Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña do colectivo Sons da Calzoa, para que deixe de ser a praia para cans na cidade. Desde que a medida se aprobou, as aves protexidas e as nutrias perderon un ecosistema crave para a súa supervivencia.
Sete anos de excrementos por todas as partes, conflitos entre bañistas e propietarios de cans e o adeus a un conxunto de aves protexidas e as lontras. O detonante deste via crucis que parece non ter fin tivo lugar en 2018. Ese ano, o Concello de Vigo designou a praia da Calzoa como espazo de esparexemento canino. A diferenza doutras praias onde a convivencia está regulada, este enclave funciona como un parque canino sen horarios nin control, onde os cans ouriñan, defecan e corren libremente. Desde entón, os danos ecolóxicos sucedéronse sen freo e a situación é insustentable.
ZOA, CIUDADADANÍA e BIODIVERSIDADE, asociación representante do colectivo e que actúa como ponte entre a cidadanía e a comunidade científica, leva advertindo da deterioración crecente da contorna desde esa fatídica data. O seu manifesto en defensa da Calzoa, asinado por máis de 50 asociacións conservacionistas e 15 científicos, recalca a urxencia de recuperar este espazo natural como ben común.
Nesta campaña participan Vlado Gudelj (lenda do RC Celta e actual delegado do club), Abraham Cupeiro (músico que participou na banda sonora de Gladiator II), outros músicos como Anxo Lorenzo e o dúo musical Fillas de Cassandra, os naturalistas Mark Cocker e Joaquín Araújo e o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. “Esta xoia natural de Vigo foi transformada nun deserto de biodiversidade e nun punto de máxima conflitividade debido a unha pésima xestión municipa”, explica Ana Prado Comesaña, bióloga e presidenta de ZOA.
CONFLICTOS
A contorna da Calzoa constitúe un dos espazos naturais máis singulares e valiosos do municipio de Vigo. Alí desemboca o río Lagares, o máis importante da cidade, xerando unha marisma na zona da Xunqueira que conecta coa praia mediante un estuario. Este enclave acolle ao longo do ano máis dun centenar de especies de aves diferentes: tanto sedentarias como migratorias, que o utilizan como escala para alimentarse e descansar durante as súas longas travesías.
Por iso, a designación como praia canina afectou a estas aves e tamén a especies non ornitolóxicas. En particular, destaca a lontra (Lutra lutra), un mamífero catalogado como especie de interese comunitario pola Directiva de Hábitats, que esixe medidas estritas de protección e a designación de Zonas Especiais para a súa conservación. Ana Prado asegura que este animal adoitaba remontar o Lagares desde o mar até ben entrado o río, pero a súa presenza diminuíu considerablemente desde 2018 e está en caída libre.
Neste sentido, en 2017, un censo da Asociación Fontaíña contabilizou 453 aves acuáticas en poucas horas. Un ano despois, apenas se avistaron exemplares. “A causa: a continua persecución por parte dos cans soltos e a desaparición das zonas de alimentación fundamentais para estes animais”, critica. A isto súmanse incidentes graves con algúns donos de cans. En 2020, un veciño de 72 anos foi agredido por varios propietarios tras fotografar cans fóra da zona permitida e en 2023, un pitbull atacou a unha cadeliña de tres quilos.

UNHA DUNA EN PERIGO
Xunto ao valor faunístico, A Calzoa posúe un sistema dunar catalogado como Hábitat Natural de Interese Comunitario: as ‘Dunas móbiles da costa con Ammophila arenaria¡. Este ecosistema, xa ameazado na súa área de distribución natural, foi seriamente danado polo uso mecánico para a limpeza do areal.
En 2020, unha petición impulsada por Sons da Calzoa e apoiada por 50 colectivos e científicos foi remitida á Comisión Europea. En 2021, Bruxelas respondeu e advertiu que a decisión do Concello ten “efectos prexudiciais” sobre a contorna natural. Subliñou os riscos para aves e lontras, instando a cumprir as Directivas de Hábitats e Aves, que esixen protección fronte a perturbacións e destrución de zonas de cría. A pesar diso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou en 2021 o recurso que cuestionaba a designación.
A Calzoa non é un caso illado. Numerosas praias españolas foron excluídas do uso canino tras constatarse a deterioración ambiental. Lagoelas (Cangas do Morrazo, Pontevedra) perdeu a súa condición canina tras advertencias da Xunta por excrementos e afeccións á vexetación dunar. Na praia da desembocadura do río Guadalhorce (Málaga), esta medida foi rexeitada por ser “incompatible coa conservación do ecosistema”. Outras praias como A Morocha (Estepona), Praia do Sal (Casares), El Ejido (Mijas) ou Sablón (Asturias) tamén viron anuladas as súas designacións tras informes desfavorables ou protestas de grupos ecoloxistas.