Medio milleiro de persoas encabezadas pola Corporación Municipal mosense en pleno e pola súa alcaldesa, Nidia Arévalo; acudiron esta tarde a manifestarse á Praza do Concello mosense, en defensa dos intereses de Mos e dos condutores e condutores que transitan pola autovía A-55.
Durante a concentración, a rexedora local mosense fixo lectura dun comunicado no que reclamaba a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria na A-55 por parte da Dirección Xeral do Estado. As obras de mellora iniciáronse hai tres anos, pero foron interrompidas, con algunhas zonas coma o barrio de San Eleuterio en Tameiga aínda en peor situación que cando comezaron as obras, asegura o Concello de Mos.
Denuncian falta de sinalización horizontal, límites de velocidade confusos, malas iluminacións, sinistros diarios e que xa se produciron centos de mortes, sendo a autovía máis perigosa de Galicia, o cal afecta non só a este concello, senón a veciños de toda a Área Metropolitana.

Tralo incumplimento por parte da Dirección Xeral de Estradas do Estado da data comprometida para a reanudación das obras de mellora da seguridade viaria, o 1 de marzo a alcaldesa de Mos reuniuse en Madrid co Director Xeral de Estradas de España, Jorge Urrecho Corrales, chegando á promesa incumprida de que se retomarían os traballos durante o mes de marzo de 2018.
Dende o Concello de Mos aseguran tamén ter feito xestións con distintas administracións, con cartas ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, para pedirlles intermediación ante a Dirección Xeral de Estradas do Estado e ante o Ministerio de Fomento.
A rexedora mosense insistiu en que “ogallá que o inicio das obras chegue máis pronto que tarde, pero de non ser así non cesaremos nas nosas mobilizacións ata conseguilo”. E anunciou que a vindeira acción á que se convoca á cidadanía está programada para o vindeiro venres 20 de abril ás 20.00 horas, e consistirá nunha comitiva que partirá camiñando desde A Curuxeira.