de Galicia censurou tamén que o alcalde reclame medidas como a redución do caudal ecolóxico no encoro de Eiras ou a construción dunha nova presa sen, ao seu xuízo, ter aplicado previamente medidas suficientes para diminuír as perdas da rede. Fernández incidiu en que a construción de novos encoros debe ser o último recurso, de acordo, segundo indicou, co criterio dos expertos e coa normativa europea.

Ademais, lembrou que un estudo cofinanciado polo Concello de Vigo, o Goberno central e a Xunta concluíu que os encoros de Eiras e Zamáns non presentan actualmente problemas de regulación para atender a demanda existente. Neste contexto, cuestionou que se poña o foco na necesidade de incrementar os recursos dispoñibles sen actuar primeiro sobre a eficiencia da propia rede municipal.

“RENUNCIOU” A 6,5 MILLÓNS PARA SÁRDOMA

Fernández recuperou tamén outras discrepancias entre Augas de Galicia e o goberno municipal vigués. Segundo afirmou, Caballero, “o señor que di que non se inviste en Vigo”, renunciou hai dous anos a un investimento de 6,5 millóns de euros que Augas de Galicia tiña previsto destinar a actuacións en Sárdoma. O responsable autonómico asegurou tamén que, hai aproximadamente seis meses, o organismo remitiu aos grandes concellos galegos información para reactivar as denominadas áreas de inundación controlada. Segundo a súa versión, Vigo foi o único dos grandes municipios que non respondeu á comunicación.

AUGAS DE GALICIA CUESTIONA O MODELO CONCESIONAL

A comparecencia serviu tamén para que Fernández puxese en cuestión o sistema concesional empregado en municipios como Vigo ou Pontevedra para prestar o servizo de abastecemento. Ao seu xuízo, é necesario avanzar cara a modelos de xestión mancomunada, especialmente cando unha mesma infraestrutura fornece auga a varios concellos. Fernández advertiu de que o actual sistema pode provocar situacións que cualificou de “raras”, nas que unha concesionaria cobra polo servizo prestado a usuarios de diferentes municipios pero as melloras previstas no contrato acaban revertendo unicamente no concello titular da concesión.

“É anacrónico que un concello patrimonialice” un recurso básico como a auga para posteriormente vendelo aos municipios da súa contorna, afirmou. O director de Augas de Galicia insistiu en que un servizo esencial destas características debería articularse cunha visión supramunicipal. “Que un alcalde teña que ir ao despacho doutro a pedir auga non ten sentido”, resumiu.

O PSDEG ACUSA Á XUNTA DE UTILIZAR O PARLAMENTO PARA “CONFRONTAR”

As críticas a Caballero provocaron a resposta do representante do PSdeG na comisión, Aitor Bouza, que acusou o director de Augas de Galicia de acudir ao Parlamento para “confrontar” co alcalde de Vigo. Bouza lembrou que Caballero conta co apoio maioritario dos cidadáns vigueses e subliñou que estes “tamén son galegos”. Desde o PPdeG, pola contra, Gonzalo Trenor sumouse ás críticas formuladas polo responsable de Augas de Galicia. O deputado popular acusou o rexedor vigués de “non facer nada” nos últimos anos para mellorar o sistema de abastecemento e asegurou que se desviaron recursos vinculados ao servizo cara a outras actuacións municipais.

Trenor cualificou a política de Caballero nesta materia como “un exemplo de xestión neglixente” e reprochoulle que priorice a confrontación política. “Gústalle subir aos escenarios, descualificar… pero debería xestionar o seu e non marear”, concluíu. A comparecencia deixou así unha nova confrontación entre a Xunta e o Concello de Vigo arredor dunha cuestión que leva anos xerando discrepancias entre ambas as administracións: quen debe asumir as actuacións necesarias para garantir o abastecemento futuro e ata que punto o problema está na dispoñibilidade de auga ou na eficiencia da rede que a distribúe.

VIGO ACUSA Á XUNTA DE “AGARDAR A QUE CHOVA” E RECLAMA O SEGUNDO ENCORO

O goberno municipal de Vigo reiterou este mércores as súas críticas á Xunta de Galicia pola súa xestión do abastecemento de auga na área metropolitana e acusouna de ter unha “nula capacidade” para afrontar os problemas existentes. O executivo local denuncia ademais que a Administración autonómica cobra o canon da auga na cidade sen reinvestir eses recursos e censura que non queira acometer a construción dun segundo encoro que, segundo sostén, xa fora pactado entre as administracións.

A resposta chega despois das críticas formuladas polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, á xestión viguesa do abastecemento e ás perdas de auga existentes nas redes municipais. O organismo autonómico sostén que a propia documentación municipal sitúa esas perdas por riba do 20 %, unha cifra que o goberno de Abel Caballero rexeita frontalmente. “Vigo só rexistra un 6,3 % de perdas nas súas conducións, o que a sitúa como a cidade coa menor porcentaxe de perdas de Galicia e unha das máis baixas de España, como ben sabe a Xunta de Galicia”, afirman fontes municipais nun comunicado.

O Concello tamén acusa o Goberno galego de non colaborar en infraestruturas fundamentais para o ciclo da auga. Segundo o executivo local, a Xunta “non cooperou” na construción da nova potabilizadora nin na depuradora, unha infraestrutura coa que asegura que mesmo “fixo negocio”. O goberno vigués cifra en seis millóns de euros anuais a cantidade que Augas de Galicia recibe da cidade a través do canon e denuncia que eses recursos non se traducen en investimentos para Vigo. Segundo sostén, a Administración autonómica non lle devolve á cidade “nin un só euro”.

“A Xunta volve dar mostra da súa nula capacidade para afrontar os grandes problemas da área de Vigo. A súa medida para paliar o problema da auga é agardar a que chova”, censura o goberno municipal. A confrontación entre ambas as administracións céntrase tamén nas solucións a medio e longo prazo para garantir o abastecemento da cidade e da súa contorna. O executivo de Caballero acusa a Xunta de aprazar ata 2070 actuacións que considera “absolutamente perentorias”, entre elas a construción dunha nova presa no río Oitavén.

Segundo o Concello, esta infraestrutura xa fora pactada entre o Goberno de España, a Xunta e o propio Concello de Vigo, polo que responsabiliza o Executivo autonómico do PP de non querer asumir agora o proxecto. O novo cruzamento de acusacións prolonga así o enfrontamento entre Vigo e Augas de Galicia sobre a situación do abastecemento, cunha forte discrepancia tanto sobre a porcentaxe real de auga que se perde nas redes municipais como sobre quen debe asumir os investimentos necesarios para garantir o subministro no futuro.

ÚLTIMAS

Abel Caballero xa pon data ao Nadal de Vigo: 12 millóns de luces, 500 rúas iluminadas e novidades para o gran acendido do 14...

Vigo xa ten data para un dos momentos máis agardados do seu calendario festivo:...

O BNG de Vigo pide a Caballero que esixa á Xunta a suspensión dos PIA do Ofimático e Santa Cristina

O BNG de Vigo pediu ao alcalde, Abel Caballero, que esixa á Xunta de...

Caballero denuncia que a Xunta pida agora máis documentación para utilizar auga rexenerada

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que a Xunta pida agora máis documentación...

Multas de 200 euros nas zonas de baixas emisións de Vigo? O PP esixe a Caballero que aclare se cumprirá a súa promesa

A implantación das zonas de baixas emisións en Vigo volve abrir un debate sobre...