InicioMedio Ambiente e PatrimonioO porto de Vigo pon a proba un campamento infantil para facilitar...

O porto de Vigo pon a proba un campamento infantil para facilitar a conciliación das familias da pesca

A iniciativa, impulsada por ANMUPESCA coa colaboración da Autoridade Portuaria e FUNDAMAR, reúne durante unha semana a 20 menores de entre 3 e 12 anos

PUBLICADO O

- Advertisement -

As instalacións do porto pesqueiro de Vigo acollen dende este luns e ata o venres unha experiencia piloto destinada a facilitar a conciliación das familias que traballan arredor do sector marítimo-pesqueiro. Trátase dun campamento de verán promovido pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo e FUNDAMAR.

A proposta nace coa intención de responder ás dificultades que poden atopar os profesionais do sector para compatibilizar os seus horarios laborais co coidado dos menores durante as vacacións escolares. Ao mesmo tempo, servirá para analizar o funcionamento deste tipo de servizos e estudar a súa posible implantación futura noutros portos do Estado.

Nesta primeira edición participan 20 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, cun horario comprendido entre as 8.00 e as 15.30 horas. Segundo explicaron fontes da Autoridade Portuaria, o programa busca ofrecerlles “unha inmersión directa no día a día e o patrimonio do porto a través dun programa de actividades adaptado”.

O campamento combina as actividades de lecer cun achegamento ao funcionamento dunha das principais infraestruturas pesqueiras de Galicia. Entre as propostas inclúense visitas guiadas polo porto pesqueiro, nas que os participantes poden coñecer como se desenvolve a actividade diaria, dende a chegada das capturas ata a poxa e os procesos posteriores de comercialización.

Tamén están previstos obradoiros prácticos sobre os produtos procedentes das rías galegas, cos que a organización pretende achegar aos menores tanto os recursos mariños como os distintos traballos vinculados á cadea pesqueira.

A programación presta igualmente atención aos oficios tradicionais e actuais do porto, co obxectivo de explicar ás novas xeracións a diversidade profesional que existe arredor da actividade marítima e pesqueira.

Outro dos eixos do campamento é a educación ambiental. Os menores participan en xogos e dinámicas didácticas relacionadas coa protección do ecosistema mariño e co coñecemento do espazo portuario e industrial que rodea a terminal viguesa.

ÚLTIMAS

A irmá de Humberto Baena pide a Caballero unha homenaxe oficial en Vigo

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados pola ditadura...

A Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte das bases das festas do Cristo: outro ano sen atraccións

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra estimou parcialmente un recurso interposto pola...

Prisión para un home que ameazou cunha arma a unha muller e aos seus fillos na área de Vigo

A Garda Civil detivo na área de Vigo un home de 43 anos por...

Tres feridos leves nun accidente na Gran Vía de Vigo que terminou cun coche envorcado

Tres persoas sufriron feridas leves na noite deste domingo despois dun accidente entre dous...