Unha vez máis, aparecen cabalos con cordas nas súas patas en Domaio. LIBERA! e a Fundación Franz Weber fanse eco de novas queixas cidadás, e mentres os animais son sometidos a unha modificación grave do seu comportamento natural, seguen reclamando unha norma específica de benestar e protección activa.
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber denuncian a aparición de máis cabalos coas patas dianteiras inmobilizadas, unha práctica gandeira ‘ trufada’ de mitos que “somete aos animais a un sufrimento cruel e innecesario”, aseguran.
Os équidos foron gravados na estrada CF-404 que transita entre o miradoiro do Monte Faro, en Domaio (Moaña), e a área recreativa de Chan de Arquiña, unha zona onde os animalistas xa advertisen acerca desta práctica de malos tratos animais a pasada semana, e onde se localizaron non poucos animais en similares circunstancias nos últimos anos.
A colocación de dispositivos para inmobilizar ou limitar de forma continuada o movemento dos animais é unha práctica constitutiva dun delito de malos tratos animais, penado con ata un ano de prisión e inhabilitacións para a tenencia, comercio ou profesión relacionada cos mesmos por un máximo de 36 meses.
Con todo, a situación de abuso animal continúa, como denuncian os colectivos. Neste sentido FFW e LIBERA! lograron documentar, con este caso dobre, 162 situacións de malos tratos a cabalos desde 2011, a pesar de que ningún dos animais estaba identificado. Grazas ao “pacto de silencio” existente nestas zonas rurais é practicamente imposible definir quen é o autor desta acción de crueldade.
Os animalistas recomendaron que, ante a localización dun animal nestas circunstancias, non se tente liberalo de forma inmediata, xa que a súa forza podería provocar severas feridas aos rescatadores.
Expoñen comunicar tanto a Seprona como á Consellería do Medio Rural a localización e cerciorarse de que os axentes acoden para verificar o estado do animal, liberalo das súas cadeas e levantar acta.