Case dous millóns a facer do Mosteiro de Oia un gran establecemento turístico no Camiño da Costa. Será a través da liña de axudas para a creación de establecementos turísticos en emprazamentos senlleiros do Camiño de Santiago no marco do Plan Xacobeo Next Generation.
Este primeiro proxecto autorizado é o que foi presentado o pasado mes de novembro pola empresa Residencial Mosteiro de Oia, SA, que suporá dotar ao Mosteiro de Oia de restaurante e que compatibiliza a creación desta oferta de restauración coa posta en marcha dun proxecto cultural dinamizador do turismo na contorna.
O proxecto conta cunha axuda de 1,8M€ (o 80% do investimento necesario) que sufragará, entre outras accións a reforma e rehabilitación do sistema envolvente e estructural, así como da contorna e sistema de instalacións, mellora de carpinterías, cubertas e envolvente. Tamén se inclúen actuacións de mellora en instalacións de iluminación e control, sistemas con contribución renovable, mellora de accesibilidade, entre outras.
BIC
Como se establecía nas bases, a creación do establecemento turístico vai unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural (BIC). Neste caso o novo establecemento leva aparellada a rehabilitación do Mosteiro de Oia. Tamén se requiría que, polo menos un 80 % da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. Neste caso concreto a visita pública será todo o ano, de martes a domingo, en horario 11:00 –13:00 h e 16:00 –18:00 h. A empresa deberá ter as obras acabadas o 31 de outubro de 2025.
AXUDAS EUROPEAS
Os fondos desta obra proceden de diñeiro europeo cos que a Xunta quere impulsar negocios turísticos na contorna dos camiños de Santiago. Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia está facendo realidade cos fondos europeos que foron asignados a Galicia co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. En concreto, forma parte dos 39,2M€ -dos que a Xunta xestiona directamente máis de 31M€- cos que se puxo en marcha o Plan Xacobeo Next Generation. Ademais desta liña de axudas, este plan inclúe a sinalización da rede cicloturística Eurovelo, que está en execución ou o proxecto de revalorización da Ruta Traslatio, en ejecución. Este Plan Xacobeo Next Generation comprende tamén a rehabilitación de 12 BIC do Camiño de Santiago.
A liña de axudas diferencia dous tipos de proxectos: os que fomenten a competitibidade e sustentabilidade turística en establecementos senlleiros e os que busquen dinamizar o turismo cultural coa posta en valor de Bens de Interese Cultural. En ambos casos levará asociado a creación de novos establecementos que poden ser de aloxamento ou de restauración (restaurantes, cafeterías ou bares) e que estean situados en concellos do Camiño de Santiago. Tamén en ambos casos as axudas van dirixidas a pequenas, medianas ou grandes empresas.
GRAN COMPLEXO TURÍSTICO
Por iso, a idea é facer deste senlleiro edificio relixioso un gran complexo turístico. A chegada ao restaurante realizarase desde o Patio de Armas, mediante o acceso existente na praza fronte ao atrio da Iglesia, o paseo polo Patio de Armas, con vistas á costa de Oia e ao Mosteiro finaliza no Patio de Oficinas, desde onde se accederá ao corpo principal do restaurante: a antiga enfermería.
Na planta baixa, a antiga enfermería será reconfigurada para albergar a recepción do restaurante, a zona de bar do restaurante e dous aseos adaptados para persoas con
discapacidade. Estes últimos estarán precedidos por un vestíbulo que proporciona un acceso adecuado e con dobre porta. No semisoto, accederase a unha zona que permite o recoñecemento dos antigos muíños de gravidade, servindo como anexo ao espazo superior. Este espazo semisoto conta con xanelas que ofrecen vistas ao río Lavandeira e presenta un patio no seu testero oeste.
Na entreplanta, situada directamente sobre a planta baixa, crearase unha nova Terraza vexetal orientada cara ao océano, desde a cal se poderá gozar da posta de sol. A nave norte, situada na zona do Patio das Laranxeiras, albergará o comedor principal do restaurante. Entre o corpo da antiga enfermería e a nave norte configurarase o espazo destinado á cociña, con accesos que conectarán ambos os espazos.