Ponteareas foi o municipio galego máis golpeado polo lume en 2017. Dous grandes incendios forestais declarados o 15 de outubro queimaron en conxunto 9.522,97 hectáreas, case a quinta parte do total que arrasaron todos os lumes —grandes e pequenos— declarados en Galicia aquela tráxica fin de semana, na que morreron catro persoas.
O concello ponteareán é o segundo máis castigado polos lumes en España, practicamente á par que o de Encinedo, en León, onde un incendio declarado o 21 de agosto de 2017 arrasou 9.820,66 hectáreas, o máis devastador dese ano en todo o Estado. En terceiro lugar sitúase o que aconteceu en Moguer (Huelva) o 24 de xuño, con 7.517,88 hectáreas, e o cuarto, o de Melón, tamén o 15 de outubro, con 5.965,86.
GRANDES INCENDIOS
Durante 2017 houbo 56 grandes incendios forestais en España —os que afectan máis de 500 hectáreas—, dos cales 23 se localizaron en Galicia (o 41%).
Os grandes incendios calcinaron en total en España 98.072 hectáreas durante o ano 2017, das cales 41.713,34 pertencen a Galicia. Isto é, o 42,5% da superficie total queimada polos grandes lumes no Estado español sitúase en Galicia.
Estes foron os grandes incendios en Galicia no ano 2017, por orde cronolóxica (todos, agás un, en outubro).
Localidade | Data | Hectáreas |
Verín | 03/08 | 1.372,18 |
Lobios | 09/10 | 670 |
Cervantes | 12/10 | 864 |
Cervantes | 13/10 | 1.785 |
Lobios | 14/10 | 3.425,48 |
Tui | 15/10 | 865,37 |
Chandrexa de Queixa | 15/10 | 741,03 |
Baños de Molgas | 15/10 | 1.599,97 |
Melón | 15/10 | 5.965,86 |
San Cristovo de Cea | 15/10 | 1.520,34 |
A Gudiña | 15/10 | 1.809,14 |
Esgos | 15/10 | 573,03 |
Maceda | 15/10 | 526,36 |
Parada de Sil | 15/10 | 1.275,62 |
Salvaterra do Miño
|
15/10 | 770,14 |
Caldas de Reis | 15/10 | 1.067.87 |
Gondomar | 15/10 | 1.384,92 |
Nigrán | 15/10 | 1.483,25 |
As Neves | 15/10 | 2.818,49 |
Ponteareas | 15/10 | 8.877,79 |
Ponteareas | 15/10 | 645,18 |
Mondariz | 15/10 | 568.32 |
Negueira de Muñiz | 16/10 | 1.104 |
A maior parte dos grandes incendios concentráronse nas provincias de Ourense e Pontevedra, con 11 e 9, respectivamente. Lugo sufriu tres e A Coruña, ningún.
Na provincia de Pontevedra, os grandes incendios afectaron principalmente a zona sur e arrasaron un total de 18.481,33 hectáreas, o 44,30 por cento do total que estes lumes calcinaron en Galicia en 2017.
22 dos 23 grandes lumes producíronse no mes de outubro e 17 aconteceron o fatídico domingo 15 de outubro, cando se iniciou unha vaga de incendios que puxo media Galicia en xaque e se cobrou catro vidas humanas.
O NOROESTE, A ZONA MÁIS AFECTADA
A distribución do número total de incendios por área xeográfica mostra que a zona noroeste de España sufriu a maior cantidade de incendios, co 51,57% do total anual. Ademais, o 73,21% dos grandes incendios forestais e o 74,54% da superficie queimada por estes localizáronse nesta área.
As cifras están recollidas no informe sobre incendios forestais que publica anualmente a Comisión Europea e que acaba de reeditar e facer públicos, con datos de 2017 para todo o continente.