InicioDeportesSegue en xaque a cidade deportiva do Celta en Mos: máis de...

Segue en xaque a cidade deportiva do Celta en Mos: máis de 4.000 alegacións presentadas

A Xunta sinala que responderá "todas" as reclamacións e defende que Galicia Sports 360 ten interese "máis aló" do deportivo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os comuneiros de Tameiga, a Plataforma Auga é Vida (que agrupa ás comunidades de augas), Ecoloxistas en Acción, e o BNG presentaron este luns no rexistro da delegación territorial da Xunta en Vigo máis de 4.000 alegacións, apoiadas tamén por outras entidades e partidos, como PSOE e Sumarcontra a declaración de interese autonómico do macroproxecto Galicia Sports 360, impulsado polo Real Club Celta en Mos.

O presidente da comunidade de Montes, César Lago, sinalou que esas alegacións se centran en varios ámbitos. Por unha banda, censúrase a “recualificación” dun chan que, no plan municipal, figura como rústico de especial protección; así mesmo, expresan o seu rexeitamento polo “ataque” ao patromonio ambiental e paisaxístico, e polas consecuencias desta actuación nos recursos hídricos da zona.

Segundo denunciou, Xunta publicou a principios de agosto o acordo pasa someter a información pública a declaración de Proxecto de Interese Autonómico para esta iniciativa , dando un prazo dun mes para que os particulares poidan alegar. “Fano en período vacacional para que non houbese tempo de reacción”, apuntou. No caso dos comuneiros, explicou que ese macroproxecto prevé a ocupación de 90.000 metros cadrados (dun total duns 300.000 metros cadrados que ocupa Galicia Sports 360), pero a entidade xa expresou que non quere nin vender nin permutar.

Pola súa banda, a portavoz de Auga é Vida sinalou que as traidas da zona abastecen a máis de 4.200 veciños, que verán prexudicada a súa subministración por un proxecto que esixe máis dun millón de litros de auga ao día. “Galicia Sports 360 é un atentado contra o recurso da auga, xera contaminación, perda de acuíferos, etc.” advertiu. Na mesma liña, o responsable de Ecoloxistas en Acción-Rías Baixas, Xaquín Pastoriza, puxo o foco na actitude da Xunta, que “quere legalizar” unha actuación “declarada ilegal” polos tribunais, mediante “subterfuxios”, “retorcendo a normativa urbanística”. “Queren arrasar o monte, a riqueza paisaxística e aumentar a contaminación coa construción de novos viarios, pero o monte non se vende”, proclamou.

PARTIDOS POLÍTICOS

O portavoz municipal do BNG en Mos, Gustavo Barcia, rexistrou tamén as alegacións da súa formación a este proxecto de interese autonómico, e tamén denunciou que a administración autonómica “en lugar de coidar do medio ambiente, vai na dirección contraria, favorecendo a unha empresa e á especulación”. Barcia tamén incidiu en que Xunta e Concello de Mos optaron por “retorcer” a lei en beneficio dos intereses do presidente do Celta, Carlos Mouriño, e trasladou o apoio do BNG aos veciños e comuneiros nas súas reclamacións.

Tamén expresou o seu apoio a esta causa a portavoz do PSOE en Mos, Vitoria Iglesias, que recalcou: “Non se pode permitir que un interese privado teña máis capacidade que a propia administración ou os veciños”. Mentres, a deputada de Sumar, Verónica Martínez, tamén se sumou ao acto de entrega de alegacións, e reafirmou o seu apoio a veciños, comuneiros e ecoloxistas. Respecto diso, defendeu a creación de “emprego verde e sustentable”, e lamentou que Galicia Sports 360 “non cumpre” eses requisitos, á vez que instou ao goberno galego a sentar a dialogar e negociar cos afectados.

RESPOSTA DA XUNTA

A Xunta de Galicia saíu ao paso destas críticas lembrando que analizará e responderá “a todas as alegacións” presentadas na tramitación deste proxecto do Celta, e explicou que, unha vez terminado o prazo de presentación desas reclamacións, o proceso continuará nos próximos meses coa emisión dos informes sectoriais preceptivos.

A través dun comunicado, a administración autonómica apuntou que Galicia Sports 360 (aprobado inicialmente polo Consello da Xunta o pasado mes de xullo) “defende a idea do deporte como unha actividade de interese público, que coadxuva ao crecemento e á cohesión social, á igualdade de xénero, a mellorar o benestar dos cidadáns e o desenvolvemento do conxunto de Galicia”.

Trátase, segundo o goberno galego, dun proxecto transversal, de interese supramunicipal, “que vai máis aló do ámbito deportivo” e que pode converterse nun “complexo indispensable e necesario que fortaleza a industria do deporte en Galicia e promova o seu desenvolvemento”. Tras subliñar que será un referente e “un investimento estratéxico para o futuro”, a Xunta sinalou que seguirá analizando a iniciativa para a súa aprobación definitiva “polo interese que ten máis aló do plano competitivo”.

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...