InicioMedio Ambiente e PatrimonioA riqueza dos montes galegos: O Monte Madroa, un centro educativo e...

A riqueza dos montes galegos: O Monte Madroa, un centro educativo e un exemplo de rexeneración

A Comunidade de Montes de Teis creouse no 1998 despois do impacto da creación da AP-9 ao seu paso por este barrio

PUBLICADO O

- Advertisement -

“É un monte onde queremos fomentar o valor dos escosistemas, da biodiversidade e dunha calidade excepcional medioambientalmente, que sirva de centro educativo e de referencia como bosque autóctono galego”, manifesta Eduardo García Crespo, presidente da Comunidade de Montes veciñal e mancomún de Teis, na que leva 16 anos. Considera importante contar como se creou. Foi no 1998, despois dun “grave conflicto social” pola creación da autoestrada AP-9 ao seu paso por Teis: “Sufrimos un atentado medioambiental no barrio”. Como asociación recoñece que se loitou para conseguir a creación dun falso túnel e que esa loita foi “a desacreditación do sistema do Estado para crear un ben social e público, onde primaban os intereses económicos”.

A partir deste conflicto, constitúese esa asociación como Comunidade de Montes e estutariamente figura que “ten que ser de conservación”. Máis aló dese conflicto con “Audasa e o Ministerio de Transportes”, o Monte Madroa era un monte periurbano no que se fixeron “moitas experiencias con especies alóctonas” como a acacia negra. “Foi unha experiencia nefasta, plantouse no 1976 pola administración e deixouse abandonada á súa sorte e non deu ningún tipo de recurso”. Isto xerou un prexuízo para o futuro, para eses comuneiros e comuneiras que se atoparon cun monte cheo maiormente dunha especie invasora e “algún tipo de piñeiro pola repoboación dos anos 60 ou 70”. Hoxe traballan para que este Monte Madroa sexa “referente a nivel medioambiental”. 

“NON PLANTAMOS PARA CORTAR”

Esta Comunidade de Montes, a diferenza de outras como a de Couso, estaturiamente teñen establecido que este era un monte que se “plantaba para non talar”. Así, supoñía un proceso para xerar un bosque, que este se rexenerase só e que fora de calidade medioambiental. “Isto fai anos era impensable, o monte evolucionou a favor de certas proteccións e certos recursos e ninguén pensaba que, sendo veciñal e mancomún, puidera ter este tipo de finalidade”, comenta Eduardo. 

Reivindica, entre os beneficios, a importancia de que dentro da conservación do monte, que este fose un centro de ensino e de educación para vindeiras xeracións. Estiveron traballando con escolas e institutos de Teis, contan cunha axenda botánica para ensinar ás crianzas: “Queremos facer ver que o primeiro paso é plantar unha serie de especies autóctonas, pero logo é a propia natureza a que se encarga de que esa rexeneración vaia acompañada da parte de fauna e flora”. 

Desde o inicio traballaron para recuperar o monte “con poucos recursos” e apoiándose “case sempre en entidades privadas con proxectos vinculantes”. Por exemplo, a plantación de soutos de castiñeiros nunha hectárea coa colaboración de Greenpeace; coa colaboración da antiga Fundación La Caixa, puideron levar a cabo a recuperación da vacaloura e de regatos, onde tamén se recuperou a vexetación e un anfibibio “moi singular do noroeste penínsular, a pintega rabilonga”. Hoxe estes son proxectos consolidados, teñen vacaloura no monte e recuperouse o curso do regato nunhas “condicións medioambientais saudables”. 

“Nós o que plantamos é para non cortar, non plantamos especies forestalistas, plantamos especies que dentro dun futuro, comuneiros e comuneiras, poderán decidir se sacar madeira por ter valor especial”, reitera neste sentido xa que actualmente están neste proceso de rexeneración e, indica, “non plantamos para cortar”. Só se corta aquelo da “antiga icona, como algún piñeiro ou algún tipo de acacia polo seu porte”. En termos de productividade, o presidente afirma: “Os ingresos en realidade non cobren 25% das inversións que se fan nese espazo”. Sobre isto aporta outro dato, para recuperar unha hectárea do monte, calquera comunidade de montes sen o problema da acacia, cortaría, plantaría e esqueceríase. “Nós temos que traballar durante cinco anos nesa parcela para que lle dé tempo ás especies para poder ter o control de acacia no chan, temos unha continuidade dese traballo en cinco anos”, expón. 

“O QUE NOS SOBRA AQUÍ É XENTE E O QUE NOS FALTA É UNHA ORDE NAS COUSAS”

E o papel das administracións? “As administracións viven totalmente alleas, especialmente a muncipal, á problematica do Monte Madroa, de costas ao que é noso proxecto. Trátase dun monte periurbano de só 65 hectáreas nas que o concello de Vigo ten tres campos de fútbol; un zoo; un parque forestal; e moitos camiños asfaltados aló polos 80″. No que se atinxé á administración autonómica, a Xunta de Galicia, desde a Comunidade de Montes de Teis sinalan que ten unha “política forestalista, de monocultivo, de plantar en liña e facer bosques artificiais para talar”. Fai fincapé en que a súa filosofía e xestión “non cadra con iso”, polo que “non hai axudas de Medio Rural”. 

Entre as ameazas sobre o monte, lembra que ardeu fai uns 19 anos unha superficie de acacia. “Nesta só naceu acacia porque o lume é algo que activa a semente”, comenta. Así, desde que están traballando non volveu arder, máis aló dos momentos complicados polos lumes do 2017 que se produciron na zona de Vigo. Porén, máis aló dos lumes, este monte viuse moi afectado, segundo recoñece, por mor do facer humano durante a pandemia: “Tivemos que denunciar que se construíron tres pistas ilegais de descenso de bicicleta e motoclicleta en zonas recuperadas, nas máis fermosas e idílicas para andar. Viñeron uns desalmados a crear esas pistas”. Tamén fai fincapé en que é o Monte Madroa ten unha “forte carga urbanística” porque eses campos de fútbol tradúcense en coches e “o que nos sobra aquí é xente e o que nos falta é unha orde nas cousas”. Por iso, demandan que o monte ten que ser aberto, de uso público e social, pero que que se ten que coidar desde as administracións. 

Cales son os vosos próximos retos? “Principalmente continuar recuperando o Monte Madroa. Contamos co rexistro ICCA (Territorios de Vida gobernados por Comunidades para a súa conservación), que é un recoñecemento ás persoas que ocupamos un territorio,somos comuneiros da parroquia de Teis, e facemos proxectos de conservación. A nivel internacional, temos publicacións do traballo e metodoloxía que empregamos en Alemaña, onde fomos poñentes deste proceso. Así como artigos publicados en revistas internacionais de medio ambiente e natureza. Somos profetas fóra, pero non na nosa terra”, conclúe. 

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...