O Xulgado do Penal número un de Vigo condenou ao presidente da Comunidade de Montes Santa Mariña de Cabral, Luis Rodríguez, e outras dúas persoas a penas de tres meses de prisión, tres meses de inhabilitación especial para actividades ligadas á construción ou á promoción inmobiliaria e multa de 540 euro para cada un, pola comisión dun delito contra a ordenación do territorio derivado do levantamento dun galpón no ámbito do plan de rexeneración do corredor natural do río Lagares.
O xuízo por este caso fora suspendido en dúas ocasións o pasado outono. Finalmente a sentenza resultou de conformidade, despois de que os imputados asumiran a súa responsabilidade nos feitos. O caso remóntase ao ano 2014, cando se iniciaron as obras de edificación do galpón. Tras unha denuncia veciñal, a Policía Local notificou aos promotores que debían parar, pois non contaban con licenza algunha. Non houbo máis movementos ata o ano 2016, cando unha inspección municipal constatou no mes de abril que se estaban a construír as paredes. Entre aquela data e o verán de 2017 rematouse o galpón, que quedou unido a outra edificación preexistente a través da nova cuberta.
Como as obras realizáronse sen ningún tipo de licenza, o Concello de Vigo incoou o preceptivo expediente, que remitiu despois á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Este organismo autonómico concluíu que as obras eran ilegais e ordenou a súa demolición. A sentenza tivo en conta que os acusados efectivamente derrubaron a construción antes do xuízo. O cumprimento da condena quedou condicionado a que os imputados non delincan nun período de dous anos.
Para a Plataforma Galega de Afectados polas Comunidades de Montes, esta resolución xudicial é consecuencia dun xeito de proceder neglixente e claramente irrespectuoso coas normas, algo lamentablemente característico da actual xunta directiva da Comunidade de Montes de Cabral e especificamente do seu presidente. Neste sentido, a Plataforma lembra que Rodríguez non só está inmerso en numerosos procesos pola propiedade de naves industriais ou parcelas privadas promovidos pola entidade comunal, senón que ten aberto algún procedemento pola vía penal, como o caso que se está a investigar por un presunto delito contra o medio ambiente en relación a unhas obras executadas moi preto do nacemento do Lagares, unha actuación que xa provocou unha multa de case cen mil euros á Comunidade de Montes de Cabral por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.