O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra leva a cabo un operativo contra o narcotráfico que se saldou con varias decenas de detidos en toda España, polo menos 8 deles na área de Vigo, e que ten ramificacións na provincia de Ourense, en Castela-A Mancha, Cataluña e Andalucía, e mesmo o norte de Portugal.
Segundo confirmaron fontes xudiciais, o operativo está coordinado polo xulgado de instrución 8 da cidade olívica, e producíronse arrestos e rexistros nos partidos xudiciais de Vigo, O Porriño e Verín, así como en Toledo, Cataluña e Andalucía.
Trátase dunha investigación que foi declarada secreta e que aínda está aberta. Fontes consultadas sinalaron que o operativo está vinculado co tráfico de drogas e o uso de ‘narcolanchas’.