InicioMedio Ambiente e PatrimonioEcoloxistas denuncian ao Consello da Xunta ante o TSXG ao declarar interese...

Ecoloxistas denuncian ao Consello da Xunta ante o TSXG ao declarar interese autonómico a cidade deportiva do Celta

Ven "prevaricación" por uns acordos ditados de forma "arbitraria, con plena conciencia da súa inxustiza" para "satisfacer o interese dunha entidade privada".

PUBLICADO O

Ecoloxistas en Acción presentou denuncia na sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  (TSXG) ao considerar que o Consello da Xunta, presidente e conselleiros, cometeu delito de prevaricación ao declarar de interese autonómico o proxecto GS360 do presidente do Celta.
Ecoloxistas en Acción denuncia o historial de irregularidades na actuación da entidade “Real Club Celta de Vigo, S.A.D”, e do Goberno local do concello de Mos, en relación ás obras das instalacións deportivas, chamadas a cidade deportiva do Celta. Obras executadas en terreos forestais de especial protección en Mos. Unhas instalacións que agora a Xunta de Galicia pretende legalizar coa tramitación do“Proxecto de Interese Autonómico denominado Factoría do Deporte Gallego – Galicia Sports 360 ”.
En 2018, o Goberno do concello de Mos outorgou licenza municipal de obras ao Celta de Vigo para a construción de campo de fútbol e soto para instalacións deportivas en monte comunal. De igual maneira, en 2019, outorgou licenza para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares imprescindibles. Deste xeito licenciáronse unhas obras en chan rústico forestal de especial protección para a construción dun equipamento deportivo privado, en ausencia da tramitación previa dun Plan Especial de Dotación e Infraestrutura.
Todas estas actuacións irregulares, outorgamento de licenzas, xurisdiccionalmente anuladas, e execución de obras, non axustadas á licenza, pretendían legalizarse a través dunha Modificación Puntual do PXOM de Mos. “Esta modificación urbanística, que máis que perseguir o interese público perseguía satisfacer o interese dunha entidade privada, non foi adiante polos informes desfavorables dos órganos sectoriais competentes”, destaca Ecoloxistas nun comunicado.
SENTENZAS EN CONTRA
Incluso un informe do Xefe do Servizo de Urbanismo do Concello de Mos reflectía que as obras executadas pola entidade deportiva nin sequera se axustaron aos proxectos licenciados, senón que excederon con moito o permitido polas licenzas. “Isto supón unha concesión de licenzas sabéndose contrarias á lei. E así o ditaminou a Xustiza, xa que ditas licenzas foron anuladas por Sentenza do Xulgado do Contencioso- administrativo nº3 de Pontevedra“, sinala. Sentenza firme, xa que foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en marzo de 2023, tras resolver o recurso de casación interposto polo concello de Mos.
“Co fin de sortear a tramitación e aprobación dun PEID e de favorecer o inicio prematuro das obras, concedéronse dúas licenzas nun intento de minimizar o alcance das obras mediante un fraccionamento do proxecto por fases: primeiro autorízase o campo de fútbol dobre e o aparcamento, e despois autorízanse os vestiarios e o resto de instalacións. Isto é claramente ilegal” aseguran desde Ecoloxistas en Acción.
Pese a ilegalidade manifesta do construído, ningún dos organismos con competencias en materia de protección da legalidade urbanística no chan rústico, tanto o concello de Mos como a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia, adoptaron medida algunha, a pesar de que a adopción de tales medidas resultaban obrigadas por lei. Esta inacción, recalcan, desde Ecoloxistas en Acción, resulta inxustificable, “é un total abandono do exercicio de potestades de disciplina urbanística ante obras executadas en terreos sometidos a un réxime de especial protección“.
MANOBRA DA XUNTA
Despois de todo este historial de irregularidades, para Ecoloxistas en Acción, parece evidente que o Consello de la Xunta de Galicia declara o interese autonómico prevalecente deste proxecto para tratar de eludir os informes desfavorables emitidos por diversos organismos públicos e conseguir así a expropiación e posterior reclasificación do monte veciñal para a implantación do proxecto comercial privado, GS360, do presidente do Celta.
Ademais, para a organización ecoloxista resulta claro que neste proxecto non concorre ningún interese estratéxico ou vertebrador de carácter autonómico necesario para a declaración de Proxecto de Interese Autonómico, senón que o único que se persegue é satisfacer exclusivamente o interese dunha entidade privada.
Sinalan que no proxecto GS360 atopámonos ante usos a implantar de carácter dotacionais privados e comerciais. Usos que perfectamente son implantables en Chan Urbano ou Urbanizable, sen que sexa necesario acudir a Chan rústico de especial protección. Máis, din, cando a propio PXOM en tramitación do concello de Vigo, no que o Celta de Vigo ten a súa sede e arraigamento, xa contempla unha reserva de terreos de 104.000 m2, para equipamentos deportivos. Aínda así, recalcan, pretenden ocupar unha contorna forestal, privando ao monte veciñal do destino e función social que lle é propia.
“QUE SERÁ O PRÓXIMO?”
“Agora unha licenza, agora un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, agora unha Modificación Puntual do PXOM, agora un Proxecto de Interese Autonómico Que será o próximo? O Partido Popular parece disposto ao que sexa con tal de favorecer a un empresario amigo, sen importarlle sacrificar o monte comunal”, sinala Eloy Pérez, coordinador de Ecoloxistas en Acción.
Ademais, Ecoloxistas en Acción denuncia que o proxecto GS360 do presidente do Celta ten un forte impacto ecolóxico, xa que afecta a terreos de monte veciñal e comporta unha evidente afección aos recursos hidrolóxicos da zona dadas as necesidades de auga para as instalacións hostaleiras, comerciais e deportivas do proxecto. Para a organización ecoloxista debería prevalecer en todo caso o uso correspondente co abastecemento dos núcleos da zona.
Subliñan que o proxecto afectará o patrimonio cultural da zona, en concreto á área de protección integral do xacemento “Coto dos Mosquitos”. E que tamén supón unha severa e irreversible afectación á paisaxe dada a implantación nunha zona eminentemente forestal da Cidade Deportiva Afouteza e pode afectar a especies protexidas ou en situación de vulnerabilidade, o cal desde logo non se contempla debidamente no proxecto.
Denuncian que a Xunta está a refugar a relevancia do mantemento das superficies de monte, a pesar da súa función social, os servizos ecosistémicos que presta e ao seu fundamental papel na loita contra a contaminación ambiental como sumidoiros de dióxido de carbono.

ÚLTIMAS

Vigo sen Bombeiros manifestarase este sábado para volver reclamar máis efectivos tras a morte de Sergio S.D.: “Xa se pagou un prezo moi caro”

A plataforma Vigo sen Bombeiros convocou unha manifestación para este sábado, ás 19.00 horas na Praza...

A Xunta critica ao Concello de Vigo por non poñer buses lanzadeira a Lavacolla

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou este mércores a "resposta...

Entradas para o Galicia-Panamá se doas sangue

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Real Federación Galega de Fútbol volverán desenvolver...

Adxudicado pola vía de emerxencia o servizo de transporte sanitario urxente da área a Emerxencias Sanitarias-Saluser

A Xunta, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, adxudicou o servizo de transporte sanitario...